Os produtores galegos de leite reclaman "unha remuneración igual ao resto de Europa e España"

Denuncian que "non hai razóns económicas" para que en Galicia se cobre cinco céntimos menos por litro que en comunidades limítrofes como Asturias e Castela e León

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/08/2024 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo un encontro para abordar a situación do sector lácteo con representantes de Unións Agrarias e a Asociación Agraria de Galicia (Asaga), quen reclamaron "unha remuneración semellante ao resto de Europa e España" para os produtores galegos.

En declaracións tras o encontro deste xoves, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, explica que participaron nesta reunión como as dúas organizacións presentes na interprofesional láctea. Así, valora que "se parou o primeiro golpe de formulación de baixada" nas propostas de novos contratos, xa que "non había razóns de mercado" pola evolución dos prezos en Europa. Con todo, denuncia que "non hai razóns económicas" para que en Galicia se cobre cinco céntimos menos por litro que en comunidades limítrofes como Asturias e Castela e León.

"Esiximos unha remuneración igual ao resto de Europa e España", deixa claro, para o que reclama "ferramentas de negociación" que permitan impedir contratos de "adhesión e imposición" por parte das industrias.

Roberto García cre que se debe buscar unha solución "conxunta" entre industrias, produtores e distribución para que Galicia estea "en pé de igualdade" con outras rexións. De cara á próxima renovación de contratos, chama a "ir da man" coa administración para "tratar de convencer á industria que é un camiño perigoso" o que segue, pois emprega argumentos "torticeros" para abaratar prezos en zonas de difícil recollida.

E é que di non entender que "se estea volvendo" a que haxa diferenciais de ata seis céntimos entre granxas que producen menos de 200.000 litros e máis de 700.000, posto que os custos de recollida "nunca" xustificarán esa diminución. Tamén avisa á industria de que estarán vixiantes para que non haxa ofertas reclamo de leite.

Nesta liña, o dirixente de Asaga, Francisco Belo, resalta que "non había ningunha acción xustificada" para o diferencial de prezo en Galicia coa media española, aínda que polo traballo das organizacións agrarias conseguiuse atallar a rebaixa inicial "tan contundente" que se propuña. "Non entendemos diferenciais con resto de España e unha comunidade veciña como é Asturias", agrega.

Belo indica que estarán "vixiantes" cos contratos para o próximos tres e seis meses co fin de que non haxa cláusulas "estrañas". Pide ás administracións índices indexados para o control de prezo e que mellore como se aplica a lei de cadea alimentaria para que "se poidan levar mesmo a tribunais" contratos fraudulentos.

"ESTABILIDADE E EQUILIBRIO"

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural valorou o "diálogo fluído" coas organizacións agrarias para tratar os problemas no rural. Pide "estabilidade e equilibrio entre todas as patas do sistema", o que cre clave para que os mozos "queiran seguir apostando" por permanecer no agro.

María José Gómez di que están "satisfeitos" con que "algunhas industrias apostaron por manter prezos", aínda que "sempre hai marxe para mellorar", á vez que "se vai reducindo lentamente" o diferencial existente entre o prezo en Galicia e a media española. Avoga por seguir "traballando conxuntamente" e remarca o incremento de produción que se vive na comunidade, con "máis da metade dos gandeiros" do país.

O prezo que se paga aos produtores galegos polo seu leite sitúase en 45,6 céntimos por litro en xuño, un novo descenso fronte aos 45,9 céntimos de maio, polo que Galicia volve situarse á cola do país.

A conselleira do Medio Rural aborda con Unións Agrarias e Asaga a situación do sector lácteo. MONICA ARCAY CARRO
A conselleira do Medio Rural aborda con Unións Agrarias e Asaga a situación do sector lácteo. MONICA ARCAY CARRO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta