Máis de 620.000 euros para o soporte, mantemento e evolución das aplicacións de vixilancia epidemiolóxica galegas

Entre estas ferramentas, destacan cinco aplicacións dixitais: o Sistema de Información de Vixilancia da Saúde Pública (SIVSP), o VIXIA 2.0, o SITUB, o Rexistro Galego de Tumores (REGAT) e o Sistema de Detección de Enfermidades Nosocomiales (INNOCBR).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2024 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia publica este martes no Portal de Contratos Públicos a licitación, por importe de 624.476 euros, dos servizos de soporte, mantemento e evolución das aplicacións de vixilancia epidemiolóxica que emprega a Dirección Xeral de Saúde Pública. Diso informou a Consellería de Sanidade nun comunicado, no que detalla que o contrato prevé unha duración inicial dun ano e recolle a posibilidade dunha posible ampliación por catro anos. Neste caso, o valor estimado co contrato de servizos ascende a 2.683.699 euros.

As empresas interesadas na prestación deste contrato teñen de prazo ata o próximo 21 de outubro para presentar as súas ofertas. Con este expediente, a Xunta destaca que garante a evolución funcional e técnica dos principais sistemas de información que emprega a Consellería de Sanidade para a vixilancia de enfermidades e eventos de interese no ámbito da saúde pública: enfermidades de declaración obrigatoria, brotes de intoxicacións alimentarias, tumores ou infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria, entre outras.

A recollida, análise e interpretación de toda esta información é fundamental para planificar e avaliar as actuacións a realizar destinadas a previr ou controlar os riscos para a saúde na nosa comunidade. Entre estas ferramentas, destacan cinco aplicacións dixitais: en primeiro lugar, o Sistema de Información de Vixilancia de Saúde Pública (SIVSP), que se encarga de rexistrar os casos e elementos a vixiar procedentes das vixilancias automatizada e pasiva (casos comunicados polos sistemas asistenciais e declarados polos facultativos, respectivamente).

Así mesmo, o departamento sanitario da Xunta emprega VIXIA 2.0, a Plataforma Dixital de Rexistros no ámbito sanitario, que permite a xestión, o seguimento e a recollida de datos desde diversas orixes, automatizando a supervisión da información; ou o SITUB, o Sistema de Información da Tuberculose, que leva a cabo o rexistro, control e seguimento dos pacientes con tuberculoses. Ademais, outras das principais aplicacións empregadas polo órgano que vixía e monitora os riscos e os perigos que poden afectar á saúde da poboación galega son o Rexistro Galego de Tumores, REGAT; e o Sistema de Detección de Enfermidades Nosocomiales (INNOCBR).

Traballando nun ordenador
Traballando nun ordenador | Fonte: computador.es - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta