Adelaide Lopes Couto, primeira muller en asumir o mando de Protección Civil en Pontevedra

"Seguirei sendo voluntaria porque me gusta estar na rúa cos meus, non me gusta estar nun despacho", dixo a nova presidenta de Protección Civil

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2024 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

O alcalde do Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou este martes á primeira muller en estar ao mando do corpo local de voluntarios de Protección Civil, Adelaide Lopes Couto.

O rexedor destacou que Adelaide Lopes leva 36 anos vivindo na cidade dos que 20 estivo formando parte de Protección Civil. "É unha persoa moi comprometida coa sociedade e que quere achegar todo o que poida, facer unha sociedade máis segura, máis xusta, máis solidaria, máis acolledora", dixo Lores.

Adelaide Lopes tamén expresou o seu desexo de poder captar máis persoas voluntarias ao longo dos próximos meses.

A nova presidenta de Protección Civil lembrou que "é un voluntariado protexido pola Academia Galega de Seguridade" que conta "cunha formación específica e está preparado". "Ninguén está na rúa sen ter o básico para atender a calquera persoa", recalcou.

"Seguirei sendo voluntaria porque me gusta estar na rúa cos meus, non me gusta estar nun despacho", dixo a nova presidenta de Protección Civil. "Eu prefiro que me vexan na rúa porque é o que sempre vivín", engadiu.

Neste sentido, despois de destacar o labor "fundamental" que presta Protección Civil "dunha maneira altruísta", e subliñar a "boa sintonía" que ten esta agrupación coa Policía Local e cos Bombeiros, o alcalde anunciou unha campaña de captación de voluntarios para formar parte desta "peza fundamental dos servizos de emerxencias".

Segundo avanzou, esta campaña comezará de maneira inminente e intensificarase ao finalizar o verán con visitas aos barrios da cidade, para facer máis visible o traballo de Protección Civil de Pontevedra que conta na actualidade con 27 persoas afiliadas.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores | Fonte: Beatriz Ciscar - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta