A vacina que pode erradicar a hepatite A no mundo: "Abaratamos custes para chegar aos países endémicos"

O equipo de investigación da doutora Rosa María Pinto Solé logrou illar "unha cepa que replica mellor que as outras, que nos rinde moito máis e que pode ser un novo candidato vacinal que faría que a vacina final fose moito máis barata das que temos actualmente", un total de 7.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A hepatite é unha desas enfermidades que, en moitos casos, pasa socialmente desapercibida. A diferenza do que acontece con outras doenzas causadas por virus, a inflamación do fígado semella ser algo no que ninguén pensa ata que lle acontece a un mesmo ou a un achegado. E, no caso de reflexionar sobre esta enfermidade, adoita pensarse unicamente na hepatite C ou B, cando en realidade hai un amplo repertorio de letras do abecederio que dan nome a diversos tipos de hepatite: A, B, C, D, E, F e G. Ademais, a pesares de non estar tan presente no imaxinario sanitario colectivo da sociedade, a Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que, no mundo, 325 millóns de persoas sofren hepatite B e/ou C. Ademais, a Organización Panamericana da Saúde (OPS) estima que o 57 % dos casos de cirrose hepática e o 78 % dos casos de cancro primario de fígado son debidos a infeccións causadas polos virus da hepatite B ou C. Son datos verdadeiramente alarmantes observando a tasa de mortalidade, pero, alo menos, hai tratamentos.

A catedrática en Microbioloxía da Universitat de Barcelona Rosa María Pinto Solé
A catedrática en Microbioloxía da Universitat de Barcelona Rosa María Pinto Solé | Fonte: Real Academia Europea de Doutores

Non acontece o mesmo no caso da hepatite A, que está lonxe de causar unha enfermidade crónica sobre os seres humanos ou dano permanente sobre o seu fígado, pero que si supón un lastre a nivel económico para a sociedade porque a súa contaxiosidade fai que sexa unha enfermidade máis común do que puidera parecer e, unha vez infectada, a persoa debe gardar repouso e tratamento durante unha media de tres semanas, con todas as implicacións que iso conleva: baixa laboral, incapacidade física... Ademais, a OMS estima que, no ano 2016, houbo 7.134 persoas que morreron no mundo por hepatite A, unha cifra que representa o 0,5 % da mortalidade por hepatitis víricas, pero que non por iso deixa de ser significativa. De feito, ao ser causada por contaminación da auga, maioritariamente, a hepatite A adoita presentarse esporadicamente e en epidemias de ámbito mundial, tendendo a reaparecer periodicamente, con maior ou menor crudeza. Por exemplo, a epidemia rexistrada en Shanghái en 1988 tras comer alimentos contaminados afectou a unhas 300.000 persoas.

Ante esta realidade, dende o Galicia Confidencial falamos coa catedrática en Microbioloxía da Universitat de Barcelona Rosa María Pinto Solé sobre a importancia de previr esta enfermidade, para a que, polo momento, non hai tratamento. E, para facelo, o seu grupo de investigación desenvolveu unha vacina que busca ser máis economicamente accesible que as que xa existen no mercado, pois algo debe estar fallando cando "a nivel global aínda hai uns 150 millóns de infeccións anuais". Para a doutora, é importante partir da base de que "aínda que a hepatite A non causa cronicidade como si o fan a B e a C, e polo tanto dende unha perspectiva sanitaria pode semellar menos grave, non deixa de tratarse de unha infección aguda que che deixa tres semanas postrado na cama". Ademais, matiza que "aínda que a mortalidade non é moi alta, estímase nunha morte por cada mil infectados, o que, botando contas, entre eses 150 millóns de persoas infectados anualmente, supón 150.000 defuncións".

A HEPATITE A TRANSMÍTESE POR VÍA FECAL-ORAL E NON TEN TRATAMENTO

Como explica a doutora Pinto Solé, "as hepatites B e C teñen unha porcentaxe de cronicidade moi elevada, especialmente a C, e xeran importantes problemas de saúde nas persoas, ao ter esa capacidade de derivar nunha infección crónica que pode dar lugar a un hepatocarcinoma". Agora ben, incide, como dixemos, en que, "afortunadamente para a hepatite C hai uns tratamentos moi efectivos que practicamente son quen de curar a infección e, para a hepatite B, aínda que non hai tratamentos tan efectivos, si os hai". E tamén hai que ter en conta que non todas as hepatites se transmiten do mesmo xeito. Así, as hepatites B e C son de transmisión, principalmente, sanguínea, saltando de persoa a persoa a través das transfusións sanguíneas. Mentres que tanto a hepatite A como a E son de transmisión fecal-oral, o que supón, como explica a doutora, que "o virus replica no fígado, excrétase nas feces e estas poden rematar contaminando as augas de regadío ou o mar, de tal xeito que o virus se concentra nos mariscos que beben desas augas do mar contaminadas ou nas fresas que están sendo regadas con esa auga".

Hepatite A
Hepatite A | Fonte: Commons

Outra das características que fai que o virus da hepatite A cause tantas infeccións cada ano a nivel mundial é que "ten unha gran resistencia ambiental", o que supón que "pode permanecer infeccioso durante meses tras ter contaminado a auga". Ademais, outra forma de transmisión, aínda que menos frecuente que a vía fecal-oral, é o contacto persoa-persoa, aínda que neste caso "iso evidenciaría que nunha comunidade concreta non se están tomando as medidas hixiénicas correctas, porque o virus da hepatite A como tal sempre se excreta nas feces", de tal xeito que ese contaxio persoa-persoa significaría que feces infectadas quedaron como residuos na pel dun individuo que rematou por tocar a outro que, á súa vez, mantivo contacto coa superficie do seu corpo onde quedou depositado o virus coa súa boca, inxeríndoo accidentalmente. Tendo en conta estas vías de transmisión, dende o punto de vista da investigación o que se busca é manter a raia ao virus, controlando a súa circulación, e non hai mellor maneira de facelo que a través da prevención, é dicir, da vacinación.

HAI NO MERCADO 5 VACINAS CO VIRUS INACTIVADO E 2 CO VIRUS ATENUADO QUE SÓ SE COMERCIALIZAN EN CHINA

A doutora Pinto Solé explica que "o que estamos facendo a día de hoxe para previr os casos de hepatite A é, basicamente, controlar a presenza do virus nos alimentos, por unha banda, e vacinando á poboación, pola outra". Así as cousas, a día de hoxe hai no mercado dispoñibles 5 vacunas co virus da hepatite A inactivado no mundo occidental e 2 co virus atenuado que só se comercializan en China. O problema está en que, como apunta a investigadora, "estas vacinas son moi caras de producir, porque se trata dun virus para o que custa moito obter antíxeno", de tal xeito que "unha vacina contra a hepatite A, comparativamente, é moito máis cara que unha vacina fronte a outros virus". É por iso que, o que lograron dende o seu departamento de investigación pode revolucionar totalmente a situación actual das infeccións por hepatite A: "Temos unha cepa que replica mellor que as outras, que nos rinde moito máis e que pode ser un novo candidato vacinal que faría que a vacina final fose moito máis barata das que temos actualmente". 

Falando de estadíos de desenvolvemento, a doutora en bioloxía asegura que "xa imos bastante avanzados e estamos en vías de firmar unha licenza cunha empresa do estranxeiro, non europea". E é que "xa fixemos todos os estudos a nivel de modelos de animais no laboratorio e, o que tocaría agora, serían as probas clínicas desa vacina en humanos, algo que nós, como grupo universitario, non podemos levar a cabo". De lograr esa licenza coa empresa interesada, "probablemente sería esa empresa a que as levaría adiante". O que puideron comprobar ata agora é que "a vacina funciona perfectamente no modelo animal", polo que "só falta saber o que acontecerá en humanos", pero semella moi prometedora. Unha vez con esta vacina no mercado, os custes de produción reduciríanse significativamente, pois "o candidato que illamos produce moito máis antíxeno que os das outras vacinas, o que vai abaratar moito os prezos". E, en consecuencia, os países con menos recursos, onde, ademais, a hepatite A é moderadamente endémica, poderían ter acceso a vacinas.

NOS PAÍSES MENOS DESENVOLVIDOS OS NENOS ENTRAN EN CONTACTO CO VIRUS DE PEQUENOS, CANDO NON MANIFESTAN SÍNTOMAS 

"A OMS aposta porque naqueles países onde a hepatite A é un virus moderadamente endémico, debería existir unha vacina universal para os nenos", asegura Pinto Solé, que lamenta que, "a día de hoxe, iso non se está facendo por cuestión de cartos, porque custa moito", de tal xeito que "a nosa vacina abarataría os custes e permitiría levar a cabo esa campaña universal de vacinación". Os países en vías de desenvolvemento, onde as condicións hixiénicas aínda non son as máis axeitadas, son aqueles nos que o virus circula moito. Neles, como apunta a investigadora, "os nenos entran en contacto co virus dende que son pequenos, e pasan unha enfermidade moi moderada, mesmo non chegando sequera a manifestar síntomas a pesares de estar infectados". Pois o normal, no caso da hepatite A en concreto, é que non se manifesten síntomas ata os 5 anos de idade, a partir desa idade van incrementando de xeito expoñencial e é a partir dos 60 ou 70 anos cando a problemática se agrava. Deste xeito, "cando son adultos, ao ter pasado xa a enfermidade, atópanse inmunizados".

Cal é o problema entón? Por que necesitan a vacinación? Para protexer ao resto do mundo, indirectamente. E é que, como indica Pinto Solé, "nos países máis desenvolvidos, entramos en contacto co virus fai cousa de tres ou catro décadas, non máis, e, como os nosos habitantes non padeceron a enfermidade de nenos, ao chegar a adultos, o virus ataca con forza". De feito, os grupos de risco son aqueles de máis de 75 anos, porque canto máis anciá é a persoa, máis problemas asociados terá e maior gravidade terá a infección polo virus da hepatite A nela. De feito, a pesares de que a mortalidade é dun 1 por 1.000, no caso do grupo de maiores de 70 sobe a un 3 %, incrementándose de xeito importante. Ademais, Pinto Solé incide no feito de que, "aínda que dende unha perspectiva clínica non se trata dunha enfermidade moi importante, si o é dende unha perspectiva económica, pois persoas de máis de 20 anos que contraian o virus van pasar tres semanas de baixa laboral", ao que se suma que "a transmisión a través de alimentos contaminados fai que se tes, por exemplo, 3.000 toneladas de mexillóns positivos no virus, teñas que tiralas directamente ou destinalas a outro tipo de produción, non ao consumo humano, o que supón importantes perdas a nivel empresarial".

MÁIS DE 15 ANOS DE TRABALLO CRISTALIZAN NUNHA VACINA LISTA PARA OS ENSAIOS CLÍNICOS EN HUMANOS

Así as cousas, "a vacinación universal nos países onde o virus máis circula sería unha maneira de facer que o virus circulase menos e, mesmo, se podería chegar a expor nun futuro a erradicación total do mesmo", afirma a investigadora, que pide que a sociedade non esqueza que as fronteiras que existen nos mapas non existen na realidade, e que todos os países se atopan interconectados, máis aínda nun tempo no que a mobilidade das persoas é maior que nunca e, un virus que comeza a infectar nunha punta do mundo, pode rematar facilmente na outra. O mellor exemplo desta realidade é o que aconteceu no caso do coronavirus, que de China foi quen de espallarse polo mundo enteiro. Así, tras máis de 15 anos traballando no desenvolvemento desta vacina, o equipo da doutora Pinto Solé atópase moi orgulloso dos resultados acadados, coa vista posta xa nos seguintes pasos ata que poida, por fin, chegar ao mercado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta