Por Europa Press / Redacción | LUGO | 19/08/2024 | Actualizada ás 20:15
O Sindicato Labrego Galego (SLG) demandou á Consellería do Medio Rural a convocatoria urxente dunha mesa de traballo para abordar a "crise da Ribeira Sacra" pola situación na que están viticultores e viticultoras desta Denominación de Orixe. "Preocupa no sector que a día de hoxe a Consellería e o Ministerio permanezan inmóbiles observando a grave deterioración desta Denominación de Orixe", sinala. Por outra banda, avoga por "limitar plantacións, poda en verde, estudo de custos, promoción e estratexias de adaptación" ante os excedentes de viño acumulados.
"A día de hoxe non nos consta que se teña feito absolutamente nada para atallar esta circunstancia", indica o sindicato quen dubida que se saque a orde de destilación de crise, tanto pola propia descoordinación entre a Consellería e o Ministerio como por non ser unha proposta do gusto das adegas".
O SLG alude ao feito de que "a principal adega da Denominación en canto ao volume de compra, Reitoral de Amandi, non vaia a recoller ningunha uva o que deixa na ruína a moitos viticultores e viticultoras e vai facer que esas viñas queden abandonadas".
"Tamén outras das adegas máis grandes van comprar menos o que contribúe a agravar a situación posto que vai ser practicamente imposible vender a uva sobrante", apostila.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.