Transportes coloca a sinalización horizontal para o acceso direco desde a N-640 a Escuadro, en Silleda

A veciñanza de Silleda considera esta sinalización como unha demanda histórica

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2024 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

O Ministerio de Transportes vén de executar, con cargo ao contrato de mantemento das estradas nacionais da zona Norte da provincia, as obras de sinalización horizontal que atenden á "demanda histórica" dos veciños de Silleda para permitir o acceso directo aos núcleos de poboación na marxe esquerda da N-640 ao paso por Senra, na parroquia de Escuadro.

Nos últimos días modificouse a sinalización horizontal da estrada co pintado dun cebreado central e o correspondente carril de xiro pondo fin, deste xeito, ao deber de continuar a marcha para facer un cambio de sentido á altura dun restaurante situado case medio quilómetro máis adiante, en dirección á Estrada.

Ante a imposibilidade de virar neste punto, tanto os veciños como os transportistas que atenden a esta zona gandeira tiñan que realizar esta "molesta manobra". A mellora afecta tamén positivamente á veciñanza de Moalde para os traxectos en dirección a Chapa.

A actuación foi solicitada pola alcaldesa de Silleda e deputada no Congreso Paula Fernández, durante a reunión que mantivo co subdelegado do Goberno, Abel Losada, o pasado 2 de maio.

ESTRADA EN LUGO

Por outra banda, a Consellería de Vivenda adxudicou por 7.240.526 euros as obras da 1ª fase de mellora da capacidade e da seguridade da estrada LU-540 entre Viveiro e Cabreiros. Esta intervención, adxudicada á Unión Temporal de Empresas: UTE Misturas Obras e Proxectos S.A. - Construcións Isidro Otero S.L, centrarase no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 5 e 20,09, ao paso polos municipios de Viveiro e de Ourol.

O contrato asinarase nas próximas semanas e as obras comezarán, previsiblemente, a finais do verán. Os traballos contan cun prazo de execución de 24 meses. O investimento global da intervención ascende a máis de 8,2 millóns, tendo conta o pago dos 146 predios precisos para executar esta primeira fase de aumento da capacidade da LU-540.

PASEO DE BARBAÑA

Os conselleiros de Presidencia, Diego Calvo, e Vivenda, María Martinez Allegue, visitaron este mércores o tramo de case dous quilómetros na marxe dereita do río Barbaña de Ourense, desde o Pazo de Deportes Paco Paz á Ponche Codesal, que xa está a disposición de peóns e ciclistas. Este tramo conta cun novo pavimento de formigón poroso e drenante para un tránsito cómodo de bicicletas e vehículos de mobilidade persoal.

Trátase dunha parte da nova senda entre Os Remedios e Expourense, tamén coñecida como paseo do Barbaña, na cidade de Ourense, que a Xunta licitou o ano pasado por case catro millóns de euros.

A actuación inclúe o tramo visitado hoxe na beira do Barbaña, así como a conexión coa senda do río Barbañica, conectando Barbadás e Ourense sen pasar por vías de circulación rodada, que tamén está rematada.

Así mesmo, Martínez Allegue asinou coa alcaldesa de Riós, Eva Barrio, o convenio de colaboración para executar a obra de reforma e mellora dunha rúa de Fumaces, unha intervención enmarcada no Plan Hurbe que contará cun investimento de preto de 307.000 euros.

Neste caso, o obxectivo é mellorar a accesibilidade da poboación deste municipio ourensán e contribuír á mellora paisaxística da contorna do Camiño de Santiago, xa que a rúa sitúase na Vía da Prata.

FERROLTERRA

Por outra banda, a Xunta iniciou este mércores as obras de mellora do firme en varios tramos da estrada AC-566, ao seu paso polos concellos de Valdoviño e Cedeira. Esta actuación, que suporá un investimento de preto de 1,5 millóns, forma parte do contrato de acondicionamento do firme nas estradas AC-110, AC-564 e a propia AC-566, no seu percorrido por 7 concellos da comarca de Ferrolterra.

Os traballos que comezaron na AC-566, nos concellos de Valdoviño e de Cedeira; continuarán despois en varios tramos das estradas autonómicas AC-110, nos concellos de Cerdido, de Moeche e das Somozas; e na AC-564, ao paso polos municipios da Capela e das Pontes. O obxectivo da Xunta é terminar estas obras este mesmo ano, xa que contan cun prazo de execución de 5 meses.

Tamén no ámbito das infraestruturas, o Concello de Muros deu conta da instalación de biondas de seguridade na estrada que forma parte do circuíto das carrilanas de Esteiro.

A deputada de Vías e Obras da Deputación da Coruña, Mónica Rodríguez, visitou o Concello de Muros o pasado mes de decembro e, nun encontro coa alcaldesa, María Lago, comprometeuse a esta intervención.

Desde o concello, destacan, "realizáronse as xestións necesarias para que a Deputación executase a actuación antes das carrilanas, xa que supón unha "demanda histórica" dos organizadores.

Escuadro-Silleda
Escuadro-Silleda

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta