Desactivado o plan anticontaminación mariña en Pontedeume polo afundimento do barco pesqueiro

A medida preventiva permanecía activada desde o domingo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/08/2024 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A Xunta desactivou na tarde este luns o Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia (Plan Camgal) no porto de Pontedeume como consecuencia do afundimento o pasado domingo do barco pesqueiro 'Jato Roxo'.

A medida preventiva permanecía activada desde o domingo no seu nivel mínimo tras ser detectados restos de hidrocarburos procedentes do buque, que foi reflotado e amarrado ao pantalán do porto de Pontedeume.

O barco afundiuse na zona na que estaba amarrada a embarcación sen tripulación a bordo, o que provocou unha vertedura de gasóleo no mar, duns 50 metros cadrados, entre a ponte do ferrocarril e a estrada N-651.

O 112 Galicia recibiu a alerta sobre as 12.30 horas do domingo, despregando un dispositivo para controlar a vertedura. Desta forma, foron informados Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia, o GES de Mugardos, a Policía Local e Protección Civil de Pontedeume. Ademais, desprazouse ata o punto persoal da Armada.

Segundo explica nun comunicado a Consellería do Mar, a auxiliar do remolcador de altura de Gardacostas 'Ría de Vigo' mobilizouse ata a zona, onde "constatou o pequeno alcance" da mancha de combustible e procedeu a instalar barreiras absorentes na contorna do afundimento do barco.

Durante a tarde foron retiradas as barreiras absorbentes "para non obstaculizar" as tarefas de reflote que realizou o persoal da Armada de Ferrol e este luns acudiu á zona a embarcación 'Illa de Sálvora', tamén da frota de Gardacostas. Tras localizar restos "residuais e de escasa presenza", segundo traslada Mar, na tarde regresou á área do afundimento a auxiliar da 'Ría de Vigo' para reevaluar a sitaución.

Así as cousas, a Consellería do Mar acordou desactivar o plan de emerxencia unha vez comprobada "a remisión" do episodio de contaminación, unha decisión que foi trasladada polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

Ponte de Pontedeume (A Coruña).. MITMA
Ponte de Pontedeume (A Coruña).. MITMA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta