Por Amanda Fernández | Lugo | 01/09/2024 | Actualizada ás 21:00
Ben certo é iso de que quen ten unha avoa, ten un tesouro (se cadra o dito non é así, pero isto é a pura verdade). Imaxina que che ensina o oficio artesán ao que se dedicou toda a vida e preto dos 90 anos desfruta contigo gravando vídeos no Tik Tok. Esta é a realidade de Patri Bea e Veva, neta e avoa do Grove, que colleitan milleiros de visualizacións nesta rede social. Foi un 25 de agosto de 2021 cando Patri subiu o primeiro vídeo titulado "Que é ser colareira?" que hoxe ten máis de 300.000 reproducións: "Levaba desde os 18 anos vendendo colares e quixen gravar o que facía nun día porque me da moita rabia que a xente que pasa polo posto non valore o esforzo de estar aquí. Non só sentamos a agardar polos clientes, montar e desmontar o posto, atender á xente, facer mercancía, repoñer...".
Por aquel entón foi unha amiga a que lle deu o empurrón para subilo a Tik Tok, que daquela non usaba para nada. Levou unha grata sorpresa xa non só polas visualizacións, senón por ver como á xente lle interesaba o oficio e lle resultaban bonitos os colares. Como colareira pensou en aproveitar o tirón porque "o posto dá contido".
Coa chegada do inverno e xa exercendo máis de xornalista decidiu manter a conta activa e descubriu que tamén lle gustaba. Agora pode definirse tamén como creadora de contido: "Ao ser xornalista tamén quería perder a vergoña e aproveitei para facerlle publicidade ao posto, así sacaba beneficio nas dúas profesións e ata a día de hoxe sigo subindo. Gústame o que fago".
COLAREIRA POLA SÚA AVOA
Xunto a ese vídeo ten outro anclado no perfil coa súa fiel compañeira, a súa avoa Veva, no que contan a historia da orixe das colareiras do Grove. "É unha historia que coñezo de toda a vida, pero hai moita xente que non e que me encanta contar", confesa Patri. Así, relata que que hai máis de 100 anos cando se construiu o hotel e o balneario na Illa da Toxa pasou a ser unha zona moi visitada polos turistas. Entón, as mulleres da vila para poder sacar ás súas familias adiante recollían cunchas para facer colares e achegábanse á Illa para vendelos. Co paso dos anos viron que funcionaba e foise profesionalizando o oficio, as mulleres seguiron indo e os fillos herdaron a profesión. "Despois da época franquista xa lles outorgaron licenzas para que foran de forma legal, organizáronse cinco grupos repartidos para que non haxa pelexa na Illa da Toxa. A día de hoxe tamén hai algún home, aínda que orixinalmente eran só mulleres, que imos alternando para ter todas as mesmas posibilidades", explica.
Os tempos cambiaron e inicialmente ían co seu cesto e ata vestidas obrigatoriamente co traxe galego para vender esa artesanía feita con cunchas mariñas. Hoxe en día xa se poñen as mesas onde Patri continúa co legado de Veva. A súa avoa é unha desta mulleres que vendeu colares na Illa da Toxa desde os seis anos no seu posto, onde a súa neta compartía con ela momentos entre venta e venta. "Cando cumprín 18 anos, a miña nai díxome que tiña que traballar de algo para ir gañando cartos para os estudos. Había que moverse e aínda que o verán anterior xa coidara unha nena, non era o meu. Entón, a miña avoa xa tiña 80 anos e operáranna polo que era momento de quedar na casa e desfrutar sen traballar", relata. Foi difícil ese momento de deixar de ir á Toxa, "algo indispensable para as colareiras" que senten "un vacío" ante isto. Ese posto non quedaría orfo porque Veva pasoulle a licenza a Patri e ensinoulle o oficio para que ela continuase ata a actualidade e leva xa dez anos. Iso si, a súa avoa segue a ser unha parte "moi importante" que lle axuda cos colares, coa xente cando está no posto e... cos vídeos! "A ela encántalle facer o parvo, falar coa xente e sen vergoña ninguna", describe a neta.
COMO É O OFICIO DE COLAREIRA?
"A miña avoa sempre me di que antes se gañaba moito máis porque a xente non se preocupaba do que gastaba, a xente que ía á Illa era de clase social alta, non lle importaba gastar. Ao mellor non lle daban tanto valor as cousas, era un capricho máis", afirma. A día de hoxe o que aprecia é que hai xente de todo tipo e o que máis vende son os colares máis baratos, gargantillas a cinco euros. Os máis caros, en función da cantidade das cunchas, véndense menos porque supoñen ter que axustar máis o presuposto. Aínda así a xente que para ten diversas idades.
O proceso para que eses colares estean no posto xa para a venda final iníciase no inverno coa recollida de cunchas. Unha época na que non hai xente nas praias e as mulleres saen na procura desa materia prima. Patri tivo a sorte de que cando comezou, Veva tiña moitísimo acumulado na casa de anos atrás, polo que partía cunha base. De non poder ir facer a recollida, tamén se soe facer intercambio, troco ou venta de cunchas entre as mulleres do gremio. "Tamén hai cunchas que veñen de fóra, son menos comúns, pero serven para rechear o posto porque só coas cunchas de aquí, non chegaría", expón. Neste sentido, amósase preocupada cando lle sae un vídeo de Tik Tok no que se fai referencia a non coller cunchas das praias: "É algo que entendo, pero as nosas licenzas, ata o día de hoxe, permiten recoller as cunchas e vender artesanía feita con elas na Illa. Supoño que se nalgún momento ven que perxudica ao medio ambiante, cortarán a billa".
Ten o oficio futuro? Nisto tampouco se ve moi convencida, aínda que hai colareiras de 30 e pico anos, pero dubida si se dedicarán a iso toda a vida. "Supoño que hai xente que vén detrás que quere traballar, quero pensar", manifesta e engade que por isto tamén amosa o que é nas redes sociais para combater o prexuízo de vender na rúa: "Se fose nunha tenda, non me tería tanta graza. Confío en que se manteña e por iso no me quero desvincular de todo, por aportar o meu gran de area".
"Á MIÑA AVOA ENCÁNTALLE FACER VÍDEOS"
Patri é xornalista de profesión e o traballo de colareira sempre foi algo a tempo parcial e de forte sentimento por conectala con ela mesma, coa casa e coa terra. Actualmente non se dedicaría a iso porque lle gusta a comunicación e o xornalismo e de feito comparte con nós o seu soño: "Sería crear unha serie, documental ou película das colareiras, así poder combinalo, seguir indo nos ocos libres e xubilarme vendendo colares e facendo vídeos aos 60 pico anos". Hai que manifestar din! Chegado a este punto toca saber como leva Veva o de ser unha avoa querida e famosa en Tik Tok: "Encántalle porque xa na vila ou xente que fai tempo que non a ve lle di que xa a viron no Tik Tok. Aínda que para ela todo é o WhatsApp".
Xa tiña Patri costume de gravar a Veva antes de facelo publicamente, xa que é unha muller que canta e baila "mil veces ao día". Agora faille graza gravar e que lle recoñezan, aínda que hai días para todo, claro. "Ela é a alma da festa, cando está no posto axúdame e cando a recoñecen, rápido anima a que merquen. É un recordo que nos queda xuntas, penso no día de mañá é ter todo este contido con ela e poder ensinarllo aos meus futuros fillos, mira que divertida era a avoa!", expresa.
Retomando o do inicio, esta moza galega é moi afortunada, así como Veva de estar a unha para outra. Vive en Madrid por traballo durante todo o ano, pero intenta vir o máximo posible porque "a casa tira". Na súa conta podemos ver ademáis de vídeos do oficio de colareira e coa súa avoa, curiosidades, historias varias, gastronomía... Recoñece que lle gustaría facer máis contido en galego e loa o traballo doutras creadoras de contido como Sara Seco ou Iris. "O que me gusta dos creadores de contido en Galicia é que están ao alcance e unha pode compartir e falar desde a proximidade", destaca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.