A historia dunha festa de interese nacional: as Carrilanas de Esteiro

Lembrando os desafíos iniciais e a importancia da colaboración para establecer a seguridade e o éxito das primeiras competicións de carrilanas en Esteiro

Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 20/07/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As Carrilanas de Esteiro teñen unha historia fascinante que remonta aos finais dos anos 80, cando a Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva Esteirana decidiu recuperar os xogos populares da vila. A través das voces de dous testemuñas clave, Caamaño e Bolato, exploramos a orixe e evolución deste evento que hoxe é unha festa de interese nacional.

Primeiras edicións das Carrilanas de Esteiro
Primeiras edicións das Carrilanas de Esteiro | Fonte: A.D.C. ESTEIRANA DE CARRILANAS - Cedida

AS CARRILANAS DE ANTES 

O xogo das carrilanas non é unha invención recenteBolato,  carrilaneiro mais vello da asociación e fundador da ACD Esteirana de Carrilanas, lembra como eran as carrilanas na súa infancia, feitas de materiais rudimentarios e cunha construción básica. "Eu son do Freixo, as carrilanas que tiñamos alí de pequenos eran, bueno, o que usabas era a caixa do peixe, con dous rodamentos que lle poñías", di Bolato. Estas carrilanas primitivas eran simples e improvisadas, construídas cos materiais dispoñibles. Bolato destaca que eran os vellos da súa época os que sabían como facer estas carrilanas, eran eles os que xogaran cando eran rapaces. Animábanse os uns ós outros "decíanlle a un 'baixa baixa, a ver se te matas, ten coidado' para ver quen era o valente que se tiraba nun cacharro pola costa", recorda Bolato.

A PRIMEIRA BAIXADA

 

Bolato cóntanos que "antes de Santa Mariña, a festa de aquí de Esteiro, estaban varios plantexando que se podía facer para a festa, ó final dixeron 'antes baixábase en carrilanas, pois facemos carrilanas'". A idea xurdiu de conversas casuais e levou á primeira baixada, onde dos corenta que se xuntaron, só doce lograron baixar, e poucos chegaron á meta debido ás caídas nas primeiras curvas.

 

A RECUPERACIÓN DOS XOGOS POPULARES 

En 1988, a Esteirana estaba a traballar na recuperación dos xogos populares como a estornela. Caamaño era un dos membros da directiva da Esteirana, "aquela era a primeira directiva que estaba composta por mulleres tamén, algo pioneiro para aquela época", destaca. Cando se propuxo, conta que a idea inicial suscitou certo temor, "ó principio había medo, porque era unha cousa moi tola", comenta. Non obstante, a resposta da comunidade foi inmediata e entusiasta. "Unha chea de xente de Esteiro foi polas carpinterías da Ribeira, porque necesitábanse carpinteiros, había unhas oito ou nove carpinterías. Levóuselle un cartel que fixéramos no bar Alameda dunha hora para outra, e a sorpresa foi que se animou todo o mundo, prendeu como a gasolina", recorda Caamaño.

OS PRIMEIROS ANOS: ESFORZO E PERIGO

As primeiras competicións de carrilanas non estiveron exentas de desafíos. Caamaño recorda a dificultade e o perigo que implicaba a organización das primeiras baixadas. "Ir arriba a penoucos, á saída, era un perigo, era terrible, estaba todo o monte queimado. Fixémolo vallado todo, era vallado voluntariado", explica. A improvisación e o esforzo comunitario foron cruciais para garantir a seguridade mínima dos participantes. "Ibamos ao monte, collíamos un pino queimado entre 40-50 persoas e facíamolo vallado todo, mal feito pero facíamolo", engade. A colaboración foi un elemento esencial. "Colaborar colaborou todo o mundo, xente maior e xóvenes", lembra Caamaño.

Bolato recorda como a competencia entre carpinteiros e comercios comezou a crecer, levando a unha participación cada vez maior nos anos seguintes. "O pique de quen era o millor que facía as carrilanas fixo que empezaran a xurdir os carpinteiros". Os carpinteiros de Esteiro comezaron con rencillas, "pelexando" por quen sería o máis habilidoso á hora de facer carrilanas. Comercios da zona, como a Ferretería María, ou Panadería Rodrigo, pedían ós carpinteiros que lles construísen unha para representar ó seu comercio, "home claro, o panadeiro de Esteiro dixo, 'eu teño que ter a miña carrilana tamén'" explica Bolato. Cada ano sumábanse máis negocios a ese "pique", logo os rapaces, sendo así cada vez maís os que se animaban a participar. 

ANÉCDOTAS MEMORABLES 

A historia das carrilanas tamén está chea de anécdotas divertidas e curiosas. Bolato lembra unha sobre Gerente, un dos veteranos participantes, era ebanistacarpinteiro, quen fixo as primeiras carrilanas. "Gerente non quería facer carrilanas para outros, eran para él e para os seus. En total faría unhas catorce, dixera que ía facer unha cada ano que ao final non foi así, pero teñen un valor incalculable" conta Bolato. "Na novena edición, Gerente tiña que encargar unhas tazas promocionais, e escribiu o nove cunha uve e catro paus (VIIII), cando en números romanos é un pau e unha xe (IX). Cando chegaron as tazas, botámonos a el a dicirlle, 'pero como pos isto así?', ao que el contesta, 'mira o reloxo'. Parece ser que tiña un reloxo vello, pero vello, vello. Estaba posto o nove mal, coma o puxera Gerente, e botámonos a rir, a ver como arreglábamos iso. Viñeron uns madrileños e dixeron 'hola, perdonad, el número nueve en romano no se escribe así, teneis las tazas mal'. Eu díxenlle 'ya lo sé mujer, pero nosotros somos celtas y los celtas lo escriben así'. Coloulles!", relata Bolato entre risas.

Outra anécdota destacada por Bolato implica a súa amizade con Gerente. "Eu sempre baixei só, excepto os últimos anos da vida de Gerente que chamábannos 'os dous de sempre'. Por certo, el nunca me deixou conducir, decíame 'non tes idade'. E con 91 anos, na anterior baixada antes de morrer, Gerente dixo que si, que iba baixar eu conducindo, cantáramoslle 'solo che pido que me deixes a min e que veñas ti detrás comigo'. E na saída, cando íbamos a salir, sentouse diante e tiven que vir atrás, vamos que conduciu el coma sempre", recorda.

A EVOLUCIÓN

Co tempo, o evento evolucionou e profesionalizouse. Caamaño destaca como a colaboración cambiou, "antes ibas ao axuntamento da Serra, pedíaslle un gaiteiro e colaboraba. Agora é outro nivel, agora non vas ao axuntamento da Serra a pedirlle nada que non che fai falta, antes o gaiteiro era a hostia, agora é outro nivel", explica CaamañoBolato reflexiona sobre esta evolución, mencionando que o espírito competitivo incrementouse co tempo. "As primeiras festas eran de carallada, logo cando se empezou ca competición, aí xa son palabras maiores".

historia das carrilanas de Esteiro é un testemuño do poder da comunidade, a tradición e a paixón. O evento comezou como un intento de recuperar xogos populares e converteuse nunha celebración anual que une a veciñanza e atrae visitantes. A pesar dos cambios e a evolución cara a un festival máis organizado, a esencia do evento permanece na creatividade e entusiasmo dos seus participantes. Bolato, reflexionando sobre a modernización do evento, comenta: "Eu son das vellas glorias, e digo 'facede carrilanas, o festival está moi ben, pero facede carrilanas'".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta