Temas: FRASEOLOXíA

“Tranquilo morreu cagando”, para retrucar coloquialmente a alguén que nos di que esteamos tranquilos

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 18/08/2024 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Naquelas situacións en que alguén lle aconsella a outra persoa que estea tranquila ou que faga algo de xeito tranquilo, se esta última entende que no caso concreto en que se atopa a tranquilidade non é boa conselleira, de seguro que temos escoitado máis dunha ocasión que lle retruca algo así –nomeadamente asociada a ámbitos de uso familiares ou coloquiais– como tranquilo morreu cagando, completado ás veces con diversas variantes, algunha das cales imos ver deseguido.

Cemiterio de San Froilán
Cemiterio de San Froilán | Fonte: Concello de Lugo

EXPRESIÓNS FRASEOLÓXICAS CON QUE –NOMEADAMENTE EN ÁMBITOS DE USO FAMILIARES OU COLOQUIAIS– SE RETRUCA A ALGUÉN QUE NOS DI QUE ESTEAMOS TRANQUILOS OU FAGAMOS ALGO DE XEITO TRANQUILO, SOBRE TODO SE ENTENDEMOS QUE NESE CASO A TRANQUILIDADE NON É BOA CONSELLEIRA:

(¡)Tranquilo morreu cagando(!)

[E MAIS TAMÉN]:

(¡)Tranquilo morreu cagando agarrado a un pé de millo, e súa nai esperando por el no camiño(¡)

(¡)Tranquilo morreu cagando tras dun valo, dispensando(!)

(¡)O tranquilo morreu cagando(!)

(¡)O tranquilo morreu cagando na vía do tren(!)

[E MESMO]:

(¡)O tranquilo morreu cagando lendo o periódico(!)

(¡)O tranquilo morreu cagando lendo a páxina de sucesos(!)

Ex.: —Ti tranquilo, home, que seguro que chaman. —¡Tranquilo morreu cagando! ¡Tranquilo morreu cagando tras dun valo, dispensando! Como en cinco minutos non chamen, chámolles eu.

NOTAS:

1. O emprego que no exemplo se fai de chámolles (=chamar por teléfono a alguén) abórdase, ó igual có emprego dos clíticos lle/lles en función de, en principio, CD, no traballo VERBOS CON COMPLEMENTO DIRECTO PRONOMINALIZABLE A TRAVÉS DO CLÍTICO DATIVO (CHE OU LLE/S). CASUÍSTICA E TRAZOS DEFINITORIOS, ó cal se pode acceder ou ben a través do Portal da Lingua Galega ou ben a través do url https://pt.slideshare.net/slideshow/verbos-con-complemento-directo-pronominalizable-a-travs-do-cltico-dativo-che-ou-lles-casustica-e-trazos-definitorios/267423868, no cal cumprirá crear a pertinente conta (proceso que a canto leva tempo e que non representa problema ningún) para poder ingresar en slideshare.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega. Versión en liña.

- Veiga Díaz, Maite: “Pequena contribución á fraseoloxía galega”. Cadernos de Lingua, 14, 1996, páxs. 85-100.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta