Ecoloxistas en Acción denuncia á Xunta por declarar a mina de Touro como proxecto estratéxico

Ecoloxistas en Acción critica que "non hai precedente legal" dunha declaración de proxecto de interese estratéxico a unha iniciativa que "anteriormente foi denegada polo seu impacto ambiental"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2024 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

Ecoloxistas en Acción interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra o acordo do Consello da Xunta que declarou, con data de 24 de xuño de 2024, á mina de Touro e O Pino como proxecto industrial estratéxico.

Nun comunicado, a asociación ecoloxista sostén que esta declaración "non se axusta á legalidade por diversos motivos", entre os que cita que "non se cumpriron en tempo nin en forma as perceptivas achegas a ningún dos dous municipios urbanisticamente afectados, Touro e O Pino".

Ademais, critica que "non hai precedente legal" dunha declaración de proxecto de interese estratéxico a unha iniciativa que "anteriormente foi denegada polo seu impacto ambiental".

Segundo Ecoloxistas en Acción, o novo proxecto en tramitación "é unha basta copia do tombado en 2020 cunha declaración de impacto ambiental negativa polos seus previsibles impactos sobre o sistema fluvial do río Ulla".

Así mesmo, acusa a Cobre San Rafael, como filial de Atalaia Mining, dunha "absoluta ineptitude á hora de evitar a contaminación por metais pesados" durante o últimos catro anos na concesión mineira.

Pola súa banda, Cobre San Rafael traslada que "o novo proxecto non é público aínda", polo que "calquera valoración deste está a facerse sen coñecer o seu contido e, por tanto, desde o prexuízo en contra da minaría e ao desenvolvemento industrial en xeral". "Fronte a isto é difícil opor fundamentos técnicos e científicos como os que propón o noso proxecto", sostén.

Vertedura da mina de Touro. ECOLOXISTAS EN ACCIÓN
Vertedura da mina de Touro. ECOLOXISTAS EN ACCIÓN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta