Temas: FRASEOLOXíA

“(Non) Dar cala” ou “(non) facer pé”, equivalentes á castelá “(no) hacer pie”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 11/08/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Agora que estamos no verán e que é tempo de pegar un chupo na praia, é posible que haxa persoas, sobre todo nenos ou rapaces, que estean a aprender a nadar. Daquela, se aínda non están moi seguras das súas condicións natatorias, sería ben que desen cala (isto é, que fixesen pé) ou estivesen dentro de cala o maior tempo posible, xa que fóra de cala poderían empezar a aparecer os nervios.

Bañista cos pés manchados de chapapote
Bañista cos pés manchados de chapapote | Fonte: A Mariña sen Plástico

(No) Hacer pie alguien

{= (Non) ser quen de tocar alguén co pé no fondo do mar, dun río, dun lago ou dunha lagoa ó mesmo tempo que ten a cabeza por riba da tona da auga.}

(Non) Facer pé alguén

(Non) Dar cala alguén

(Non) Darlle cala a alguén

(Non) Dar pé

Ex.: En esta playa el desnivel es tan grande que si te metes un poco ya no haces pie.

Nesta praia o desnivel éche tan grande que se te metes un pouco xa non fas pé xa non dás cala xa non che dá cala xa non dás pé.

Ex.: Se metió tanto que ya no hacía pie, se puso nervioso y empezó a tragar agua. Menos mal que los socorristas actuaron rápido.

Meteuse tanto que xa non facía pé que xa non daba cala que xa non lle daba cala que xa non daba pé. Inda bo foi que os socorristas actuaron decontado.

● Tamén, só para aqueles casos en que alguén non fai pé:

Estar fóra de cala

Ex.: Nesta praia o desnivel éche tan grande que se te metes un pouco xa estás fóra de cala.

Ex.: Meteuse tanto que xa estaba fóra de cala. Inda bo foi que os socorristas actuaron decontado.

● Tamén, só para aqueles casos en que alguén fai pé:

Estar dentro de cala

Ex.: En Boiro, en Praia Xardín, te puedes meter y meter en el agua muchos metros, que todavía haces pie.

En Boiro, en Praia Xardín, pódeste meter e meter na auga moitos metros, que inda fas pé que inda dás cala que inda che dá cala que inda dás pé que inda estás dentro de cala.

NOTAS:

1. A voz chupo que aparece na introdución do artigo é a única que quen isto está a redactar ten de seu para se referir ó que en castelán se coñece como chapuzón (ningunha das dúas voces se recollen no DRAG).

Do mesmo xeito, os fraseoloxismos (non) dar cala, estar fóra de cala e estar dentro de cala son os únicos que teño de xeito natural para o que moita outra xente denomina (non) facer pé.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega. Versión en liña.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta