María Ramalleira, unha madrileña que se aferra ás súas raíces galegas tocando a pandeireta

Acada xa os 20.000 seguidores na súa canle de Tik Tok, onde o vídeo máis viral foi no que tocaba a canción de ritmo latino 'Dime si le comento a la pura' coa pandeireta. Hoxe o GC descúbreche a esta rapaza que ten moito arte!

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 31/08/2024 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Os mozos de hoxe en día son a esperanza de que as nosas tradicións pervivan no futuro e, aínda que moitos ven con desesperanza á xuventude, dende o Galicia Confidencial xa comprobamos en varias ocasións que hai rapaces e rapazas que levan o noso patrimonio por bandeira, ben orgullosos del ao redor de todo o mundo. Hoxe descubrimos o caso de María Ramalleira (@maria.ramalleira), unha madrileña de 22 anos que cada día ensalza as súas raíces a través da pandeireta. Para que outros novos se animen tamén a tocar este instrumento e para que coñezan todo o que se pode facer con el máis aló de tocar música tradicional, ten unha canle de Tik Tok (@maria.ramalleira) na que xa case acada os 20.000 seguidores. Quen dixo que a cultura galega non interesa?

María Ramalleira
María Ramalleira | Fonte: Instagram @maria.ramalleira

María conta que comezou a tocar xa aos 8 aniños. "Eu son de Madrid, pero teño familia galega, na zona de Lugo, concretamente", afirma. E o seu irmán maior, chamado Miguel Ramalleira, interesouse polo mundo da gaita e atopou en Madrid un lugar onde aprender: o Centro Galego de Madrid, onde había unha agrupación chamada Rosalía de Castro. "Un día chegou á casa despois de levar meses dando clases e díxome: María, por que non ves comigo, que hai nenas da túa idade e valo pasar moi ben?", lembra. E confesa que, "aínda que nun principio a min non me gustaba en absoluto nin me chamaba a atención, ao final o meu irmán convenceume e animeime a probar". Así, "cheguei alí coa idea simplemente de ver como eran os ensaios e a dinámica e a profesora xa me colleu, sentoume co resto do grupo e púxome unha pandeireta entre as mans". Dese primeiro contacto xurdiu a súa paixón, que xa dura agora 14 anos e que segue crecendo día tras día.

É durante a época estival que María vén a Galicia para visitar á súa familia, pois o resto do ano vive en Madrid. Para ela, tocar a pandeireta "é a miña maneira de seguir en contacto coas miñas raíces, mantendo a tradición dende Madrid". Pois confesa que, por razóns laborais e dos longos tempos que leva o desprazamento dende a capital ata a nosa terra, non pode visitar Galicia tan a miúdo como lle gustaría. Iso si, cando vén sempre aproveita para ir a festivais e foliadas que en Madrid non son tan habituais, nos que pode dar renda solta á súa paixón. "O ano pasado fun ao festival de Pardiñas e comprei unha pandeireta, xa son eu a que vai buscando lugares aos que ir", asegura, e conta que "tamén cando viñeron as Tanxugueiras a Madrid a tocar fun a primeira en mover ás miñas compañeiras para ir velas".

"É UNHA MANEIRA DE FACER CHEGAR A MÚSICA TRADICIONAL A TODO O MUNDO"

A apertura da súa canle de Tik Tok viuse tamén alentada pola visualización de contidos semellantes por parte doutros creadores, como Joel Padín ou Dani Morán, mozos que tamén tocan instrumentos tradicionais galegos. "Eu vinos e dixen: gustaríame poder transmitir tamén o que eu sei de pandeireta", asegura María. Ademais, ao igual que fai Dani Morán, "tamén quixen demostrar a esa xente que di que coa pandeireta non se poden tocar máis que panxoliñas que non é así, que se poden tocar distintos tipos de música e cancións". O que nunca imaxinou foi ter tanto éxito e que varios dos seus vídeos xa se fixesen virais: "Semella que á xente lle gusta a pandeireta, non agardaba eu que isto causara tanto 'boom'", chancea María, que se mostra moi contenta e orgullosa do logrado.

Ao mesmo tempo, a través do seu contido, tamén tenta que o relevo xeracional neste tipo de instrumentos se vexa garantido, pois "é unha maneira de facer chegar a música tradicional a todo o mundo, demostrando que coa pandeireta se poden tocar todo tipo de ritmos". Ademais, apunta a que é todo un mundo este da pandeireta, porque presenta múltiples variantes dependendo onde se toque: "En Asturias a pandeireta xa se colle de maneira diferente a como se colle en Galicia, en Castela tócase coa outra man... Segundo a zona pola que te vaias movendo tamén vas vendo as diferenzas que hai dentro do mesmo instrumento, e a cousa cambia un montón", asegura.

"INCORPORO TEMAS ACTUAIS PARA LOGRAR DARLLE MÁIS VISIBILIDADE ENTRE OS MOZOS A UN INSTRUMENTO COMO É A PANDEIRETA"

Sen dúbida, o vídeo que máis impresión causou en redes sociais foi no que sae tocando coa pandeireta a canción de 'Dime si le comento a la pura', que se fixo viral en Tik Tok. Como é posible tocar unha canción actual sen ter un patrón a seguir? María explica que "vou probando" e "todo isto comezou porque ao meu grupo de cantareiras de aquí de Madrid, conformado na súa maioría por rapazas mozas, despois dunha foliada déusenos por intentar sacar o ritmo das cancións de 'reggaeton' de moda coa pandeireta e, a raíz de ilo facendo, o oído adáptaseche e agora, cando escoito unha canción de 'reggaeton', xa son quen de sacar o ritmo coa pandeireta de xeito case automático", afirma. Toda unha marabilla que combina cos instrumentos que tocan as súas amigas: dende as culleres ata o pandeiro.

Deste xeito, a idea de María é continuar subindo á súa canle cancións actuais mesturadas coas cancións tradicionais galegas, porque "é verdade que as cancións de recollidas que se fan en Galicia e que a min persoalmente me encantan, non atraen tanto aos mozos como os temas actuais, por iso tamén hai que incorporalos para lograr darlle máis visibilidade a un instrumento como é a pandeireta". De cara ao futuro tamén considera que seguirá combinando o seu traballo coa música, porque "para min a pandeireta é unha maneira de desconectar do mundo". "Eu teño o meu traballo e cando chega a fin de semana só me apetece coller a pandeireta e desconectar absolutamente de todo, bailar e pasalo ben cos meus, coa xente coa que levo toda a vida e que para min son coma unha segunda familia", confesa a moza.

"CANTO MÁIS PEQUENO COMECE UN NENO A TOCAR A PANDEIRETA, MÁIS SINXELO LLE SERÁ APRENDER"

Para todos aqueles que estean interesados en comezas a tocar a pandeireta animaríaos a facelo canto antes, pois "aínda que dende fóra semella un instrumento moi sinxelo e fácil de tocar, o certo é que cando lle dás a unha persoa a pandeireta e lle dis que ten que mover unha man sen mover a outra, bloquéase". Por iso, afirma que "cando tes a pandeireta na man a cousa é un pouquiño máis complicada do que semella ao primeiro". No seu caso, explica que "non me foi moi complicado porque empecei moi nova e, ao seu pequena, a capacidade de aprendizaxe é moito maior que cando medras". É por iso que animaría aos pais tamén a apuntar aos seus fillos, porque "cando máis pequenos sexan, máis fácil lles vai resultar tocar". Logo tamén apunta á importancia de ter un bo profesor que che guíe durante todo o proceso de aprendizaxe: "A profesora que teño aquí en Madrid e coa que levo toda a vida sempre soubo como guiarme, foi importantísima para min".

Ao pedirlle un 'top 3' de cancións que lle gusta tocar na pandeireta sitúa en primeira posición 'O son do ar'; en segundo lugar 'A de sempre', das Tanxugueiras; e en terceiro 'Pano corado', tamén das Tanxugueiras. E entre os seus referentes, ademais de Joel Padín e As Tanxugueiras, tamén nomea a Xabier Díaz. María lembra con moito cariño a súa primeira pandeireta, que "foi prestada e lle faltaban ferreñas por todos os lados, pero soaba moi ben". Explica que "na agrupación temos varios instrumentos que cando chega alguén novo lle deixamos para que vaia probando antes de mercar o seu propio, e eu comecei así, cunha desas pandeiretas prestadas que pasara por mil mans". Chancea con que "como eu ao comezo era pequeniña, a pandeireta tamén o era, e co paso do tempo fun medrando e fóiseme quedando pequena, saíame a man e xa non podía tocar". Así que, por Reis, os seus pais agasalláronlle con unha de Sanín, branca con bolboretas moradas, "súper bonita". A día de hoxe, a que ten é de O Reberete, que foi a que mercou no festival de Pardiñas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta