Ciclo de cinema árabe en Pontevedra do 2 a 5 de setembro

Será no marco da mostra de cinema euroárabe 'Amal en Ruta'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2024 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

A mostra de cinema euroárabe 'Amal en Ruta' regresa a Pontevedra do 2 a 5 de setembro no Teatro Principal. Este martes tivo lugar, no consistorio, a presentación deste evento gratuíto. Foi a cargo da tenente de alcalde, Eva Villaverde, e David Rodríguez, representante da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, entidade que puxo en marcha fai máis de vinte anos este festival de cinema.

Segundo os organizadores, 'Amal en Ruta' é unha cita que xa está consolidada como un referente, fidelizando espectadores e xerando un debate crítico e actual sobre o mundo árabe e a súa achega á cultura universal.

Eva Villaverde sinalou que este ciclo de cinema "permítenos achegar o mundo árabe con toda a súa complexidade e toda a súa heteroxeneidade aos pontevedreses nun momento que eu creo que é especialmente necesario". A tenente de alcalde quixo destacar especialmente a situación que vive o pobo palestino ante o "masacre" que está a sufrir.

Pola súa banda, David Rodríguez explicou que este ano a lema da mostra é 'Ninguén está a salvo', que incide na idea de que "todos formamos parte das situacións que ocorren nunha beira e na outra e estamos implicados dalgunha maneira".

PROPOSTAS

Esta edición de 'Amal en Ruta' será a novena na cidade de Pontevedra e constará de cinco longametraxes (catro ficcións e un documental) que supoñen un percorrido polo mellor cinema árabe da actualidade. As películas proxectaranse ás 21.00 horas, no Teatro Principal, e todas teñen un considerable recoñecemento nos principais festivais de cinema internacionais.

O luns 2 de setembro, poderase ver a película 'Entre as figueiras'. Para o martes 3 de setembro está programada 'Conspiración no Cairo', de Tarik Saleh. O mércores 4 setembro, o público que acuda ao Principal poderá ver 'O home que vendeu a súa pel', da directora Kaouther Ben Hania. O xoves 5 de setembro proxectarase 'Pequena Palestina, diario dun asedio'. Será nun horario diferente ao resto da programación, ás 18.30 horas. Este documental, dirixido por Abdallah Al-Khatib conta como o distrito de Yarmouk, en Damasco, Siria, foi o campo de refuxiados palestinos máis grande do mundo ata 2018.

O réxime de Bashar Al-Assad considerábao un refuxio para rebeldes e terroristas, e comezou unha campaña de asedio sobre o territorio a partir do ano 2013. Neste escenario entra en xogo Abdallah Al-Khatib, que xunto aos seus amigos documentaron a vida cotiá dos habitantes asediados, dando lugar a esta película. A última película desta mostra verase tamén o 5 setembro, ás 21.00 horas, é 'O caftán azul', da directora Maryam Touzani. 

Presentación da Semana do Cinema Euroárabe AMAL 2022
Presentación da Semana do Cinema Euroárabe AMAL 2022

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta