Quince granxas de Ourense afectadas por catro novos focos de enfermidade hemorráxica epizoótica

A Consellería do Medio Rural destacou que foi pioneira e habilitou en 2023 a indemnización dos animais falecidos a consecuencia desta enfermidade, que continuará tamén en 2024

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2024 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

Un total de 15 granxas de gando bovino da provincia de Ourense están afectadas por catro novos focos de enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) detectados nas comarcas veterinarisa da Gudiña, Terra de Trives, Terra de Caldelas e Viana.

Nun comunicado, a Consellería do Medio Rural explica que a Xunta notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección deste catro focos, que foron confirmados polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia.

Coa declaración destes novos, Galicia ten notificados focos en cinco comarcas veterinarias (a quinta é a de Verín), todas na provincia de Ourense neste período estacional 2024 de circulación do vector transmisor.

A EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos de xénero Culicoides.

Dada a vía de transmisicón, Medio Rural explica que esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Hai, por tanto, un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección dos animais.

A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible o contaxio directo ou indirecto entre eles. Ademais, non afecta aa as persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor, por contacto cos animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite) deste animal.

INDEMNIZACIÓN E AXUDAS

A Consellería do Medio Rural destacou que foi pioneira e habilitou en 2023 a indemnización dos animais falecidos a consecuencia desta enfermidade, que continuará tamén en 2024.

De feito, sinalou que, nestes momentos, leva facilitadas indemnizacións en Galicia por valor de máis de 196.000 euros. A esta sumaranse tamén as axudas por tratamentos veterinarios aos animais afectados ou por uso de desifectantes nas explotacións, para as que, segundo indicou, o MAPA comprometeu un total de 15 millóns de euros en toda España para este fin este ano. Con todo, sinala que aínda están pandientes de aprobarse e de derivarse ás comunidades autónomas.


UNHAS 641 GRANXAS AFECTADAS NA PASADA ESTACIÓN DE CIRCULACIÓN

O Galicia, ao final da pasada estación de circulación do vector, a Consellería rexistrou un total de 641 explotacións, sobre un censo superior ás 30.000 granxas bovinas, nas que resultaron afectados 1.484 animais, cun índice de mortalidade do 1,09%.

Ao tratarse dunha enfermidade vírica non hai tratamento curativo, pero existe unha vacina desenvolvida pola farmacéutica galega Zendal e autorizada pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, que a Xunta espera poida estar dispoñible a finais deste mes de xullo para a súa dispensación en establecementos comerciantes polo miúdo. É un medicamento suxeito a prescrición veterinaria, polo que será necesaria a presentación de receita.

Ademais da protección inmunolóxica que suporá a administración da vacina, é fundamental a aplicación de medidas preventivas encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector.

Entre outras, débese evitar a existencia de posibles zonas de cría do mosquito transmisor nas explotacións, fundamentalmente áreas con materia orgánica húmida ou barro, zonas de elección para a cría para estes mosquitos. Utilizar preventivamente desinfectantes ou repelentes nas instalacións, nos medios de transporte ou nos animais, nos casos que se considere oportuno.

No caso de detectar animais con sintomatología compatible coa enfermidade, tanto bovinos como cérvidos silvestres, debe comunicarse esta circunstancia de maneira inmediata aos servizos veterinarios oficiais da Consellería de Medio Rural.

Arquivo - Imaxe de arquivo dunha granxa en Galicia. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Imaxe de arquivo dunha granxa en Galicia. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta