O Festival Revenidas abre unha gala de circo solidario, concertos en barco e unha sardiñada

A sardiñada Revenidas-Turismo Rías Baixas, considerada "epicentro" do festival ao ser a orixe do mesmo, terá lugar o domingo no parque de Dona Concha e con entrada libre, como todas as actividades da xornada

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2024 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa entre o xoves 12 e o domingo 15 de setembro, volve cunha gala de circo solidario, concertos en barco e unha sardiñada.

Tal e como apuntan nun comunicado, unha das tradicionais actividades de promoción de destino turístico que acolle o festival en colaboración con Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra é a celebración de concertos a bordo, pequenos recitais en formato acústico e para un aforamento máximo de 12 persoas que se ofrecen a bordo do barco Chasula navegando pola ría de Arousa.

O sábado 14 tocarán pola ría Mondra (con saída do porto de Vilaxoán ás 13 horas), Lontreira (15 horas) e Catuxa Salom (17 horas). Os concertos a bordo do domingo correrán por conta de Monoulious Dop (13 horas), Sés (15 horas) e Fillas de Cassandra (17 horas).

O prezo das entradas para os concertos a bordo é de 30 euros (+ gastos de xestión) e inclúe tamén unha degustación de produtos galegos durante a travesía. A venda de entradas ábrese ás 12.00 horas do sábado 31 de agosto.

Outra das actividades xa "emblemáticas" do festival é a celebración o domingo da Gala Solidaria de Circo. A deste ano arrincará ás 17.30 horas e estará dedicada ao pobo palestino. A entrada é gratuíta.

Así mesmo, a sardiñada Revenidas-Turismo Rías Baixas, considerada "epicentro" do festival ao ser a orixe do mesmo, terá lugar o domingo no parque de Dona Concha e con entrada libre, como todas as actividades da xornada.

Esta xornada do domingo complétase coas actuacións de Vos Terribles de Arousa (12.00 horas), Uxía Lambona e A Banda Molona (13 horas), Mekanika Rolling Band (15.30 horas) e xa pola tarde Caamaño & Ameixeiras (19.45 horas) e De Ninghures (21 horas).

HORARIOS E ABONOS

O xoves 12 as actuacións arrincarán ás 18.00 horas coa Duendeneta, encargado de abrir tamén as xornadas do venres e o sábado. Como prato forte, Lendakaris subirase ao Escenario Galicia ás 22.00 horas, Mafalda farao ao Escenario Vibra Mahou ás 23.30 e, ás 00.25 horas, Muchachito Bombo Inferno fará o propio no Escenario Galicia.

O venres será a quenda de, entre outros, Fillas de Cassandra (ás 19.30 horas no Escenario Galicia), de Lontreira (ás 20.45 horas no Escenario Vibra Mahou), do Adhesivo (ás 22.00 horas no Galicia) e de Miss Bolivia (ás 23.40 horas no Escenario Vibra Mahou).

Ao Escenario Galicia subiranse o sábado, ás 17.30 horas, Tanxugueiras; o mesmo lugar no que actuará O Kanka ás 20.00 horas. Ás 18.50 horas, Guadi Galego actuará no Escenario Vibra Mahou.

Os abonos para o catro días do Revenidas 2024 están á venda na páxina web www.revenidas.com a un prezo de 63 euros (+gastos de xestión).

As entradas para o xoves teñen un prezo de 33 euros (+gg) e as do venres e sábado, 38 euros (+gg). Os menores de 13 anos teñen acceso gratuíto. Ademais, as persoas qu compren o abono poderán reservar na páxina web o acceso á acampada por un importe de 10 euros.

Concerto a bordo. Foto de arquivo. FESTIVAL REVENIDAS
Concerto a bordo. Foto de arquivo. FESTIVAL REVENIDAS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta