Por Galicia Confidencial | | 20/12/2015 | Actualizada ás 23:01
Non é candidato, pero Xosé Manuel Beiras segue a ser o principal referente mediático e ideolóxico da chamada esquerda rupturista en Galicia. Beiras tamén foi un dos primeiros políticos en defender derrubar a división entre partidos de esquerdas . Os datos deste 20D veñen a darlle a razón, sobre todo en Galicia.
O veterano nacionalista mostrábase satifeito ao ser o primeiro en comparecer para valorar os importantes resultados de En Marea: a coalición do seu partido, Podemos, Esquerda Unida e as mareas en Galicia.
En Marea logra o segundo posto no país, con seis deputados. O político nacionalista destacou que esta unión de forzas de esquerda converteuse na máis votada en moitas cidades.
O case 25% dos votos para en Marea co 93% contado significan 4 puntos de vantaxe sobre o PSdeG. Unha hipotética coalición similar nas próximas eleccións galegas de 2016 tería opcións, polo tanto, de facerse coa presidencia da Xunta se conta co apoio ou o beneplácito do PSOE.
"Están rotos todos os clichés", asegurou. Beiras comparou os resultados de En Marea con outros logrados por Podemos en solitario noutras autonomías para concluír que "se isto [a unión de Podemos con outras forzas de esquerda] tivese acontencido en todo o Estado a derrota do PP sería aínda máis descomunal".
O voceiro parlamentar de Alternativa Galega de Esquerdas cre que en Galicia "estamos na vangarda" nun novo proceso constituínte en España. Para logralo, apelou a máis pactos e así logar a "quebra democrática". Na súa opinión, as novas Cortes deberían promulgar un novo marco legal no que "podamos exercer a soberanía e a libre decisión tanto os cidadáns individualmente en todo o estado como os pobos que o compoñen e Galicia".
"Depende da intelixencia de todos os demáis que se abra un novo goberno", adiantou. O político indicou que un hipotético pacto para impedir que Mariano Rajoy repita na Moncloa debe pasar, ademais de polo dereito a decidir de Galicia e outras nacións, pola fin das reformas en sanidade, educación e outras políticas de recortes do PP.
O voceiro de ANOVA foi despedido con aplausos e berros de "Hai Marea!", proba da ledicia que se respira na nova coalición. Obxectivo cumplido para eles, organizarán un grupo galego no Congreso. Está por decidir agora que papel xoga ese grupo na elección do próximo Presidente do Goberno de Estado. Elección que, visto os resultados globais, vai estar moi rifada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.