Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/01/2016 | Actualizada ás 19:37
O caso Alvia xá e pasado, polo menos, nunha primeira fase xudicial. A responsabilidade pola morte de 80 pasaxeiros recae, finalmente e únicamente, no maquinista que aquel 24 de xullo de 2013 conducía o tren. Así o cre o titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela que ven de desestimar todos os recursos contra o auto co que se puxo fin á instrución do caso Alvia.
Deste xeito, o maxistrado Andrés Lago Louro dálle carpetazo a un caso que xa dura dous anos e que iniciou outro maxistrado, Luís Aláez, que tivo que deixalo en abril de 2014, tras tomar posesión como titular doutro xulgado do penal en Santiago.
Precisamente, foi Aláez o que considerou que, ademais do maquinista, as reponsabilidades podían estar nos responsables do ADIF que decidiron modificar o proxecto e aprobaron rebaixas na seguridade do tramo. Por iso decidiu imputar a cargos do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias a pesar da oposición do fiscal e da Audiencia Provincial.
Coa asunción do caso por parte de Louro, as imputacións dos responsables do ADIF quedaron en papel mollado e a única responsabilidade recaíu no maquinista do tren. Unha decisión que nin lle gustou aos avogados de Francisco José Garzón, nin a das vítimas, que presentaron sendos recursos.
Sen embargo, o xuíz desestimou todos, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a través dun comunicado, e agora queda pendente o emprazamento do xuízo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.