A Xunta outorga autorización ambiental integrada á planta de construción e mantemento naval de Navantia en Ferrol

Coa resolución complétanse os pasos para que a instalación obteña os permisos necesarios para a actividade.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 15/07/2024 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia acaba de resolver de maneira favorable a solicitude de autorización ambiental integrada (AAI) para a planta de construción e mantemento naval de Navantia en Ferrol. O Diario Oficial de Galicia publicou este luns a resolución, pola que resolve favorablemente esa AAI, que xa está colgada e dispoñible para a súa descarga e consulta na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Unha vez finalizado a análise técnica de todo o expediente e os posibles impactos derivados, a Xunta conclúe que o proxecto é viable medioambientalmente sempre que se cumpran, ademais do recolleito na Declaración de Impacto Ambiental e no resto da documentación avaliada, os condicionantes sinalados na propia autorización ambiental integrada.

De feito, a autorización inclúe a descrición, condicións, deberes e dereitos que deben cumprir os promotores desta iniciativa. Con esta resolución complétanse os pasos para que a instalación obteña os permisos ambientais necesarios para desenvolver a actividade, dado que as súas características fan que teña que ser sometida a unha autorización ambiental integrada, figura de intervención administrativa que establece o condicionado ambiental para a realización destes traballos.

A documentación recolle que a planta de reparación e construción de barcos de Ferrol desenvolverá actividades para o deseño, fabricación, construción, transformación, reparación e mantemento de buques, zonas de embarcacións, artefactos mariños (incluídas instalacións offshore), pequenas embarcacións e equipamentos industriais. Ao mesmo tempo, as instalacións servirán para a fabricación, montaxe e reparación de turbinas e aeroxeradores incluíndo as súas estruturas de soporte fixas ou flotantes, para a súa posterior instalación no destino final.

A planta atópase nunha parcela cunha superficie total de máis de 930.000 metros cadrados e conta cunha zona cuberta de 335.000 metros cadrados; outra de bancadas, prearmamento de bloques e superficie de almacenaxe de 230.000 metros cadrados; así como os talleres, que contan cunha zona cuberta de 13.000 metros cadrados e outra cuberta de 19.000 metros cadrados.

O presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Javier Galán, diríxese aos traballadores na porta do estaleiro
O presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Javier Galán, diríxese aos traballadores na porta do estaleiro | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

ASIME PREVÉ UNHA DÉCADA "MOI BOA" PARA O SECTOR NAVAL EN FERROL

O secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), Enrique Mallón, asegurou, tras a reunión da xunta directiva celebrada este luns en Ferrol, que o sector naval da comarca ten por diante "unha década moi boa para o emprego e a actividade" e que a organización que representa quere ser "un aliado" como o foi ata agora.

Neste encontro, no que estivo presente o alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, aprobouse o orzamento anual da organización e fíxose un balance, "positivo", asegurou Mallón, porque se confirmaron 12 novas incorporacións e porque se concretou un programa de internacionalización coa Xunta, a través do Igape, no que se contemplan máis de 25 accións en feiras, congresos e eventos sectoriais. "Son boas noticias", sinalou.

Esas boas noticias están en todos os ámbitos, a tenor das cifras que achegou Mallón. "O sector naval dá emprego a máis de 60.000 persoas en Galicia e supón o 20 % do PIB, ademais do 38 % de todo o emprego industrial", expuxo. Así mesmo, o crecemento no último exercicio é tamén notable, cun 2,5 % en emprego e un 16 % en facturación, en relación co ano anterior.

Non entanto, o secretario xeral de Asime sinalou que no medio dun contexto positivo existen tamén "inconvintes", como a "paralización xudicial de diferentes proxectos de parques eólicos" ou a "falta de persoal cualificado", polo que se indicou que se está traballando coa Xunta para pór en marcha programas de emprego e cursos de formación que permitan paliar ese "déficit", que cifrou en ao redor de 1.500 traballadores.

O alcalde, pola súa banda, afirmou que Ferrol é "unha cidade que ten moitas posibilidades e as portas abertas ás empresas do sector industrial". "Ferrol está nun momento clave", engadiu, "e iso fainos ser máis responsables para aproveitar todas as oportunidades de implantación de novos proxectos empresariais. Esta cidade é o lugar apropiado para investir e xerar emprego", dixo antes de anunciar que "calquera proxecto contará con apoio".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta