Por Moncho Mariño | Santiago | 30/08/2024 | Actualizada ás 22:00
As estimacións da OTAN para os vindeiros anos (baseadas en informes do Departamento de Defensa dos EEUU) vían necesario investir o 2% dos orzamentos públicos en defensa. Este gasto iría destinado a material militar de todo tipo. Porén, en todas as consultas realizadas apenas se falou das retribucións para a tropa e mariñeiros. Segundo estatísticas, España non inviste en defensa o reclamado pola OTAN e ademais, os datos da Alianza Atlántica aseguran que o 50% do gasto vaise en nóminas. Porén, segundo as asociacións profesionais de militares, que a metade do gasto vaia a salarios non significa que existan unhas nóminas consideradas equiparables ao grao de profesionalidade e rango dentro das FFAA, ademais de consideraren pouco real este dato. As asociacións militares consultadas falan tamén do abandono das FFAA por parte de suboficiais para iren á Garda Civil ou Policía Nacional onde cobrarán máis como gardas ou policías rasos. Logo está a cuestión de que facer cos militares cuxa carreira finaliza aos 45 anos en caso de non teren feito exames para suboficial, pois entrar no mercado laboral a esa idade é, como pouco, complicado. Desde a perspectiva persoal, o feito de ser militar implica unha dispoñiblidade as 24 horas os 365 días do ano, por tanto non hai un control propio da vida privada nin existe a certeza de que poidan, nun futuro, ter unha familia. Este último punto, o manter unha familia e non sometela aos cambios que supón a mobilidade militar, implica que moitos profesionais renuncien a ascensos que lles corresponden.
SALARIOS E LABORES
“Nestes momentos somos o colectivo do sector público peor pagado” sinala Iñaki Unibaso da Asociación Unificada de Militares Españoles (AUME). “A falta dunhas retribucións dignas fan que moitos profesionais marchen a outros corpos como a Garda Civil ou a Policía nacional onde poden encontrar salarios mellores”. Isto implica que “sarxentos con tres anos de formación académica queiran ir á Garda Civil como gardas rasos porque gañan máis que sendo suboficiais nas FFAA” declara Miquel Peñarroya da Asociación Profesional de Suboficiales de las Fuerzas Armadas (ASFASPRO). Peñarroya sinala que cando se enviaron militares para desinfectar lugares públicos como os da UME ou como os NBQ (nucleares, bacteriolóxicos e químicos): “a diferenza entre o que cobraba un sarxento do Exército e un garda civil estaba en 800 euros máis para o garda civil cada mes e por facer a mesma tarefa e subía a 1.000 euros noutros graos”.
“Aquí sempre nos falan do encomiable que é o noso traballo, o ben que o facemos mais as nosas familias non viven de boas palabras” apunta Peñarroya, quen remarca “estamos fartos das boas palabras”. Reclaman retribucións dignas para un traballo onde non cabe a discusión ou a protesta ante unha orde se non se quere ver aberto un expediente.
“Estamos cobrando algo máis de 1.100 euros por mes e ás veces temos que realizar horarios excesivos que non levan compensación” di Unibaso. En total, os militares en España teñen que cumprir 1.642 horas por ano desde 2019, algo regulamentado na Orde DEF/110/2019, de 8 de febreiro dese ano. “Houbo unidades que chegaron ás 3.000 horas sumando manobras, gardas, incendios, desastres naturais, etc., horas que non son retribuídas”. “Lanzamos unha proposta de aumentar en 160 euros o salario dos soldados e 100 euros para os que estaban en reserva, necesitaría un orzamento de 320 millóns de euros” di Peñarroya. A proposta non foi para adiante.
RISCOS LABORAIS E CALIDADE DE VIDA
O mesmo que policías e gardas civís, os militares profesionais non están recoñecidos como profesión de risco. Tamén, o mesmo que Policía Nacional e Garda Civil, a maioría deles cotizaron como clase pasiva até o 2011, cando as novas incorporacións comezaron a cotizar á caixa da Seguridade Social. Dato curioso é que a lei de prevención de riscos laborais “non aplica cando estamos de manobras, por exemplo manipulando un explosivo” sinala Unibaso.
“A ferramenta dun militar é un fusil, traballar con explosivos, o material vaise modernizando e o persoal non está suficientemente preparado para usalo” declara Peñarroya. A isto engade que a falta de motivación para ingresar nas FFAA fai que “se traduza nunha carencia de persoal profesionalizado para manexar medios tecnolóxicos de defensa”. ASFASPRO lembra que os militares son persoas disciplinadas que levan adiante tarefas por salarios ínfimos. “Cando estourou o volcán da Palma, os primeiros en ir recoller medición de gases foron os NBQ, tamén os que retiraron as cinsas dos tellados e de seguro os seus salarios eran moi diferentes aos civís que realizaban tarefas iguais”.
Doutra banda está a vida persoal. Por unha parte está a cuestión de que os hábitos e a vida cambiou. Ningún soldado de tropa e mariñeiro pode pagar un aluguer el só en moitas cidades. Xa se comentou que moitos renuncian a ascensos por cuestións familiares porque ao ascenso vai ligada a mobilidade. “Se te cambian de destino tes que deixar a familia onde vivías porque a túa parella traballa, e de paso, tamén debes pagar o aluguer dunha vivenda onde te destinaron”. Outra consecuencia da renuncia aos ascensos está en que “non ascenden os mellores, ascenden os que non teñen familia”.
“Outro tema é o da saúde mental porque non se atende como é debido, teñamos en conta que manexan armamento, material perigoso e hai profesionais en situación de retiro por problemas de saúde mental” apunta Unibaso.
Actualmente o investimento en material militar dentro do Estado aumentou considerablemente, dando paso a novos buques, submarinos, blindados, avións, etc. Pola contra, os salarios de tropa e mariñeiros experimentaron a última suba en 2005 segundo ASFASPRO e, a día de hoxe, hai profesionais que cobran mesmo por debaixo do salario mínimo. Todo isto sendo persoal que leva adiante tarefas de diversa natureza á parte das propiamente militares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.