Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/11/2015 | Actualizada ás 16:44
A morte de Neira Vilas non deixou indiferente a ninguén. O considerado como escritor do pobo por obras mestras da literatura galega como "Memorias dun neno labrego" recibiu o cariño e as lembranzas de numerosas institucións, organismos, asociacións e partidos políticos.
A Real Academia Galega (RAG) expresou o seu profundo pesar pola morte de Neira Vilas, membro de número desta institución. Nun comunicado, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, destaca que o escritor natural de Gres (Pontevedra) deixa un importante legado ás letras galegas, do que forma parte esta obra, que supuxo "un encontro solidario coas clases subalternas da aldea galega".
Tamén a Mesa pola Normalización Lingüística sumouse á dor pola morte do escritor, que faleceu aos 87 anos na súa casa de Gres, no concello de Vila de Cruces. Marchou, di esta entidade, "deixando orfo" non soamente a Balbino, o protagonista da soada obra "Memorias dun neno labrego", senón á cultura galega, que cultivou tanto na súa terra como durante o tempo que pasou no exilio.
Asemade, partidos como o BNG ou Alternativa Galega de Esquerda tamén mostraron a súa tristeza polo falecemento do escritor e a súa "firme defensa e compromiso" coa lingua e a cultura do país.
"A palabra do pobo galego perdeu hoxe una das súas voces máis poderosas, a de Xosé Neira Vilas", afirma AGE nun comunicado, no que incide en que a literatura do escritor "forma parte do patrimonio cultural do pobo galego".
Pola súa banda, o pleno da Deputación da Coruña comezou o debate no que se aprobaron os seus orzamentos para 2016 cun sentido recordo a Neira Vilas. Tamén o Parlamento de Galicia ou a Universidade de Santiago tiveron fermosas palabras cara ao escritor falecido. O Concello de Ferrol sumouse ás mostras de pésame do escritor. "Deixa un eterno baleiro na historia das letras e da cultura galega", asegurou o alcalde, Jorge Suárez, nun comunicado.
Neira Vilas é autor doutras obras destacadas que van da narrativa e a poesía ao ensaio, como as novelas "Xente non rodicio" ou "Aqueles anos de Moncho", os libros infantís "Cartas a Lelo" ou "O cabaliño de buxo", e os poemarios "Xente ao lonxe" ou "Poesía recadada".
Ademais, nos anos nos que viviu en Arxentina e Cuba foi un traballador incansable en prol da memoria na emigración e, neste sentido, creou o fondo bibliográfico máis importante de Latinoamérica sobre Galicia.
De volta a Galicia en 1992, Neira Vilas mantivo unha intensa actividade cultural a través da fundación que leva o seu nome e colaborou até o último momento cos seus artigos en prensa.
A súa capela ardente instalarase en San Domingos de Bonaval, en Compostela. O escritor recibirá mañá sepultura este sábado en Gres ás 17:30 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.