Os médicos continúan a rebelión no Álvaro Cunqueiro

Din que se negan a ser “cómplices calados do desastre" do hospital vigués e denuncian que os xefes de servizo “traizoaron” aos traballadores e actúan en “connivencia” coa dirección. CCOO rexeita as insinuacións de Almuíña de "sabotaxe" no Cunqueiro.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 03/12/2015 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Sergas non ten tregua co hospital máis grande e moderno de Galicia. A pesar de cambiar a case toda a súa cúpula directiva, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, non conseguiu parar a rebelión interna dos traballadores. Os facultativos da comisión asistencial do CHUVI volveron expresar este mércores o seu "descontento xeral" co funcionamento do Álvaro Cunqueiro. “Non imos ser cómplices calados do desastre", manifestaron.

Mobilización no recibidor do hospital do SERGAS Álvaro Cunqueiro
Mobilización no recibidor do hospital do SERGAS Álvaro Cunqueiro | Fonte: CIG Facebook

Por iso, anunciaron que seguirán as medidas de protesta para intentar solucionar ás diversas deficiencias coas que traballan "día a día". Acordaron realizar unha lista por servizos dos problemas que afectan o traballo cotián" e que supoñen "un desprestixio importantísimo" para o hospital.

O médico Jesús Araújo expresou que o obxectivo da comisión asistencial é realizar formulacións diferentes aos do foro de xefes de servizo xa que, segundo expresou, actúa en "conivencia" coa dirección. Sobre esta idea incidiu o neumólogo Manuel Núñez, quen expresou que os xefes de servizo traizoaron" ao resto de traballadores do hospital dicindo que as súas queixas "eran inxustificadas", cando o que sucede, dixo, é que "vimos crispados a traballar" polas diversas problemáticas do centro.

Núñez destacou como "problema fundamental" o sistema concesional co que funciona o centro e que, lamentou, que “están condenados a sufrir durante 20 anos". "Iso ten difícil solución", suliñou. Tamén Jesús Araújo tamén expresou o seu rexeitamento ao modelo de colaboración público-privada co que se xestiona o Álvaro Cunqueiro.

Pola súa banda, o doutor Saez, do servizo de Radioloxía, tamén insistiu en que "o problema inicial é a concepción do hospital" pero resaltou que desde o traslado fai tres meses sucédense os problemas e que é necesario que os facultativos testen "que capacidade" teñen para "transformar o desastre que pode ser" o Álvaro Cunqueiro.

Protesta dos celeadores do hospital do SERGAS Álvaro Cunqueiro
Protesta dos celeadores do hospital do SERGAS Álvaro Cunqueiro | Fonte: CIG Facebook

Luís Alba, do servizo de Xinecoloxía, recoñeceu que os xefes de servizo denunciaron recentemente "as deficiencias" do hospital pero avogou por "empezar a moverse para que non sexan os catro de sempre os que protestan". Tamén significou que os médicos se sentiron "maltratados" xa que a súa opinión non foi "valorada".

Denuncias de “sabotaxe”

Por outra banda, o sindicato CCOO rexeitou as "intolerables" e "interesadas" insinuacións do conselleiro de Sanidade sobre unha posible sabotaxe no hospital Álvaro Cunqueiro ao aparecer gasas e rolos de papel hixiénico nunha tubaxe cuxas fugas alagaron dúas veces a zona de urxencias.

A executiva comarcal da federación de Sanidade de CCOO en Vigo pregúntase nun comunicado "quen ou quen teñen interese en boicotear o bo funcionamento" do novo hospital.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta