CDR O Viso, maiores e pequenos xuntos: "Non creamos nada novo, facemos o que nos ensinaron toda a vida, ser bos veciños"

Asegura que "hai que poñer de novo en valor algo que vai na nosa condición humana, o estar xuntos, porque somos vulnerables e precisamos dos demais", pois, aínda que "nos fixeron crer que con ter un salario cada mes é suficiente, e que non precisamos dos nosos veciños, non é así, porque xuntos somos mellores".

Por Ángela Precedo | OURENSE | 24/08/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Aínda que o despoboamento e o abandono do rural son dúas realidades moi plausibles en Galicia, quedan algúns recunchos de esperanza nos que pequenos e maiores, xuntos en comunidade, loitan por manter viva a cultura das aldeas do rural. E fano cun único obxectivo: que non se perda a esencia do pobo galego, que non é outra que a de vivir en comunidade e axudarse os uns aos outros. Hoxe, dende o Galicia Confidencial, entrevistamos a Toño, voceiro e membro da Xunta Directiva do Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) O Viso, na parroquia de Lodoselo, no concello ourensán de Sarreaus, un lugar onde ese espírito de comunidade se ten moi en conta á hora de implementar todo tipo de programas.

Fomento da interxeneracionalidade no CRD O Viso
Fomento da interxeneracionalidade no CRD O Viso | Fonte: CDR O Viso

O Viso tivo que constituírse como asociación cultural no ano 1985, baixo o nome de O Cruceiro, pero, como nos conta Toño, "foi por imposición legal, porque nós sempre dicimos que non creamos nada novo, só lle demos unha validación xurídica a algo que nos aprenderon toda a vida e que é ser bos veciños e atender á veciñanza, coidándonos entre nós". Sería no 1990 cando se constituíron xa como CDR O Viso, o que "nos deu a posibilidade de entrar a conformar a confederación de centros COCEDER, da que somos socios fundadores, e así acceder a subvencións que saían publicadas no BOE, xa non só ás do DOGA (é dicir, a subvencións estatais, non só autonómicas)". Pero, sen dúbida, o grande fito para este centro de desenvolvemento rural chegou coa apertura do comedor social, que xa leva funcionando dende o século pasado, repartindo a diario centos de comidas. 

A clave do éxito deste espazo atópase na interxeneracionalidade, aínda que para Toño, "ese é un nome que se lle puxo agora a algo que é de sentido común: un pobo está conformado por todos os que viven nel, desde as crianzas ata persoas de máis idade, todos nos enriquecen". Dende o seu punto de vista, "agora parcelamos moito a realidade, ás veces para traballar mellor sobre unha idea, e é raro o sitio no que non hai unha asociación xuvenil, unha asociación de mulleres, unha asociación de maiores...". Dende o CDR O Viso "cremos que isto que se puxo de moda baixo o nome de interxeneracionalidade non é máis que a forma en que nos educaron aos pobos dende sempre". E pon o exemplo de que en calquera actividade que se levase a cabo nunha aldea galega, mesmo un enterro, sempre implicaba tamén aos nenos, "algo que agora parece que non se debe facer!".

XUNTAR A NENOS E MAIORES NON É DOADO COA LEXISLACIÓN ACTUAL

Pero ese aúnar nenos e maiores dentro das súas propostas de actividade tróuxelles bastantes quebraduras de cabeza. Toño e os que conforman o CDR O Viso sempre tiveron claro que "non só educa a familia, senón tamén a comunidade, e a comunidade conformámola todos, dende os maiores ata os nenos". Pero, "cando nos demos de alta como centro de día, ao pouco tempo, obrigáronnos a darnos de baixa porque incluíamos a persoas menores de 65 anos nas nosas actividades e iso non podía ser un centro de día; logo tivemos que cambiarnos o nome a centro de inclusión, pero igualmente mandáronnos cambialo; agora estamos dados de alta de novo como centro de día... Puxéronnos moitísimos problemas e, aínda que os inspectores teñen que controlar que se cumpra o que está lexislado, considero que os nosos parlamentarios terían que adaptar continuamente a lexislación á realidade".

Fomento da interxeneracionalidade no CRD O Viso
Fomento da interxeneracionalidade no CRD O Viso | Fonte: CDR O Viso

Deste xeito, "se se valora que é bo para os nenos e os maiores ter espazos de convivencia, habería que permitirllo legalmente", conclúe, engadindo que "somos xente de pobo e todos conformamos a comunidade, todas as persoas e o entorno que nos rodea, aprendendo a vivir en harmonía con esta realidade". Toño ten claro que "non temos máis méritos que outros, só facemos o que se fixo toda a vida e que nos parece que é de sentido común, aínda que ás veces se vaia perdendo, nós bebemos de como nos criamos e consideramos que somos persoas equilibradas grazas a iso, a que nos souberon educar en harmonía co que nos rodea e coidándonos os uns aos outros". "Autonomía, claro que si, pero tecendo lazos: autonomía vinculada", apunta Toño.

Para poder chegar con este espírito de comunidade a máis persoas, mesmo contan cun centro polivalente, o que era a casa reitoral, onde teñen dispoñible un albergue para que, entre outros, aqueles que están pensando en mudarse ao medio rural poidan experimentar antes como é a vida nel. "Temos especificamente algúns programas de volta ao pobo (volveralpueblo.org), poñendo a disposición o albergue como estancia temporal para a xente que lle interese vir vivir á Limia, para que non merquen unha casa antes de poder experimentar como é a vida aquí", pois "é moi diferente velo polas redes que estar aquí un mes vendo como é". Entre outras cousas, Toño pon o foco en que "aquí o transporte público é o que é", e "se hai persoas que non queren ter coche, por exemplo, pois ao mellor non poderán vivir nun pobo no que non van ter a posibilidade de ir mercar á volta da esquina". 

"QUEREMOS QUE A XENTE DO NOSO MEDIO NON SE SINTA IGNORANTE, PORQUE SON VERDADEIROS CATEDRÁTICOS, PERO DUNHA CULTURA QUE NON SE VALORA"

Outro dos puntos crave para o CDR O Viso pasa por "ruralizar o ensino". Toño foi mestre e asegura que unha teima súa sempre foi ensinar aos nenos que "ao medio rural hai que quererlle", porque "nos libros de texto o rural moitas veces non aparece e, se aparece, é sempre como unha opción do pasado, non de presente nin de futuro". Por iso, "cos nosos campamentos e programas de tempo libre queremos trasladar ese enfoque rural e poñer de manifesto que calquera persoa urbana ten que vivir coñecendo o medio rural e viceversa, porque só na alianza dunha cousa coa outra vai ser posible a supervivencia dos dous ámbitos, do rural e do urbano". A aposta baséase fundamental en ruralizar o urbano porque "os do rural sempre tivemos que urbanizarnos por obriga". Lembra, como anécdota persoal, cando foi a un internado no que se sentía como un ignorante por ser de aldea, mentres el vía que "eles eran uns pijos que non sabían andar polos lugares polos que eu si, nin distinguir unha xesta dun codeso ou un amieiro dun carballo".

Lamentablemente, "esa cultura do rural non aparece nos libros, non se valora", afirma Toño, que explica que "nós queremos que a xente do noso medio, co pobo-escola, poida sentir que non son ignorantes nin paletos, son verdadeiros catedráticos, pero catedráticos dunha cultura que nunca se valorou". Así, no CDR O Viso teñen actividades nas que conviven pequenos con maiores, para que os máis novos "aprendan dos seus maiores e adopten deles ese enfoque de saber mirar ao medio ou a un animal, á súa contorna, á súa horta...". "A verdade é que é unha gozada estar neste tipo de espazos e con esta xente, porque é unha aprendizaxe continua", asegura Toño, que afirma que se trata de "aprendermos a mirar". De feito, así foi como o CDR O Viso foi crecendo, pois "calquera familia ten nenos e maiores que participan nos nosos programas, e se van enterando os uns polos outros dos mesmos". Segundo as súas memorias, con todos os programas que levan organizados chegaron a estar con máis de 2.300 persoas, aínda que Toño asegura que "non nos gustan as cifras".

"CHEGAMOS A ONDE NOS PERMITAN AS FORZAS", REPARTINDO CENTOS DE COMIDAS AO DÍA NO SERVIZO DE COMEDOR

Actualmente un dos servizos con maior demanda, tal e como están as cousas, é o de comedor. Con el chegan a Sarreaus, Xinzo de Limia, Trasmiras, Cualedro e practicamente todos os concellos limítrofes da comarca. Como explica Toño, "para prestar o servizo de comedor hai unhas rutas marcadas, pero cando alguén se dá de baixa do servizo, podemos cambiar a ruta se metemos a xente que estaba na lista de agarda que é doutro lugar". "Chegamos a onde nos permitan as nosas forzas", afirma, e sempre con ese obxectivo de "conxugar as necesidades da xente da contorna coas nosas posibilidades, esa é a nosa guía". Tamén lles derivan persoas que precisan axuda dende os propios servizos sociais dos concellos de toda a redonda. 

Toño ten tan arraigado ese espírito de comunidade que lamenta que sexa algo que se estea perdendo. "Hai que poñer de novo en valor algo que vai na nosa condición, o estar xuntos, porque o contrario é enganarnos, somos vulnerables e precisamos dos demais", asegura. Engade que "nos fixeron crer que con ter un salario cada mes é suficiente, e que non precisamos dos nosos veciños, pero non é así, e nós apostamos por iso, porque xuntos somos mellores: ao teu lado o que me rodea é máis acolledor e máis bonito e, aínda que puidese vivir sen ti, que eu creo que non, pero aínda que así fose, estou seguro de que a vida contigo é máis bonita e gústame máis". 

Fomento da interxeneracionalidade no CRD O Viso
Fomento da interxeneracionalidade no CRD O Viso | Fonte: CDR O Viso
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta