Temas: DRONS

Regaláronme un dron, pero onde podo utilizalo?

As aeronaves pilotadas por control remoto foron sen dúbida un dos regalos máis populares deste Nadal, impulsados pola enorme caída dos prezos.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 13/01/2016 | Actualizada ás 00:00

Comparte esta noticia

Inicialmente os drons eran unha ferramenta profesional, que ía gañando terreo a medida que aumentaban a a súa autonomía e conquistaban novas aplicacións. O crecemento foi espectacular: en España hai arestora case un milleiro de operadores profesionais de naves autorizados polo Ministerio de Fomento, cando a finais de 2014 só había 50. 

Voando un prototipo dun dron
Voando un prototipo dun dron | Fonte: ZTebaykina wikipedia

Agora ben,  despois do ‘boom’ destas festas, os drons xa non só trebellos para fotógrafos, arquitectos ou reporteiros. Papa Noel e os Reis Magos democratizaron estes trebellos. Milleiros de nenos -e non tan nenos- están nestes intres nas súas casas preguntándose como e onde podo botar a voar por vez primeira o meu dron?

O primeiro que debemos ter en conta que o uso dun dron con fins puramente recreativos -a diferencia dos profesionais- non necesita habilitación da Agencia Española de Seguridad Aerea (AESA), a administración pública dependente de Fomento responsábel de regulamentar o uso destas máquinas. Agora ben, cómpre ter en conta unha serie de consellos básicos como sempre ter a vista a aeronave, non superar os 120 metros de altura e evitar zonas poboadas, pois seremos responsábeis civís de todas as desfeitas que poidamos causar co noso voo recreativo. 

Tamén existe unha serie de cousas que non debemos facer nunca: voar en zonas urbanas, voar sobre aglomeracións de persoas como por exemplo nunha manifestación, soltalo de noite, operalo preto de aeroportos ou lugares onde se practiquen deportes como paracaidismo, parapente, etc.

Para ampliar información, na páxina web da AESA pódense consultar as recomendacións oficiais mentres que blogs como, por exemplo, Mundodron, permítenos obter información máis en detalle para dar os nosos primeiros pasos con seguridade.

En definitiva, e mentres a AESA non remata de regular definitivamente este sector, cómpre lembrar que os drons -aínda que os trouxeran os reis magos- non son un xoguete, senón unha aeronave potencialmente peligrosa que, como todas as actividades nesta vida, require de certo sentidiño.

Temas: DRONS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta