Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/10/2024 | Actualizada ás 21:00
Cando foi a última vez que viches unha cesta artesanal? Probablemente nin te acordes. E é que, a día de hoxe, a cestaría é un oficio que se foi perdendo pola escasa demanda do seu produto. O proceso de confección mediante o entretecido ou enrrolamento dalgún material lixeiro, fino, alongado e flexible, con forma principalmente redondeada (aínda que tamén pode ser aplanado), deu paso a outras formas máis típicas da produción en cadea para a fabricación de recipientes. De feito, a cestaría, a pesares do seu nome, non só se adica á fabricación de cestas e canastos, senón que tamén se pode usar para crear todo tipo de obxectos a base de fibras: dende sombreiros ata biombos, pasando por abanos, tapicería, cadeiras, mesas... Seguro que non fai tanto que viches un dos gorros de mimbre que tan de moda se puxeron dunhas tempadas cara esta parte, ou un dos bolsos de ratán tan típicos do verán. E, se ben é certo que algúns deses obxectos ben puideron ser creados de maneira artesanal, o máis normal hoxe en día é que procedan da fabricación ao por maior, sendo realizados por máquinas e non por persoas.
Deste xeito, unha das artes máis antigas da humidade, cuxos primeiros rexistros datan de fai entre 12.000 e 10.000 anos en El-Fayum (Exipto), vaise pouco a pouco perdendo, especialmente nas sociedades máis desenvolvidas, no mundo occidental, onde se inclúe tamén Galicia. Dende o Galicia Confidencial reflexionamos sobre o tema con Luísa Martínez, cesteira que vai de feira en feira amosando o seu oficio e vendendo as súas creacións, únicas e irrepetibles. Pois, se algo teñen as artesanías, é que non hai dúas obras iguais, pois aínda que poidan asemellarse, o ser humano non é quen de duplicar obxectos como fan as máquinas. E é aí onde tamén radica a maxia destas pezas elaboradas a partir de fibras vexetais: no agarimo, tempo e adicación que cada artesano emprega na súa confección, horas e horas de man de obra cuxo resultado final é invaluable.
No caso concreto de Luísa, adícase á elaboración de obxectos con fibras de ratán, un material que, ademais de ser moi funcional, goza tamén dun grande poder decorativo. Conta que estas fibras cómpraas a países asiáticos coma China ou latinoamericanos coma Brasil. Moitos cesteiros tamén importan deses países outra das fibras máis empregadas na cestaría: o mimbre. A diferencia entre ambos materiais radica na súa dureza: o mimbre é menos resistente e menos duro que o ratán. Ademais, o ratán presenza unha maior flexibilidade nos seus acabados e trenzados, gañando aínda maior maleabilidade ao humedecelo, permitindo así curvalo, anudalo ou trenzalo. Pola contra, o mimbre só permite o trenzado. É por iso que as creacións en ratán de Luísa perduran moi ben no tempo e, ademais, contan cunha consistencia que permitirá que non se desfagan durante o seu emprego.
Dende cestas como tal ata dedais, pasando por acericos para cravar as agullas ou bonequiños, pratos e maceteiros. A imaxinación de Luísa non ten límites e, cando lle xorde unha idea, pona en práctica ao instante, con resultados espectaculares, como puidemos comprobar de primeira man. Asegura que "non todas as pezas levan o mesmo tempo nin requiren do mesmo coidado", como é lóxico. Así, pon o exemplo de que "para facer un dedal hai que traballar con fibras máis finiñas e ir entretecendo na punta do dedo, senón desfaise todo e é imposible", mentres que "para facer unha cesta con base de tabla de madeira, o importante é sentar as primeiras ataduras das fibras nos buracos da tabla, que poden ser máis grosas neste caso, e logo ir entretecendoas ata o remate". Como indica, crear unha cesta co bordo de ratán trenzado pode levar unhas tres horas, ás que habería que sumar despois o decorado da tabla que serve como base e o acabado estético que se lle queira dar. Lamentablemente, asegura que "a artesanía hai quen a valora e hai quen non e ese é un problema".
Luísa leva xa 16 anos neste oficio, no que caeu un pouco de rebote. "A min ensináronme cestaría no centro cívico do Concello de Rianxo, pois antes daban cursos de diversos oficios e decidín apuntarme nun destes". Foi así como "a cousa me enganchou e seguín facendo e facendo ata hoxe". Iso si, nunca pensou en profesionalizarse e vender as súas creacións, porque confesa que "para ter tenda isto non dá", de tal xeito que "só fago demostracións en feiras", nas que tamén vende algunhas das súas obras. E, como ninguén nace aprendido, anima a todo o mundo que senta curiosidade pola cestaría a probar, pois "se che gusta aprenderás rápido". Ademais, apunta que, "unha vez aprendes o básico, logo xa te buscas a vida para ir facendo máis cousas". Como acontece en moitos outros oficios, Luísa lamenta que "a xente nova non amosa tanto interese, vén ver como fago as cousas, pero non se ven facéndoas eles nin saben se o que vendo é feito á man ou comprado". Pola contra, agradece que "a xente máis maior si sabe máis do tema e, aínda que ao mellor non coñeza o material que emprego, si a técnica".
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Os Franco teñen que devolver case 600 obxectos do Pazo de Meirás ao Estado, segundo unha sentenza
- Piden impor aos Franco unha sanción dun millón de euros por non abrir a Casa Cornide
- "Entruidos e Mascaradas na Galicia": a maior guía visual das máscaras do país
- Unha nova vida para as vivendas 'fantasma' que invaden o casco histórico de Compostela
- O futuro das romarías en perigo: "Hoxe hai curas que lle din á xente do rural que os seus ritos só son supersticións"
- Quen será o gañador do concurso para a rehabilitación do Pazo de Lourizán?