María del Sol Pérez Iglesias, nutricionista: "O verán é unha época estupenda para propor coidarse"

Catro ideas de pratos non tan habituais en Galicia, pero moi recomendables nesta época do ano.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 14/07/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O verán non acaba de asentar en Galicia por mor do tempo, pero agárdase que isto cambie e prevaleza o anticiclón. Será sinónimo de temperaturas altas, sol, plans de praia ou piscina, xuntanzas... O de toda a vida, pero tamén coincide cun tempo no que se producen cambios na alimentación, xa que non se come o mesmo en verán ca en inverno. "Sendo positiva poño o foco en que é unha época que nos axuda a ter unha alimentación máis adecuada porque convida a comer máis froita e verduras, do que soemos estar máis deficitarios na nosa dieta cotiá", afirma María del Sol Pérez Iglesias, nutricionista do Colexio Profesional de Dietistas- Nutricionistas de Galicia (CODINUGAL). Como parte máis negativa da época destaca o aspecto social e vacacional, no cal se incrementan as visitas e os compromisos de comer e beber máis. "É parte da cultura que temos en toda España", expón. 

Gazpacho
Gazpacho

Como primeiro punto de inflexión, do máis importante, durante o periodo de altas temperaturas destaca a hidratación ante unha "perda de líquidos maior que fai que a reposición tamén sexa maior". Sinala que o recomendable é beber por riba do litro e medio ou dos litros, prestando especial atención a casos concretos como poden ser as mulleres coa menopausia ou os deportistas. "Hai maior sudoración e poden precisar máis de tres litros", comenta

Tamén é esta unha época "máis perigosa" no que atinxe a posibles intoxicacións por alimentos, xa que os tempos de crecemento da bacteria son máis curtos, as temperaturas son máis elevadas e multiplícanse a maior velocidade en menos período de tempo. "Isto todo predispon para que se produzan máis infeccións alimentarias", apunta. 

ESPECIAL COIDADO CO QUE LEVAMOS Á PRAIA

A nutricionista alerta de ter especial coidado coa comida que se leva á praia ou á montaña e menciona casos concretos. Por exemplo, a habitual ensaladilla, que xa a imos facer con maionesa industrial porque na caseira hai que ter en conta que "o ovo vai cru e sempre ten salmonela en orixe". Desta maneira explica as posibles consecuencias: "Se meto esa maionesa caseira e a levo á praia e está seis horas, vai estar medrando en número e pode producir unha intoxicación ou non e, como non teño dato, é algo a evitar, sempre maionesa industrial". Porén a ensaladilla ten outro inconvinte, que levará atún, un alimento proteico, que tamén ten un crecemento bastante rápido de bacterias e supón un perigo que pase horas a temperatura ambiente no verán.

Mesmo problema cunha tortilla pouco feita, que ao igual que a maionesa caseira, o ovo sen pasar ten risco de contaminación. Ademáis sinala tamén ás empanadas a temperatura ambiente co atún, carne ou parte proteica exposta. Entón, que se recomenda para levar para estes plans? "Unha ensalada de pasta, cunhas aceitunas, taquiños xamón cocido ou pavo, leituga, tomate, aliño a parte e sempre en neveira".

"Nesta época preocupanme especialmente as sobras das comidas familiares", afirma. Pola tendencia de preparar un xamón asado, telo na mesa, deixalo por se alguén repite, retiralo e telo fóra: "Está a temperatura ambiente na cociña e hai que intentar metelo ao frío en canto acabamos de manipulalo e así non alongar os tempos de exposición do alimento". Nisto hai que ter especial atención no verán, así como na desinfección de vexetais crus, xa que hai unha maior inxesta: "Existen productos específicos a base de cloro ou tamén se pode usar vinagre, que como acedo cítrico fai este labor desinfectante". Esta experta recomenda ás mulleres embarazadas que eviten comer alimentos crus fóra da casa e que aposten por pratos cociñados e quentes para garantir non ter unha contaminación. 

PRATOS APETECIBLES E QUE SON BOA OPCIÓN PARA O VERÁN

E tendo todos estes riscos en conta, que pratos resultan máis apetecibles nesta época do ano? "Convidaría a todo o mundo a comer gazpachos, que ten variantes, sandía, melón, tradicional,... Un mundo de alimentos moi saudables, fonte de verduras con algo de froita, moi rápido de tomar e refrescante", comenta, aínda que é consciente, polas súas consultas, que a xente en Galicia é reticente a esta opción que pode ir acompañada por un pouco de tomate cru, ovo cocido ou xamón: "Non se precisa moito máis". Continúa con outra opción que está moi de moda e que ten establecementos que se dedican só a iso: os famosos Poke bowl, que "combinan nun mesmo recipiente diferentes alimentos como o aguacate, que é a graxa, o salmón afumado, arroz branco, algo de verduras, sendo un prato equilibrado e que se come en frío."

"Ensaladas de legumes, por favor, que a xente non come ensalada de legumes", reivindica como ourtra opción, ben sexa con lentellas ou garbanzos ou un "empredrado, que se come moito na rexión de Murcia e no sur, son fabas brancas con tomate, pemento e cebola aliñada como ensalada". Así, como outra recomendación sinala engadir froitas ás ensaladas para ter mestura de sabores: "Por exemplo, á miña filla introducinlle plátano, e encántalle, é cuestión de dar opcións aos máis pequenos, que comecen a probar e sexan moi atractivos á vista, que agora en verán é máis doado". 

CAÍDA NOTABLE NO CONSUMO DE PEIXE 

María del Sol Pérez Iglesias como nutricionista aprecia que existe un "menor consumo de peixe en xeral na poboación", algo que considera raro sendo Galicia unha comunidade con tendencia clara a este producto. Entre os motivos destaca que pode ser unha cuestión de comodidade á hora e manipular o peixe e preparalo. "Hai esa concepción, pero realmente un filete de lubina faise á prancha como un filete de polo", destaca e engade que o peixeiro é o encargado de simplificar o que serán logo as preparacións e ter menos xestións na casa. "Co tema prezos tamén hai opcións de ter preixe máis baratos, os filetes de caballa son unha opción barata e que se fan en menos tempo que a carne", establece. 

Lonxe da tendencia a pensar que o verán é unha mala época para levar hábitos saudables esta experta considera que é "un bo momento para que a xente aproveite para mellorar hábitos". Expresa que é máis doado porque saes máis da casa, ves máis a pel e, polo tanto, iso motiva máis a querer verte ben físicamente e estás de mellor humor. "Vas beber máis, consumir máis froitas e verduras porque resulta máis sinxelo ca no inverno, cando non saes da casa e comes pratos máis contundentes", manifesta e e engade que pensa que "o verán é unha época estupenda para propor coidarse". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta