Un traballo sobre os efectos do turismo para a economía galega, Premio Paz Andrade

O estudo conclúe que se ben o turismo ten efectos positivos sobre o conxunto da sociedade galega, son máis relevantes para os grupos con maiores niveis de renda, contribuíndo ao incremento da desigualdade.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 16/12/2015 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

O traballo de investigación ‘Tourism and income distribution: evidence from a developed regional economy’ é o gañador do Premio de Investigación en Economía de Galicia Valentín Paz Andrade. O xurado destacou o seu carácter innovador “ao abordar dende unha metodoloxía económica os efectos do turismo e, en concreto, a incidencia sobre as desigualdades internas a unha economía rexional”. Ademais, tamén destacou “o esforzo de construción dunha matriz de contabilidade social para medir os efectos obxecto de análise” e a inclusión de “recomendacións operativas de política económica que poden servir para mellorar a actuación dos poderes públicos neste campo”. Son autores deste traballo André Carrascal Incera e Melchor Fernández Fernández, que o publicaron en Tourism Management (2015), informa a Universidade de Santiago.

O traballo de Carrascal e Fernández conclúe que o se ben o turismo ten importantes efectos positivos sobre o conxunto da sociedade galega, polo incremento do nivel de benestar, estes efectos “son máis relevantes para os grupos con maiores niveis de renda —propietarios do capital e traballo cualificado—, contribuíndo ao incremento da desigualdade”. Como explicación a este efecto, os investigadores apuntan que o resultado obedece “a que a canle de transmisión do ingreso do turismo vía o factor capital domina o ingreso vía o factor traballo, e o sistema impositivo actual e a política de redistribución non permite corrixir o impacto directo da canle de ingresos”. 

A edición 2015 do Premio Valentín Paz Andrade destacou tamén a “alta calidade de todos os traballos presentados”, facendo unha mención específica das súas publicacións finalistas ex aequo, a asinada por Carmen Gago Cortés e Isabel Novo Corti co título ‘Políticas inclusivas de vivienda a través de la actuación municipal en la erradicación del chavolismo. El realojo del poblado de Culleredo’, e ‘Human-ignited wildfire patterns and responses to policy shifts’ de M. I. Chas Amil, J. P. Prestemon, C. J. McClen e J. Touza. 

O xurado encargado da avaliación das propostas presentadas a concurso presidiuno o reitor da USC, Juan Viaño, e integrárono a presidenta do Consello Económico e Social de Galicia, Corina Porro; o director do IDEGA, Xoaquín Fernández Leiceaga; o integrante do mesmo Instituto, Xoán Carmona Badía; Juan Gallego Fouz, en representación do Consello Económico-Social; os ex presidentes da Xunta de Galicia, os profesores Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño; e o profesor da Universidade de Vigo, Alberto Gago Rodríguez.

Turistas no parque de petroglifos de Campolameiro.
Turistas no parque de petroglifos de Campolameiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta