Protexe ás túas mascotas da calor: consellos esenciais para o verán

Descobre como manter ás túas mascotas frescas e seguras durante os días máis calorosos do ano, coa axuda dos veterinarios María Álvarez, Francisco Fernández e a clínica Hospican.

Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 10/08/2024 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Os golpes de calor son unha ameaza seria para as nosas mascotas, especialmente durante os meses de verán. As altas temperaturas poden poñer en risco a saúde de cans, gatos e outras mascotas debido á súa limitada capacidade para termorregularse. Entrevistamos os veterinarios María Álvarez e Francisco Fernández, así como á clínica veterinaria Hospican de Milladoiro, para coñecer máis sobre este tema e recibir os seus valiosos consellos.

Can nunha praia con gafas de sol
Can nunha praia con gafas de sol | Fonte: Freepik

SÍNTOMAS DUN GOLPE DE CALOR

Un golpe de calor en mascotas pode presentarse de maneira rápida e con graves consecuencias, polo que en casos graves é necesario levala ó veterinario inmediatamente.

Os síntomas comúns inclúen:

- Jadeo excesivo e continuo, mesmo sen exercicio físico.

- Prostración ou falta de interese en levantarse.

- Desmaios ou colapso.

- Temperatura corporal superior a 39.5ºC (medida cun termómetro rectal).

- Taquicardia, enxivas de cor vermella intensa, e en casos graves, convulsións e diarrea.

"Ante un golpe de calor, non uses xeo, xa que pode causar queimaduras, hai que arrefriala de maneira progresiva, pero o primordial é traela ó veterinario" recomenda a veterinaria María Álvarez.

CONSELLOS PARA MANTER FRESCAS ÁS NOSAS MASCOTAS

"É fundamental manter ás nosas mascotas hidratadas en todo momento, especialmente durante os días calorosos" subliña Francisco Fernández. "Sempre que saias co teu can, leva contigo auga fría ou con xeo non só para que beba, senón tamén para mollalo e axudar a que se manteña fresco" explica Álvarez. Dentro da casa debemos asegurarnos de que os bebedoiros estean cheos de auga fresca, chegando a agregarlle xeo para manter a temperatura baixa máis tempo. 

 

Para evitar os perigos da calor extrema, saca á túa mascota para pasear cedo pola mañá ou tarde na noite, cando as temperaturas son máis baixas. "Para comprobar se é seguro camiñar sobre o asfalto, coloca o dorso da túa man no chan; se non podes soportar a temperatura por máis de cinco segundos, é demasiado quente para a túa mascota" explica María. "Lembra que os animais, ao estar máis preto do chan, senten máis calor e poden queimar as súas patas" advirte a veterinaria.

 

Contrario ao que moitos cren, cortar o pelo das mascotas durante o verán non é recomendable. O pelo actúa como un illante que protexe contra a calor e o sol. En lugar de cortalo, os profesionais aconsellan establecer unha boa rutina de cepillado diario para eliminar o pelo morto, que é o que realmente causa calor. 

 

Evita que as mascotas fagan exercicio intenso durante os días calorosos. Aínda que haxa un río ou unha praia preto, o exercicio pode incrementar significativamente a súa temperatura corporal. "É crucial evitar o exercicio excesivo, xa que o sobrequentamento pode ser moi perigoso," sinala Álvarez.

 

Nunca deixes ás mascotas no coche ou en lugares pechados onde a calor poida acumularse. Se debes viaxar, asegúrate de que o coche estea ben ventilado."Tamén podes ofrecer chuches xeadas como xoguetes Kong recheos con yogurt ou caldo de polo conxelado, e usar mantas frías onde poidan tombarse" recomendan dende a clínica Hospican.

 

MASCOTAS VULNERABLES

 

Algunhas mascotas son máis propensas a sufrir golpes de calor, como os cans braquicefálicos (bulldogs, carlinos), animais obesos, os de idade avanzada, se teñen enfermidades pulmonares e os coellos. Estas mascotas requiren atención especial e medidas preventivas adicionais. "Os cans braquicefálicos e os animais con sobrepeso son especialmente vulnerables á calor" indica a veterinaria.

 

ERROS COMÚNS

Ao enfrontar un golpe de calor, é importante non cometer erros que poidan agravar a situación:

- Non uses xeo para baixar a temperatura da mascota.

- Non lles deas de beber a animais semiinconscientes.

- Non os envolvas en toallas molladas, xa que isto pode dificultar a evaporación e a baixada de temperatura.

- Non cortes demasiado o pelo dos cans.

- Non cortes o pelo dos gatos, nin os bañes.

Protexer ás nosas mascotas da calor é esencial para o seu benestar durante os meses de verán. Seguindo estes consellos e prestando atención aos síntomas dun golpe de calor, podemos asegurarnos de que os nosos queridos compañeiros se manteñan seguros e saudables. Como ben sinala a veterinaria María Álvarez, "a prevención e a rápida acción son claves para evitar consecuencias graves".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta