Traballadores acusan á empresa Maitours, do grupo Alsa, de utilizar a traballadores temporais para "rebentar" a folga

Este martes concentráronse ante o edificio da Xunta en Ferrol.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2024 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

O persoal da empresa Maitours, do grupo ALSA, que se encarga do transporte urbano en Ferrol, Narón e Neda, e que está en folga indefinida desde o pasado 15 de xullo, concentrouse na mañá deste martes, desde as 11,30 horas, ante do edificio administrativo da Xunta en Ferrol, na praza de España.

O delegado dos traballadores, Luís Taboada (CIG), acusou á empresa de "non querer negociar" e sinalou que "está a incumprir a lexislación laboral, xa que desde a última reforma laboral, a lei recolle que ningún convenio de empresa pode estar por baixo dun sectorial".

Ademais, acusou á compañía de empregar a traballadores temporais para tentar "rebentar a folga, ademais de tres ou catro que son de persoal, subrogados de Tranvías, que se puxeron ao lado da empresa", situación que estimou como "desconcertante".

O servizo do transporte de viaxeiros por estrada de Ferrol e comarca préstao unha UTE formada por Maitours e Intercar. Aínda que ambas as empresas pertencen ao grupo Alsa e o persoal realiza o mesmo traballo, Maitours aplica o convenio da extinta Tranvías de Ferrol, mentres que Intercar aplica o convenio provincial do sector, con mellores condicións económicas e laborais.

Esta diverxencia implica que, ademais de non ter as subidas salariais recollidas no convenio provincial, o persoal de Maitours tampouco ten recoñecidos conceptos como dietas ou antigüidade.

Isto supón que un traballador de Maitours con 18 anos de antigüidade está a cobrar ao redor duns 1.200 euros brutos, o que provoca unha diferenza de entre 400 e 600 euros co resto do persoal, ao que se lle aplica o convenio provincial.

Na concentración deste martes, ademais dos propios afectados e delegados de CIG, estivo representado o grupo municipal do PSOE de Ferrol e acudiu tamén a edil de Transporte público de Narón, Mar Gómez.

Concentración de traballadores da empresa Maitours.
Concentración de traballadores da empresa Maitours. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta