Convocada folga no transporte urbano de Ferrol, Narón e Neda desde o luns 15

Acusan o grupo Alsa de non querer aplicar o convenio provincial aos traballadores de Maitours que prestan o servizo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/07/2024 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

Os 40 traballadores de Maitours, empresa do grupo Alsa que presta o servizo de transporte urbano en Ferrol, Narón e Neda irán á folga a partir do luns, día 15, para reclamar que se lles aplique o convenio provincial e non o da extinta Tranvías de Ferrol, concesionaria anterior do servizo. Todos estes traballadores foron subrogados por Maitours cando se resolveu a adxudicación en 2019, que gañou a UTE formada por Maitours e Intercar.

O responsable de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, explicou esta mañá que o obxectivo do persoal é que se uniformicen as condicións dos traballadores das dúas empresas que forman a UTE. "A empresa aplica o convenio provincial a todo o seu persoal, excepto ao persoal que vén subrogado de Tranvías, que tiña convenio propio", asegurou. No seu momento, esta disparidade levou ao xulgado, que lles deu a razón "cando se publicase o novo convenio provincial", sinalou.

Pastoriza lembrou que as táboas salariais do novo convenio xa se publicaron no Boletín Oficial da Provincia, polo que entende que "a partir de aí xa se tería que aplicar o convenio, se non na súa integridade, si polo menos as condicións económicas, que son as que xa están publicadas".

No entanto, o responsable do sector do transporte da CIG asegura que á empresa "non lle convén porque o convenio provincial ten mellores condicións que o do antigo Tranvías, sobre todo porque neste non había plus de antigüidade nin tampouco dietas".

Ademais, o sindicato denunciou a "actitude de bloqueo" da empresa na mediación que tivo lugar fai máis dunha semana. A folga afectará as seis liñas de transporte de viaxeiros entre Ferrol, Narón e Neda. Aínda deben publicarse os servizos mínimos por parte da Xunta.

Parada de autobús. EUROPA PRESS - Arquivo
Parada de autobús. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta