Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2024 | Actualizada ás 19:57
O xornalista Alberte Mera (Vigo, 1987) será, a partir deste domingo 1 de setembro, novo director de 'Nós Diario' en substitución de María Obelleiro (Soutomaior, 1985), que se incorporará á actividade docente.
Así o decidiu este xoves o Consello de Administración de Sermos Galiza SA, que tamén aprobou designar a Yuri Carrazoni (Mos, 1997) como subdirector, tal e como recolle 'Nós Diario'. Ademais, Elvira Branco foi nomeada coordinadora do semanario 'Sermos Galiza'.
Alberte Mera é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e cursou un Máter en Comunicación e Industrias Creativas pola de Santiago. Traballou como xornalista no extinto 'Xornal de Galicia' e en 'Atlántico Diario', para posteriormente colaborar, entre outros medios, con 'Sermos Galiza' e participar na fundación de 'Nós Diario', onde actualmente é subdirector. Ademais, no seu currículo figura a dirección de longametraxes documentais como 'Clamor da Terra' (2012), 'Lume Novo' (2013) e 'Reboiras: Acción e Corazón' (2020).
En canto á directora saínte, María Obelleiro, empezará en setembro novos retos profesionais no ensino, aínda que o Consello de Administración nomeouna directora editorial de Sermos Galiza SA e propúxoa como nova conselleira da empresa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.