A Xunta ante a falta de sanitarios en verán: "Iso non depende de nós"

O conselleiro Caamaño pon o "garantir a asistencia sanitaria" por encima de "que falte un médico nun sitio determinado".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2024 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, recoñeceu este martes os problemas de cobertura que sofren algúns centros sanitarios, un problema derivado de "a falta de persoal sanitario" e que é "xeneralizado en toda España e en toda Europa". Por iso, destacou, na xestión de recursos do Sergas "o importante" é "garantir a asistencia sanitaria a todos os galegos" por encima de que falte algún efectivo "nun sitio determinado" e un momento puntual.

Así respondeu a preguntas dos medios ante as críticas xurdidas en relación á falta dun médico de pediatría en Porto do Son, así como de falta dalgúns facultativos na PAC de Rianxo. "É un problema de falta de persoal sanitario", dixo Caamaño, lembrando que, en época estival, é necesario "equilibrar" a asistencia con "o dereito dos traballadores ás súas vacacións", así como daqueles que están de baixa "a que permanezan de baixa".

O "que hai que facer", engadiu, é "reorganizar funcionalmente a asistencia" para "garantir" a "todos os galegos" a atención sanitaria. "O importante para nós non é que falte un pediatra, que falte unha enfermeira, que falte un médico determinado nun momento determinado ou nun sitio determinado. O problema é garantir a asistencia sanitaria a todos os galegos, e iso é o que estamos a facer", apostilou.

O conselleiro explicou, así, que é "a única maneira" de xestionar esta situación: "Se non hai profesionais sanitarios, e iso non depende de nós, o que temos que facer é manexar, xogar co que temos", engadiu. En canto á situación do Hospital do Barbanza, o responsable de Sanidade apuntou que se cubriron 7 das 13 prazas por concurso de méritos e afirmou que tratarán de cubrir as restantes "o máis rápido posible".

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño,. MONICA ARCAY CARRO
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño,. MONICA ARCAY CARRO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta