Os centros de FP recibirán seis millóns de euros en equipamento por parte da Xunta

Desde Educación recordan que aínda hai ciclos de FP con prazas dispoñibles. O 2 de setembro realízase a terceira e última adxudicación e quen obteña praza poderá matricularse ata o 5 dese mes

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2024 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia investirá no curso escolar 2024/2025 case seis millóns de euros en equipamento para centros que imparten ensinos de Formación Profesional.

O anuncio realizouno o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante unha visita ao instituto IES Manuel Chamoso Lamas no Carballiño, un dos 140 centros que se verán beneficiados desta dotación de material.

"Supón un incremento de 4,3 millóns de euros con respecto ao ano pasado", manifestou Rodríguez sinalando que se multiplica "case por catro" o orzamento para esta partida debido ao incremento de matrículas nestes ensinos "que encadea marcas nos últimos anos".

Rodríguez expuxo que a Formación Profesional "cada vez máis especializada" demanda espazos máis tecnificados e tecnoloxías punteiras e "para garantir e manter as altas cotas de emprego da FP, superiores ao 85%, necesitamos dotalos dunha maquinaria que se achegue á situación real dun centro de traballo".

ESTRATEXIA FP E PLAN INNOVA

A dotación de maquinarias enmárcase na Estratexia FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia. O material busca dar resposta ás necesidades dos ciclos formativos de diferentes familias profesionais, polo que inclúen desde robots e móbiles autónomos ata fresadoras, equipos de infravermellos ou unha cabina de despolvorización de operarios entre outros.

Tamén aparellos como maniquíes para as prácticas de reanimación cardiopulmonar, cascos, kits de vía ferrata ou material variado para espeleología, barranquismo e escalada. No caso do centro carballiñes, reciben unha inxección de 64.000 euros para un paquete de dotación que inclúe unha equilibradora e unha desmontadora de rodas, un equipamento de ensaio mediante ultrasón ou un brazo robot colaborativo con controladora, entre outra maquinaria.

O conselleiro lembrou, ademais, que aínda hai ciclos de FP con prazas dispoñibles. O 2 de setembro realízase a terceira e última adxudicación e quen obteña praza poderá matricularse ata o 5 dese mes.

Unha vez concluída esa fase haberá unha adxudicación continuada para chamamentos individualizados entre o 11 e o 27 de setembro. No caso de ciclos con prazas dispoñibles e sen listas de espera, a matrícula pode formalizarse en calquera momento nos centros educativos correspondentes porque non entran nesta adxudicación.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante unha visita ao instituto IES Manuel Chamoso Lamas no Carballiño. XUNTA
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante unha visita ao instituto IES Manuel Chamoso Lamas no Carballiño. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta