Pontecesures conta cun mural moi especial: ademais de absorber CO2 lembra ao primeiro ferrocarril galego

Foi no ano 1973 cando se inaugurou o primeiro ferrocarril galego, que ía de Cornes (Santiago) a Carril (Vilagarcía) e que supuxo un grande impulso para todas as vilas con paradas intermedias, como foi o caso de Pontecesures.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 03/08/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Pontecesures inaugurou o pasado mes de xullo dous murais moi especiais: están feitos cunha pintura que absorbe o CO2, de tal xeito que cada metro cadrado de debuxo equivalerá, segundo o goberno local, ao "efecto depurativo dunha árbore adulta". Ademais, as pinturas, creadas polo colectivo Vella Escola, están relacionadas coa cultura e o patrimonio local. Estas actuacións situada na praza do Coche de Pedra sumada á que se desenvolveu na Praza de Abastos sumarán uns 120 metros cadrados de superficie, é dicir, suman o efecto equivalente a crear unha plantación de 120 árbores.

Estado actual da estación de tren de Pontecesures
Estado actual da estación de tren de Pontecesures | Fonte: Pontecesures.net

Na Praza de Abastos a pintura recolle a importancia que ten o río Ulla para o municipio, con referencias á importancia mercantil da vila, destacando a pesca con elementos coma as patifas e os veleiros, ademais de reflexar detalles do almacenamento de sal ou o tráfico de mercadorías. E na praza veciña proxéctase un deseño no que destaca o papel de Pontecesures na historia dos transportes en Galicia, con referencias á primeira feira do automóbil de ocasión de 1925 e á primeira liña de tren de 1873 Cornes-Carril. A iniciativa, baixo o nome de 'QUEROeco' financiarase con fondos que o Concello ingresou grazas a unha venda de madeira do Monte Salgueiras. 

Hoxe, aproveitando esta actuación, dende o Galicia Confidencial queremos lembrar a importancia desta e outras moitas estacións de tren intermedias desa primeira ruta de ferrocarril galega. Aínda que agora está en decadencia, como tantas outras pequenas estacións que fan de parada intermedia para os actuais trens de Renfe, con cada vez menos liñas e frecuencias, a estación de tren de Pontecesures foi no seu tempo un importante impulso para a economía da vila e contribuíu á formación de múltiples empresas ao seu redor, que podían recoller e subir nos vagóns que por ela pasaban as mercadorías precisas. 

Actualmente esta liña de tren conta con 151 anos ás súas costas. Foi o 15 de setembro de 1873 cando o tren se estreaba na antiga estación de Cornes, no barrio compostelano de Conxo. Contaba con sete paradas ata rematar na vila arousana de Carril, unha delas era Pontecesures. No ámbito español, o primeiro tren inauguraríase en La Habana, en 1837, e non sería ata o 1848 que chegaría o primeiro ferrocarril peninsular entre Barcelona e Mataró (polo tanto, con 15 anos de retraso sobre este último aparecía o tren galego). 

As obras desta primeira liña de tren galega comezaron 13 anos antes e estuveron a cargo do inglés Mr. John Stephenson Mould, máis tarde arrendador da explotación, e do seu socio italiano Camilo Bertorini. Impulsado pola Real Sociedade Económica de Amigos do País, a concesión foi outorgada en 1861, e transferida á compañía que a ía explotar en 1863, constituida co nome de Sociedade do Ferrocarril Compostelano da Infanta Dona Isabel de Santiago ao porto de Carril. 

Estación de Cornes (Santiago) en 1909, co primeiro ferrocarril galego
Estación de Cornes (Santiago) en 1909, co primeiro ferrocarril galego | Fonte: Commons

Nos seus 42 quilómetros de percorrido bordea a ría de Arousa e os ríos Ulla e Sar. Ademais de Pontecesures, as súas outras estacións intermedias eran (e son): Carril, Catoira, Padrón, A Escravitude, Osebe e Casal, formando parte do que actualmente se denomina Eixo Atlántico dende a fronteira lusa ata Ferrol. En 1880 fíxose cargo da xerencia outro inglés, John Trulock, avó de Camilo José Cela, e en 1886 cambiou o nome polo de The West Galicia Railway Company, trasladando o seu domicilio social e o consello de administración a Londres, aínda que a xerencia permaneceu sempre en Vilagarcía. 

O señor Trulock estableceuse definitivamente en Padrón, onde creou familia e onde anos máis tarde nacería o seu neto, o Premio Nobel Camilo José Cela Trulock, e en cuxa Fundación se conserva a famosa locomotora Sarita, que foi regalada ao seu avó polo presidente do Beira Alta dos ferrocarrís portugueses e aloxada actualmente nas inmediacións do museo ferrocarrileiro en Iria Flavia. Foi en 1899 cando a liña se prolongou ata Pontevedra, uns 32 quilómetros máis, quedando así unida ao resto de España a través de Redondela. 

Durante moitos anos transportou produtos dos portos, agrícolas e gandeiros entre o mar a Santiago e viceversa, e nos veráns moitos composteláns e xente da comarca usaba estes trens para desfrutar das praias arousanas da Concha e Compostela. En 1928 foi absorvida pola MZOV, e esta pola Compañía do Oeste ao ano seguinte, ata que en 1941 se integrou en Renfe, non téndose interrompido o tráfico ferroviario en ningún momento dende a súa existencia, salvo os catro días de choivas torrenciais que provocaron a caída da ponte e de 450 metros de vía sobre o río Ulla en 1876. Na súa historia a liña tivo dous accidentes espectaculares: o do tren gandeiro no Ramal ao Porto de Vilagarcía, do cal existe un cántico e poema alusivo, e o dramático choque con posterior incendio do tren correo entre A Escravitude e Padrón. 

Mural que lembra o primeiro ferrocarril galego mentres absorbe CO2 en Pontecesures
Mural que lembra o primeiro ferrocarril galego mentres absorbe CO2 en Pontecesures | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta