Galicia rexistra un incremento do 4 % en viaxeiros de apartamentos turísticos en xullo

Mentres os apartamentos turísticos viron un aumento no número de viaxeiros, albergues e turismo rural experimentaron descensos significativos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/08/2024 | Actualizada ás 11:56

Comparte esta noticia

O número de viaxeiros aloxados en apartamentos turísticos de Galicia creceu máis dun 4 % durante o pasado mes de xullo, en comparación co mesmo mes do ano pasado, situándose en 41.148 persoas (fronte ás 39.532 de xullo de 2023), das que 31.972 eran residentes en España e 9.176 eran residentes no estranxeiro.

Así, segundo os datos publicados este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE), Galicia rexistrou o mes de xullo 139.887 pernoctaciós en apartamentos turísticos, que pasaron de ofrecer 11.031 prazas en xullo do ano pasado, ás 12.078 ofertadas este ano. A estancia media neste tipo de aloxamento foi de 3,4 días no mes de xullo.

O resto de establecementos turísticos extrahoteleros galegos rexistraron descensos no número de viaxeiros. Así, a maior baixada produciuse nos albergues, con 167.437 viaxeiros, un 26,6 % menos que en xullo de 2023 (220.839 viaxeiros hai un ano).

A estancia media foi de 1,2 días e 98.459 aloxados eran españois, mentres que 68.977 eran estranxeiros (o maior número de non residentes en España en establecementos non hoteleiros). Este tipo de aloxamentos pasou de 16.032 prazas en xullo de 2023 ás 15.846 deste ano.

Con respecto aos aloxamentos de turismo rural, o descenso de viaxeiros en xullo deste ano foi de algo máis do 5 % en Galicia, cun total de 27.173 persoas (fronte ás 28.658 de xullo de 2023). A estancia media foi de 2,29 días e este ano tamén se ofertaron menos prazas que en xullo de 2023, 5.981 fronte a 6.234.

No caso dos cámpings, o número de prazas descendeu lixeiramente (de 40.804 a 40.315) e reduciuse igualmente, nun 1,2 %, o número de viaxeiros, pasando dos 100.813 do ano pasado aos 99.597 de xullo deste ano. A estancia media foi de 3,79 días.

Peregrinos baixan polo medio da Rúa de San Pedro, en Santiago de Compostela
Peregrinos baixan polo medio da Rúa de San Pedro, en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta