Por gcdeportes | Vigo | 20/12/2015 | Actualizada ás 21:31
Ficha técnica:
Granada 0: Andrés Fernández; Foulquier, Babin, Lombán, Biraghi; Rubén Pérez, Fran Rico (El Arabi, 46'), Javi Márquez (Rober, 75'); Rubén Rochina (Uche, 67'), Success e Peñaranda.
Celta 2: Rubén Blanco; Jonny, Hugo Mallo, Cabral, Planas; Augusto, Daniel Wass; Josep Señé (Pape Cheikh, 93'), Orellana (Sergi Gómez, 88'), Bongonda e Iago Aspas (Guidetti, 80').
Goles: 0-1: Orellana (minuto 21). 0-2: Iago Aspas (minuto 45).
Árbitro: Martínez Munuera (valenciano). Amarelas a Rochina, Success, Rubén Pérez e Uche no Granada e a Iago Aspas e Planas no Celta.
Incidencias: partido da 16ª xornada da Liga BBVA no estadio Nuevo Los Cármenes ante 15.000 espectadores. Minuto de silencio polo falecemento de Jesús Samper, presidente do Real Murcia.
Non houbo batalla nos Cármenes que non gañase o Celta, que xogou un partido redondo e foi tremendamente superior ao Granada. E sen Nolito. Marcaron Orellana e Iago Aspas antes do descanso, e os celestes controlaron os 90 minutos do choque sen pasar apuros. Rubén Blanco solventou o pouco traballo que tivo, e tamén brillaron Josep Señé e Bongonda, titulares nas bandas ante as baixas do dianteiro andaluz, Radoja e o Tucu Hernández. O Celta chega ao parón de Nadal asentado en postos Champions, cuarto con 31 puntos.
O Granada presentou batalla no primeiro cuarto de hora, pero o Celta, sempre moi ben colocado no campo, non pasou apuros. Na única vez que remataron os locais entre os tres paus, a chilena do venezolano Peñaranda parouna Rubén Blanco sen problemas. O Celta comezou a controlar o balón e Orellana, ex do Granada, lideraba con mestría o ataque celeste, ben secundado por Bongonda e Señé. No minuto 21, tras unha sensacional parede entre Iago Aspas e Josep Señé, este asistiu ao chileno, que só tivo que empuxar o balón ao fondo da rede para facer o 0-1.
Coa vantaxe no marcador, o Celta medrou e o Granada desapareceu do campo. Tiveron varias ocasións os vigueses, unha de Bongonda e outra de Señé, que mandou un centro ao longueiro tras petar nun defensa e o rexeite de Bongonda foi desviado a córner pola defensa. O Granada non era quen de chegar ata a área de Rubén Blanco, agás con centros sen perigo para o meta. Na última xogada do primeiro tempo, Jonny chegou ata a liña de fondo e asistiu atrás a Iago Aspas que,como Orellana, só tivo que empuxar a pelota á rede.
Na segunda parte, o Celta limitouse a ter a posesión e controlar o rival, que non tivo opcións para crear perigo na meta celeste. Os de Berizzo facían posesións longas e impoñían o ritmo de partido que máis lles interesaba para ter controlado o Granada. Sandoval, que xa metera a El Arabi no descanso, deu entrada a Uche e Robert Ibáñez, pero Rubén Blanco non recibiu ningún disparo entre paus. E a mellor ocasión foi para Josep Señé, que nunha gran xogada individual estivo a piques de facer o terceiro: Andrés Fernández desviou a córner.
O Celta, moi serio e moi superior ao seu rival, sumou tres novos puntos a domicilio, onde leva xa 17, máis 14 na casa para sumar os 31. O mércores 30, o Athletic Club visitará Balaídos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.