As UCIs dos hospitais públicos galegos incorporarán a IA nun sistema de alertas de apoio ás decisións sanitarias

Despois da formalización do contrato, o sistema de información instalarase en todos os hospitais das áreas sanitarias de Ferrol; Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; Pontevedra e O Salnés; e Santiago de Compostela e Barbanza ao longo dos anos 2025 e 2026.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2024 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

A Xunta informatizará as unidades de críticos dos hospitais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) coa incorporación da Intelixencia Artificial e dun sistema de alertas de apoio ás decisións sanitarias. O Executivo autonómico publica no Portal de Contratos de Galicia a contratación, mediante acordo marco cun único empresario, da subministración e implantación dun sistema de información para as unidades de críticos das áreas sanitarias do Sergas.

O proxecto, que permitirá informatizar todas as unidades, ten un valor estimado de 2,4 millóns de euros e está cofinanciado pola Unión Europea a través do programa FEDER de Galicia 2021-2027. Con este contrato, incorpóranse modelos de intelixencia artificial baseados no uso de algoritmos predictivos para un sistema de xestión de alertas e eventos, coñecendo o estado dos pacientes de forma instantánea.

Segundo explicou a Consellería de Sanidade nun comunicado, isto axudará á toma de decisións do persoal sanitario e dotará as unidades da capacidade para realizar a análise de datos para a elaboración de estudos e investigacións ou para o desenvolvemento de protocolos de atención. Ata o momento, os hospitais públicos das áreas sanitarias de Vigo e da Coruña e Cee xa contaban con sistemas de informatización nas unidades de críticos e as cinco áreas restantes tamén dispoñen de dispositivos e equipos con diferentes capacidades de envío autonático de datos.

Por tanto, o novo proxecto do Sergas engade a integración destes equipos para a incorporación automatizada dos datos xerados. O sistema recollerá e tratará toda a información do paciente en tempo real, incluíndo os datos na súa historia clínica. Ademais, permitirá compartir a información entre as distintas áreas do Sergas, facilitará a organización do persoal das unidades de críticos e permitirá o uso de sistemas de apoio á toma de decisións. Sanidade explicou que as unidades de críticos (UCI de adultos polivalente, UCI coronaria, UCI pediátrica, UCI neonatal, unidades de anestesia e reanimación poscirúrxica ou unidades de críticos nos servizos de urxencias) rexistran e almacenan unha gran cantidade de información volátil procedente de sistemas de monitorización e dispositivos electromédicos.

En concreto, a monitorización hemodinámica (por exemplo, tensión arterial), respiratoria (aire expirado ou sistemas de ventilación mecánica), neurolóxica (datos de electroencefalograma), neuromuscular (perda transitoria de consciencia), de temperatura ou medicacións (recollida de datos procedentes de bombas de infusión intelixentes). Despois da formalización do contrato, o sistema de información instalarase en todos os hospitais das áreas sanitarias de Ferrol; Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; Pontevedra e O Salnés; e Santiago de Compostela e Barbanza ao longo dos anos 2025 e 2026. O prazo de presentación de ofertas finaliza o próximo 5 de agosto ás 14.00 horas.

UCI do Hospital Clínico de Santiago
UCI do Hospital Clínico de Santiago | Fonte: Ana Varela - SERGAS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta