A Xunta duplica para o 2016 o límite dos contratos a dedo

Eleva os límites actuais para os contratos menores da administración galega de 25.000€ ata 50.000€ no caso de obras e de 9.000€ ata 18.000€ para o resto.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/12/2015 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

A Xunta acaba de duplicar os límites dos contratos a dedo. O PPdeG introduciu no último pleno deste ano unha enmenda ao Proxecto de Lei de ordenación de asistencia xurídica para elevar os límites actuais para os contratos menores da administración galega de 25.000€ ata 50.000€ no caso de obras e de 9.000€ ata 18.000€ para o resto. Tamén se elimina a obrigatoriedade de solicitar 3 ofertas.

Complexo administrativo da Xunta en San Caetano
Complexo administrativo da Xunta en San Caetano | Fonte: eldiario.es

Deste xeito, a Xunta iguala os límites impostos na Lei de Contratos do Estado que  establece desde 2011 que os límites para contratos menores son de 50.000€ e 18.000 para obras e outros, respectivamente.  E faino en ano electoral e a través dun proxecto de lei e non de emendas na lei de acompañamento dos orzamentos para o ano 2016 que sería o máis correcto a nivel parlamentario.

Curiosamente, o Goberno do PP rebaixou no 2013, e a través da Lei de racionalización do sector público galego, eses límites á metade e máis impuxera a obriga de obter ata 3 ofertas de empresas non vinculadas co obxecto de conseguir unha "contratación transparente e que fomente a competencia". Unha medida que chegaba nun momento de grave crise económica e no que os casos de corrupción comezaban a pasarlle factura aos populares.

Dous anos despois, os populares decidiron dar marcha atrás e volver a aumentar eses límites que permiten contratar a dedo ás empresas que queira o PPdeG, agora, no Goberno da Xunta. Trátase de contratos menores que, xunto cos negociados sen publicidade, acadan unha cantidade de euros moi importante ao final do ano e que o Goberno de Feijóo non está obrigado a publicar.

O PP deféndese suliñando que co proxecto de Lei de transparencia e bo goberno hai intención de facer públicos trimestralmente no portal web da transparencia información básica dos diferentes contratos menores que se vaian subscribindo.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, con Feijóo, nun Consello da Xunta
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, con Feijóo, nun Consello da Xunta | Fonte: Xunta

“Para facernos unha idea, baste dicir que nos ministerios estes contratos son o 60% dos totais. Son métodos de contratación pública sen transparencia, sen moita ou nengunha concurrencia e totalmente discrecionais,  nos que a cotío se escoita falar de troceo, dedo e caciqueo e que pola súa escasa entidade poden esconder detrás importantes casos de corrupción”, replica CIG-Autonómica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta