O gas radon nas vivendas aumenta o risco de cancro de pulmón para os non fumadores

María Torres, neumóloga do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, demostra na súa tese doutoral que o radon residencial, abundante en Galicia, é un factor de risco importante para este tipo de cancro en xente que nunca fumou.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 28/12/2015 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

“A exposición a radon residencial é un factor de risco para cancro de pulmón para os que nunca fumaron”. Esta é a principal conclusión á que chegou María Torres, neumóloga do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, na súa tese de doutoramento, na Universidade de Santiago de Compostela, coa que conseguiu o sobresaínte cum laude.

A neumóloga María Torres
A neumóloga María Torres | Fonte: Xunta.

Baixo a dirección de Alberto Ruano, profesor de Medicina Preventiva da Facultade de Medicina, Torres investigou a influencia do gas radon nos casos de cancro de pulmón en individuos que non fumaron en toda a súa vida. No traballo estudáronse 192 pacientes, incluíndo todos os casos detectados en sete hospitais públicos de Galicia e un de Asturias.

Atá o de agora, a maioría dos estudos existentes que analizaban a relación entre cancro de pulmón e exposición a radon residencial foron realizados en persoas fumadoras ou ex-fumadoras. Porén, María Torres comprobou, tras a análise dos datos, que existe un incremento do risco de cancro de pulmón en persoas que nunca fumaron expostas a concentración elevadas de radon residencial

Gas moi abundante en Galicia

O gas radon é moi abundante en Galicia, debido ó alto contido en granito do subsolo que logo penetra nas vivendas. A súa influencia, polo tanto, depende da área xeográfica e é máis elevada conforme as vivendas teñan maior antigüidade, porque antes non había tanta facilidade para illar as construcións como pode habela agora. Por ese motivo, María Torres conclúe que debería terse en conta ese factor cando se constrúan edificacións novas: “O illamento é fundamental para impedir a penetración do gas radon nas vivendas e haberían de introducirse novas medidas preventivas no Código Técnico de Edificación ao que deben adaptarse todos os inmobles que se constrúan”.

Máis mulleres que homes

A franxa de idade que se estudou é principalmente a incluída entre os 60 e os 80 anos e a maioría dos casos foron mulleres, nun elevado porcentaxe amas de casa. O motivo polo que hai mais mulleres ca homes podería deberse a que en Galicia, e especialmente no rural, o número das mulleres nunca fumadoras de esa xeración é moi superior o de homes.

E aínda que só é unha hipótese de traballo sobre a que haberá que seguir investigando, terá que analizarse se as amas de casa poderían ter maior probabilidade de verse afectadas por pasar máis tempo dentro da vivenda. “Pero, de momento, só é unha hipótese de traballo”, afirma a doutora Torres.

Outro factor que pode ter influenza no risco de cancro de pulmón en nunca fumadores e que tamén se estudará é a exposición a tabaquismo pasivo, con frecuencia derivado da convivencia con fumadores. “Agora traballamos na continuación da investigación, analizando datos recollidos e non incluídos na tese doutoral e sobre máis hipóteses como á do tabaquismo pasivo, o papel de terminados polimorfismos xenéticos e outras”, explica a doutora Torres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anónimo

Participade pra saber se queredes que se diga Francia ou Franza (ou France). Podedes participar en https://estensiondogalego.wordpress....