Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2024 | Actualizada ás 11:55
Os custos salariais (que inclúen salario base, complementos e horas extraordinarias en termos brutos) aumentaron un 5% en Galicia no segundo trimestre de 2024, un punto máis que a media española de avance do 4% en comparación co mesmo período de 2023, ata 2.062,78 euros por traballador e mes, segundo os datos publicados tanto polo Instituto Nacional de Estatística (INE) como polo Instituto Galego de Estatística (IGE) este martes.
Con todo, estes custos salariais seguen en Galicia por baixo da media española de 2.353,59 euros, o que supón 290,81 euros máis que o dato galego. De feito, é a quinta comunidade pola cola, con Canarias coa cifra máis baixa (1.873 euros), o que contrasta no outro extremo cos 2.885 euros de Madrid.
Así, o custo laboral medio por traballador e mes (que inclúe os salarios e as cotizacións sociais) subiu un 4,8% en Galicia no segundo trimestre, con 2.815,67 euros, por encima do 4,1% de alza no Estado, que se eleva a 3.161,6 euros.
Por hora efectiva, os custos laborais son de 21,26 euros en Galicia (+3,5%), dous euros menos que os 23,68 no Estado (+2%). No caso dos salarios, a hora supón 15,58 euros en Galicia (+3,7%) fronte aos 17,63 euros de media do conxunto do país (+1,9%).
Os outros custos (custos non salariais) traducíronse no cuarto trimestre do ano pasado 752,89 euros na comunidade galega (+4,3%, mesma taxa que en España). Estoutros custos por hora efectiva son de 5,68 euros en Galicia, mentres que en España atópanse en 6,05 euros.
MÁIS DE 7.600 VACANTES
A xornada laboral galega é de 35,1 horas semanais, das cales se perden 4,9 horas. En España, a xornada semanal é de 34,8 horas, das que se perden 4,3 horas. O custo laboral por xornada efectiva aumenta un 3,5% en Galicia e un 2% en España. Por último, Galicia presenta 7.630 vacantes no segundo trimestre, un 5% do total das 151.379 que existen a nivel estatal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.