Por ENGALIZA | GC ABERTO | 12/01/2016
O recente pasado electoral e o inmediato e próximo futuro, impóñennos a necesidade de concretar a nosa singularidade política. Temos que saír da indefinición e do oportunismo. Os resultados obtidos ate agora por Compromiso por Galicia (CxG) poden ser interpretados, en positivo, atribuíndo a súa pouquidade a deficiencias de comunicación derivadas dunhas finanzas modestas que debilitaron a nosa presenza pública, tanto en propaganda como nos medios de comunicación. Interpretados en negativo os nosos resultados poden indicar redundancia política e falla de xustificación do noso proxecto.
Na súa orixe, CxG era unha oferta nacionalista non independentista. Inevitable a definición en negativo porque o proxecto, ao acentuar o seu carácter galeguista, tiña que trazar os límites da súa pretensión de singularidade. Nación si. Estado non.
A percepción pública semella dubidar da firmeza desta convicción debedora dunha actitude pouco afirmativa e discreta en exceso. Afirmamos o nacionalismo con teimosía pero evitamos rachar co independentismo con decisión. Se temos que explicala, a definición non é clara.
Escusamos alianzas coa esquerda estatal pretextando o noso carácter reformista e acentuando a nosa vocación galeguista ceibe de compromisos e disciplinas alleas, pero tampouco estamos presentes nos comicios e polo tanto a nosa imaxe esváese no balbúceo da impotencia.
Debemos tentar unha elaboración clara que nos permita saír da terra de ninguén, e romper definitivamente o cordón umbilical ideolóxico que a moitos impídelles definirse e actuar como galeguistas socialdemócratas, federalistas e europeístas convencidos.
Por descontado que teorizar a moderación ten un prezo. No plano orgánico proclamar “Nación si, Estado Non” escurece a gloria épica da loita pola independencia. Declarar a maioría de idade política posicionándose con decisión no centro do espectro político galego implica aceptar embates á dereita e esquerda no sistema de partidos. Afirmar que somos reformistas derivando dende a igualdade á xustiza e desafiar as opinións liquidacionistas de Europa como proxecto de unión supraestatal comporta o enfrontamento coas forzas nacionalistas e independentistas de esquerda. Defender posicións de pacto federal fronte ao dereito de autodeterminación e cuestionarse o eufemismo do dereito a decidir como se fora un pecado venial político, posiciónanos en contra da posibilidade de secesión de calquera territorio do Estado.
Aliñarse coa Constitución do 78 como expresión do acordo maioritario da cidadanía española como unha única depositaria da soberanía do Estado e declarar que a transición da Ditadura á Democracia foi un proceso cualitativamente distinto da Restauración da Monarquía en 1875, son marcas identitarias dun partido capaz de afrontar os custes de teorizar a moderación. Acometer con decisión a cuestión catalana en contra do dereito de secesión define postulados singulares tanto nos principios como nas análises. Esta elaboración orgánica e debate interno dun esquema galeguista e reformista de centro, ten que acadar unha posición hexemónica nas bases e na dirección de CxG que transmita á opinión pública unha actitude asertiva, non dubidosa e feble.
As recentes eleccións privaron a Galicia dun proxecto político autónomo e liquidaron ao mesmo tempo as posicións maximalistas. Deixaron a Galicia inerme politicamente de cara as eleccións autonómicas porque o centro-dereita permanece enfeudado ó Partido Popular, e a esquerda nacionalista facilita a hipotecado centro-esquerda ás “Mareas”, eufemismo ben claro de Podemos.
Temos que afrontar pois os custes de teorizar a moderación como forza autónoma ou ben diluírnos nas organizacións do nacionalismo clásico cuxo útero ideolóxico aínda non abandonamos. Compre lembrar que a función política por excelencia dos partidos reformistas foi sempre a de teorizar a moderación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.