A Xunta defende que o actual proxecto da mina de Touro ten "diferenzas substanciais" co rexeitado

O BNG esixe reverter a declaración de proxecto industrial estratéxico por risco ambiental.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2024 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu que o actual proxecto da mina de cobre entre os municipios de Touro e O Pino ten "diferenzas substanciais" co que foi rexeitado en 2020 pola Xunta ao non superar o trámite ambiental.

No pleno do Parlamento galego, Iria Carreira (BNG) esixiu á Xunta reverter a declaración de proxecto industrial estratéxico outorgada pola Xunta á iniciativa de Cobre San Rafael na mina, posto que "non ten cambios significativos respecto ao presentado en 2017".

Carreira alerta de que esta mina "leva tempo danando" o río Ulla e os seus afluentes, ademais do encoro de Portodemouros e a ría de Arousa, da que viven unhas 4.000 persoas fronte aos "nin sequera 400" postos de traballo que prevé este proxecto. Expón que haberá unha balsa de 23 millóns de residuos tóxicos a "500 metros" de Arinteiro, en Touro.

Avisa de que este proxecto e o de Altri supoñen unha "ameaza" para a contorna e lembra que os veciños xa se mobilizaron no seu día. A deputada nacionalista acusou á conselleira de estar "máis pendentes de favorecer o lucro dunha gran empresa que favorecer a este país". Ademais, Iria Carreira esgrimiu que o alcalde popular do Pino, Manuel Taboada, asegurou que "non tiña ningunha información máis que a que sacaba a prensa".

PROXECTO DIFERENTE

Pola súa banda, Lorenzana tachou aos nacionalistas de "pitonisos" por criticar un proxecto que "non se coñece" e que "non comezou a tramitación" ao non realizarse a declaración pública, "pero xa sabe que vai danar a saúde pública, o medio ambiente". "Está a falar sen ter a información", espeta. A conselleira sostén que o anterior proxecto "non era viable", pero neste "haberá que ver se ten unha declaración de impacto ambiental favorable ou desfavorable".

Remarca que a declaración de proxecto estratéxico faise porque cumpre as condicións de emprego, investimento e ser unha cadea de valor estratéxica para a UE, posto que suporá case 400 empregos directos e a atracción de preto de 200 millóns de investimento. Reprocha ao Bloque que se propuxo " destruír a economía de Galicia".

Xustifica que os técnicos da Xunta avaliaron que se trata dun proxecto con "diferenzas substanciais" con base en cuestións como que a "área de afección é superior para incluír completas medidas de remediación de pasivos ambientais antigos" e "corrixe a implantación dalgunhas infraestruturas para mellorar a protección do patrimonio arqueolóxico".

"Lamento moitísimo ter que dicir iso", dixo Lorenzana acerca das palabras de Carreira en relación co alcalde popular do Pino, "pero quizais antes de falar os alcaldes téñense que informar sobre o que teñen asinado". A intervención da conselleira terminou cunha ovación de todos os deputados populares presentes na Cámara galega.

María Jesús Lorenzana. XUNTA
María Jesús Lorenzana. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta