Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/01/2016 | Actualizada ás 22:32
Os tres reitores galegos asinaron esta mañá no Pazo de Raxoi o convenio que determina o reparto específico de fondos do Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020. Os tres mandatarios das universidades fixeron unha valoración agridoce do marco financeiro que lles outorga a Xunta.
Para a USC, aínda admitindo que o plan “non coincide” coa proposta que a Universidade de Santiago fixo no seu momento, o documento garante ás universidades “boa parte da estabilidade económica dos vindeiros anos e vai permitir estimular aínda máis a nosa capacidade de rendemento e de obter mellores resultados”. Para Juan Viaño, este plan inclúe unha novidade. “que debe ser o camiño para que a educación superior en Galicia continúe pola senda de crecemento: unha maior vinculación do financiamento aos resultados obxectivos que acadamos”. Así, recoñecerase de xeito progresivo a calidade das investigacións que se fan en Galicia, o número de estudantes que deciden estudar en cada unha das universidades galegas e os recursos que cada unha é capaz de captar nas convocatorias competitivas nacionais e internacionais.
En declaracións aos medios o reitor vigués, Salustiano Mato, considerou, como xa fixera en ocasións anteriores, "un paso atrás" a repartición por resultados, que é "menor" ao arrincar cun 33 por cento que, en realidade, representa "un 15 por cento real" en base a resultados. "Volvemos un pouco a esa senda de non repartir por resultados", insiste, polo que confía en poder mellorar o panel de indicadores no proceso de seguimento. Como parte "positiva", destacou que permitirá dispoñer dun escenario económico "certeiro" que ofrece "estabilidade" na xestión, e que se "abandona o escenario de descenso" de achegas públicas cara a un terreo "de lixeiro incremento". Juan Viaño, reiterou que o financiamento global "é insuficiente polo momento científico" que atravesa o país, aínda que recoñeceu que a universidade "non pode vivir nunha illa" e valorou o "esforzo" realizado para aumentar o financiamento. Tamén destacou que, aínda que a súa proposta inicial "non foi aceptada", os indicadores actuais de repartición por resultados "están moito mellor" para a USC, se ben aínda quedan "cousas que poden ser melloradas".
Pola súa banda, o reitor en funcións da UDC, Xosé Luís Armesto, considerou que o plan é "manifestamente mellorable" e que "aínda pode cambiar para mellor", enmarcando a firma do convenio na "responsabilidade institucional" e en "poñer por diante a cooperación". "Penso que faltou tempo negociador, porque aínda que houbo tempo físico, negociación houbo moi pouca", considerou, confiando en "seguir falando" para "mellorar eses indicadores" da repartición por resultados, que na súa opinión deron un xiro "demasiado brusco" respecto ao plan anterior.
Moito máis optimista mostrouse a Xunta. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que o novo Plan de Financiamento Universitario 2016-2020 permitirá “acadar unha universidade máis especializada, máis internacional e á cabeza dos novos desafíos científico-tecnolóxicos”.
Feijóo destacou que “o Plan mobiliza un 18% máis de fondos que o anterior, chegando a preto de 2.480 millóns en total”, polo que a Xunta “garante a estabilidade e a suficiencia financeira das tres universidades e establece un novo reparto; máis simple e transparente porque se eliminan so chamados ‘criterios históricos’”.
Este ano dotará ás universidades de 392 millóns de euros
Segundo expuxo o presidente da Xunta o novo plan pon sobre a mesa "preto de 2500 millóns de euros", un "18 por cento máis que o plan anterior", que este ano dotará ás universidades de 392 millóns de euros, un 4,8 por cento máis que en 2015 e que é un aumento "superior" a "a media do resto de servizos públicos".
Estas contías repartiranse en fondos estruturais, nos que influirá a distribución de alumnos e os créditos matriculados en cada universidade, e en función dos resultados das institucións académicas, cun panel de 12 indicadores baseados en investigación, transferencia e docencia para medir unha repartición de 55 millóns. Ademais, potenciarase o fomento da I+D+i cun investimento de 50 millóns de euros en 2016, para seguir impulsando axudas a captación de formación, retención de talento e investigación de referencia.
Á súa vez, o plan inclúe opcións para potenciar a "cooperación interuniversitaria", o impulso de graos en inglés e a "especialización dos campus periféricos" (Campus da Auga, Campus Terra e Campus Industrial).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.