O espantallo estético das terrazas galegas: dende antucas con publicidade ata estufas ao aire libre e plantas artificiais

A Xunta de Galicia ten unha guía de boas prácticas para o deseño de terrazas no espazo público. Aquí tes os puntos resumidos. Xulga ti mesmo se coñeces algunha que os cumpra. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñece que "salvo que estean en contornas relacionadas con patrimonio", "a maioría é certo que dependen da boa vontade".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/08/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Algunha vez te detiveches a observar as terrazas dos bares e restaurantes galegos? Preguntácheste por que na súa maioría comparten unha estética común? Cres que se debe á casualidade? Ben é certo que moitas empregan elementos que lle agasallan as marcas de bebida ás que lle fan gasto, pero: por que outras non o usan? Sáelles máis barato ou hai algo máis detrás? Pois o certo é que en Galicia a Xunta conta cunha 'Guía de Boas Prácticas para as Terrazas no Espazo Público' onde se recolle como deben ser os elementos que compoñan ese espazo instalado no chan da vila ou da cidade para non rachar co equilibrio visual dos espazos comúns. Dende cadeiras e mesas ata parasois e plantas, pasando por estufas e lousas, todo está contemplado nesta guía que dende o Galicia Confidencial hoxe che damos a coñecer. E non esquezas isto: a instalación das terrazas na vía pública convérteas nun espazo de transición entre o público e o privado, entre o exterior e o interior, entre o individual e o colectivo.

Un tuno afina un instrumento na terraza dun bar en Santiago de Compostela, a 9 de outubro de 2021
Un tuno afina un instrumento na terraza dun bar en Santiago de Compostela, a 9 de outubro de 2021 | Fonte: César Arxina - Arquivo

O Goberno galego asegura nesta guía que "en moitos casos os criterios de integración, unidade e mesmo austeridade, como protección da imaxe urbana, deben antepoñerse aos propios de deseño, comerciais ou publicitarios do establecemento do que forman parte". Noutras palabras, non se pode facer de todo en todos lados, senón que dependendo de onde estea instalada a terraza, o seu propietario contará con máis ou menos liberdade. De feito é habitual ver en zonas históricas como grandes marcas que contan con cores corporativas como pode ser Mc Donald's ou Starbucks teñen que adaptase. Ademais, tamén insiste en que "a ocupación do espazo público mediante a instalación de terrazas supón restricións ao seu uso polo resto de cidadáns que deben ser minimizados". Deste xeito, as terrazas deben deixar espazo para un acceso cómodo a portais e comercios, non deben supoñer un impedimento á fluidez do tránsito peonil nin xerar obstáculos que dificulten ou impidan o tránsito de persoas con mobilidade reducida ou discapacidade visual.

Así, nas terrazas situadas sobre beirarrúas hai que deixar espazos de paso suficiente para que a terraza non dificulte a circulación fluída dos peóns. As normativas municipais de terrazas establecen que este espazo libre de paso debe ter un ancho mínimo de entre 1,50 e 1,80 metros. Nalgunhas ordenanzas, como a de Vigo, o paso libre mínimo depende do ancho da beirarrúa sobre a que se sitúa a terraza, así nas beirarrúas cun ancho comprendido entre 2,50 e 4,50 metros, o ancho libre mínimo do paso debe ser de 1,50 metros; nas que teñen un ancho de entre 4,50 e 6 metros o ancho de paso libre mínimo é de 2 metros; e nas beirarrúas maiores de 6 metros, o ancho do paso peonil libre será de 2,50 metros. Pero é que a disposición das terrazas, ademais de non interferir no acceso a portais e comercios, tamén debe deixar libre o espazo dos escaparates dos establecementos comerciais, evitando que as mesas se sitúen diante deles. Ademais, fóra do horario de ocupación do espazo público, toda a terraza debe ser recollida para deixar a beirarrúa libre.

CADEIRAS E MESAS EN TONS NEUTROS, LIXEIRAS E DESMONTABLES, SEN LOGOS

A Xunta lembra que as terrazas forman parte da imaxe da cidade, polo que "o seu mobiliario pertence máis ao espazo público que aos establecementos dos que forman parte", de xeito que "a súa elección non debe depender de criterios decorativos, de imaxe de marca ou de distinción respecto a outros establecementos próximos". O principal do mobiliario dunha terraza, como recollen moitas ordenanzas municipais, é que se poida montar e desmontar facilmente, de xeito que cando a terraza non estea en funcionamento se recupere a totalidade do espazo público, sen rastro da súa existencia. Isto implica que o mobiliario empregado na terraza debe ser lixeiro e apilable ou pregable, para que se poida gardar no interior do local cando a terraza estea desmontada.

Persoas en terrazas de bares en Vigo
Persoas en terrazas de bares en Vigo | Fonte: Marta Vázquez Rodríguez - Arquivo

Como as mesas e as cadeiras son os elementos fundamentais das terrazas, a súa elección é determinante tanto desde o punto de vista do funcionamento da terraza como da súa imaxe e da súa integración na contorna. Por iso, o Goberno galego establece que os materiais máis comúns na actualidade son os plásticos e os metais, aceiro e aluminio. A madeira, pola súa banda, utilízase cada vez menos polos problemas de durabilidade no ambiente exterior e polo seu prezo máis elevado. En ocasións utilízase en cadeiras de estrutura de aceiro ou aluminio para formar o asento e en mesas para formar o taboleiro. Mentres que as cadeiras con estrutura de madeira, con asento e respaldo de fibras naturais, xa non se utilizan polo seu prezo elevado e pola súa menor resistencia á intemperie. Foron substituídas por cadeiras con estrutura de aluminio con respaldo e asento de fibras sintéticas.

Pero o uso de materiais plásticos e metais permite unha gran variedade de cores, o que pode supoñer un problema, xa que aínda que en moitos casos as cores utilizadas son neutras (brancos, grises...), noutros recórrese á cor como elemento de distinción ou como referencia a unha marca comercial. Este uso da cor que se fai sen ter en conta a contorna da terraza pode producir impactos significativos. Por iso a Xunta aposta polo emprego sempre de cores neutras: grises ou próximas ao branco, evitando que a cor responda á marca comercial ou a criterios publicitarios. De feito, as mesas e cadeiras, segundo establece o Goberno galego, non deberían conter logotipos, imaxes ou marcas que fagan referencia ao establecemento ou á marca comercial que subvencionou a instalación da terraza. 

Tamén se estipula que o tamaño das mesas e cadeiras debe ser contido para evitar ocupar máis espazo do necesario e que, preferiblemente, utilizaranse cadeiras sen brazos, xa que as cadeiras con brazos ocupan unha maior superficie. Ademais, o deseño das mesas e cadeiras debe ser sinxelo e funcional, deben ser cómodas e cun deseño de calidade. O Goberno galego considera que "é preferible investir en boas mesas e cadeiras que noutros elementos como maceteiros ou divisións".

ANTUCAS E TOLDOS UNITARIOS E SEN MARCAS; BIOMBOS E PANEIS INNECESARIOS

Xunto ás cadeiras e mesas, outro elemento que caracteriza as terrazas son as antucas e os toldos. Como as terrazas se empregan principalmente durante o bo tempo, cando fai calor a protección das mesmas fronte ao sol é imprescindible para que poidan ser utilizadas. Antucas e toldos deben poder poñerse e retirarse con facilidade, chegando practicamente a desaparecer cando se recollen ou non están en uso. Na guía da Xunta asegúrase que as antucas dun establecemento deberían ser todas iguais, tanto no seu deseño como na súa cor, para evitar unha imaxe desordenada. Ademais, o Goberno galego tampouco está de acordo co uso das terrazas en días de mal tempo, para o que se sitúan elementos de proteción vertical nelas, pois "convértense nunha especie de tendas de campaña que producen un efecto inadecuado e contradin a idea de terraza como lugar onde estar en contacto coa rúa".

Así, apostan porque as antucas e toldos teñan deseños sinxelos e funcionais que permitan que sexan retiradas cando non sexan precisas. As cores das mesmas deben ser preferentemente claros e en tons neutros que harmonicen coa contorna na que se sitúa a terraza, como brancos impuros, areas, terras, grises claros... E, do mesmo xeito que acontecía con cadeiras e mesas, as cores non deben responder a criterios comerciais, de imaxe corporativa ou publicitarios. De feito, tampouco deben conter logotipos ou marcas publicitarias, aínda que o frontal do toldo pode ser empregado adecuadamente para colocar o nome do establecemento en si.

Por outra banda, os elementos de división vertical, como paneis ou biombos, utilízanse ás veces para separar a terraza da rúa ou da calzada ou para protexer do vento e da choiva. Normalmente están construídos con materiais lixeiros: téxtiles, madeira, metacrilato, aluminio, vidro... Con todo, non adoitan ter o carácter móbil das antucas e dos toldos e, normalmente, permanecen colocados de maneira permanente, xa estea a terraza en uso ou non. A Xunta considera que "este tipo de elementos contradin a esencia das terrazas: xerar espazos de estar no espazo público nos que gozar do aire libre e da vida cidadá". "Establecen unha diferenciación entre os que se sentan na terraza e o resto dos usuarios do espazo público, coma se os primeiros se tivesen que protexer dos segundos, cando en realidade o seu atractivo é gozar da vida e o ambiente que se produce ao seu redor", advirte.

MACETAS, PLATAFORMAS ELEVADAS, MENÚS E ESTUFAS, PRESCINDIBLES

Así mesmo, dende o punto de vista do Goberno galego, as plantas son un elemento positivo para as terrazas, pero puntualizan que "a utilización de maceteiros de gran tamaño tende a perpetuar a ocupación do espazo público das terrazas". De feito, inciden en que "a miúdo se utilizan maceteiros lonxitudinais como elemento de delimitación da terraza coa mesma función que os paneis: separala do resto do espazo público". Ademais, apuntan que "cando as plantas que se colocan nos maceteiros son artificiais, producen un impacto negativo sobre a imaxe da terraza". Pola contra, din que as macetas con plantas naturais contribúen a crear un ambiente atractivo na terraza, e poden estar situadas sobre o chan entre as mesas ou xunto á fachada do local ao que pertence a terraza, así como en pequenas macetas sobre as mesas. 

En ocasións as terrazas sitúanse sobre unha plataforma, un pavimento elevado sobre o pavimento da rúa ou a praza na que se atopa. O pavimento elevado serve para xerar unha superficie horizontal ou zonas nas que a pendente dificulta a disposición do mobiliario. Cando a terraza utiliza o espazo de aparcamento da rúa, o pavimento elevado serve para eliminar o desnivel entre a terraza e a beirarrúa. Cando a terraza está situada nun terreo irregular, a plataforma serve para crear unha superficie horizontal uniforme na que dispoñer as mesas e as cadeiras. Pero para a Xunta o inconvinte das plataformas está en que, aínda que sexan desmontables, teñen un carácter máis permanentes que o resto de elementos da terraza, non puidendo desmontarse todos os días, e permanecendo no lugar cando a terraza non está en funcionamento. Outro problema que apuntan é que en ocasións hai un oco entre o pavimento da rúa e a plataforma no que tenden a acumularse os residuos.

Moitas veces o mobiliario das terrazas complétase con paneis, expositores ou lousas nas que se amosa a súa carta, o menú do día, as especialidades... Habitualmente a carta está nun ou varios paneis sobre a fachada do establecemento e o menú do día ou os pratos do día ofértanse en lousas que se colocan na fachada ou ao bordo da propia terraza. Nalgúns establecementos os menús publicítanse con imaxes dos pratos en paneis que se colgan na fachada do local. Para o Goberno galego estas lousas e expositores deberían evitarse na medida das posibilidades e, cando se usen, debería evitarse que sexan elementos reiterativos e que obstaculicen o tráfico. Ademais, chaman a evitar a utilización de paneis nos que os menús se acompañan de imaxes dos pratos, polo importante impacto que producen.

No tocante ás estufas, a aprobación da normativa que prohibe fumar no interior dos bares e restaurantes fixo que os fumadores se refuxiasen nas terrazas para poder seguir fumando, polo que isto levou a algúns propietarios de establecementos hostaleiros a instalar estufas para prolongar o uso das terrazas nos meses con clima máis desfavorable. O uso de estufas, xeralmente de gas, supón climatizar un espazo aberto, coas perdas de enerxía que iso conleva, como apuntan dende o Goberno galego. Desde o punto de vista de protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático, queimar combustibles fósiles e emitir gases de efectos invernadoiro para climatizar unha terraza, segundo advirten, "non é sostible". Como exemplo alternativo, a Xunta explica que "nos países nórdicos, nos que tamén é popular o goce das terrazas, é habitual que estas teñan mantas ao dispor dos clientes".

CONCLUSIÓN

As terrazas cada vez gozan de maior popularidade como lugares nos que desfrutar do ambiente exterior e da paisaxe urbana ou natural. Convertéronse en lugares de encontro e relación social que achegan vitalidade aos espazos urbanos. Aínda estando en Galicia, as terrazas son o lugar preferido por moitos para tomarse algo xa sexa verán ou inverno. Tamén son un lugar de reunión que contribúe ás relacións sociais e ao sentido de pertenza á cidade, ao pobo ou ao barrio. Ademais, que haxa terrazas nunha rúa sempre favorece ao comercio que a rodea, pois faina lugar de paso obrigado para moitas persoas. Pero para que todo iso sexa posible e haxa unha boa convivencia co espazo público, as terrazas deberían seguir unha seríe de recomendacións de deseño que eviten aberracións estéticas como as que a día de hoxe se poden atopar nas rúas galegas, onde as cadeiras, mesas e antucas con publicidade de grandes marcas proliferan aló por onde imos.

RUEDA RECOÑECE QUE HAI "UNHA DISPARIDADE E UN FEÍSMO" 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñece que "ás veces" se produce "unha disparidade e un feísmo en terrazas" de hostalaría que "non debería darse". Cuestionado en relación con este tema en rolda de prensa despois do Consello da Xunta, Rueda lembra que existe unha guía de boas prácticas, aínda que, "salvo que estean en contornas relacionadas con patrimonio", "a maioría é certo que dependen da boa vontade".

Remarca que houbo un auxe de terrazas por mor da pandemia, polo que cre que "se debería incidir máis" para combater o feísmo nas terrazas de locais de hostalaría, posto agora hai moitas "onde antes non había", as cales "viñeron para quedar". Igualmente, apunta que os concellos "teñen moito que dicir" a través de ordenanzas que "poderían regular esta cuestión a efectos de armonización". "É un tema que está aí e no que deberiamos mellorar porque cada vez proliferan máis", admite.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta