A Xunta destina a Educación e Sanidade dous terzos dos orzamentos de 2025

Esgota o teito de gasto e destina 1.415 millóns a políticas sociais e 446 a emprego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2024 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

A Xunta esgota o teito de gasto no proxecto de orzamentos da comunidade para 2025, cun total de 13.954 millóns de euros, deles 10.267 destinados a sanidade (5.434 millóns), educación (2.972 millóns), políticas sociais (1.415 millóns) e emprego (446 millóns). Este importe que a Xunta denomina gasto social sobe un 5% (490 millóns máis) respecto ao orzamento de 2024, por encima do incremento do 2,6% do global das contas. Así o destacou o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, na rolda de prensa posterior ao Consello extraordinario que deu visto e place ao proxecto, que está previsto que este sábado entre no Parlamento. Tanto Corgos como o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, reivindicaron o "rigor" destas contas e que "un ano máis" a Xunta preséntaos para telos aprobados "en tempo e forma", o cal contrapuxeron co que ocorre co Executivo central.

Consello extraordinario da Xunta. DAVID CABEZON @ XUNTA
Consello extraordinario da Xunta. DAVID CABEZON @ XUNTA | Fonte: Europa Press

"ESFORZO MOI ESPECIAL"

Rueda presentou estes orzamentos, "os máis altos da historia", como "consevadores", porque van "ao seguro" nas estimacións sobre o que recibirá a comunidade autónoma e nas previsións do cadro macroeconómico. Así, estiman unha alza do 2,1% do PIB en 2025, ano no que a Xunta calcula que a taxa de paro termine no 9,1%. "Galicia crece de forma continua e sostida unha vez superada a crise", subliñou o responsable de Facenda na súa exposición.

Tras resaltar que é a "primeira vez" que o gasto social supera os 10.000 millóns, Alfonso Rueda tamén reivindicou o "esforzo moi especial" no acceso á vivenda, con "especial énfase" en impulsar a oferta. Respecto diso, a Xunta cifra en 221 os millóns que dedica o orzamento á vivenda e cuantifica o aumento en 55 millóns. O obxectivo é terminar a lexislatura con 8.000 vivendas públicas.

"NON HAI UN PROBLEMA DE DÉBEDA"

"Alcanzamos de novo o máximo nivel de converxencia", chamou a atención Miguel Corgos na súa intervención, na que indicou que a moderación do IPC, segundo prevé a Xunta, "impulsará a recuperación do consumo dos fogares". No apartado de ingresos, situou no 15,7% o cociente de débeda/PIB e situouna seis puntos por baixo da media das comunidades autónomas. Neste escenario, aproveitou para lembrar que, segundo a Xunta, "aceptar unha condonación da débeda non é prioritario nin vantaxoso como está pactado para Cataluña", tendo en conta que "Galicia non ten un problema de débeda".

No lado dos gastos, o proxecto de contas públicas para o ano que vén contempla unha subida do 7,2% dos financeiros, ata 214,3 millóns. Corgos explicou que este incremento é "normal" e "acontece en función da evolución dos tipos" e en relación coa amortización dunha débeda que ten unha vida media de oito anos. "Estaba refinanciada a uns tipos moi baixos, preto de 0, e as condicións agora roldan o 2,5-3%", indicou.

PERSOAL E INVESTIMENTOS SOBEN UN 5%

Os gastos de persoal repuntan un 5,1%, ata 5.147 millóns, que inclúen o fondo de continxencia para o incremento salarial que aprobe o Executivo central para os empregados públicos, así como recursos "para cumprir compromisos" relacionados coa creación de novas prazas nos servizos públicos (1.400 en sanidade, máis de 100 delas para novos MIR, segundo os datos de Corgos). Os investimentos reais, pola súa banda, soben un 5,1%, ata 1.684,1 millóns. "Nunca o Goberno galego investiu tanto como o fará en 2025", asegurou o conselleiro. Respecto diso, cifrou en máis de 50 millóns de euros "adicionais" os que destinará a obra civil a axencia galega de infraestruturas despois do desembolso que evitará pagar peaxes na sombra.

IDIOMA E CONCELLOS

Xunto a todo isto, Corgos citou toda unha batería de medidas concretas, entre elas o pacto polo galego, extremo no que avogou por sacar a situación do idioma propio do debate político. Por último, sobre entidades locais, ademais da partida para asumir parte do incremento do canon de Sogama, cuantificou en 641 millóns de euros o que recibirán en 2025 e cifrou a alza en 30 millóns de euros.

REHABILITACIÓN E CONSTRUCIÓN VIVENDA

A Xunta bonificará a compra, construción e rehabilitación de edificios de vivendas destinadas ao aluguer, con medidas que aplicará ao imposto sobre transmisións patrimoniais e ao de actos xurídicos documentados. Ademais, dota con 2 millóns de euros "iniciais" o bono para favorecer a emancipación de mozas que anunciou o presidente galego, Alfonso Rueda, no Parlamento. Especificouno a preguntas dos xornalistas durante a rolda de prensa posterior ao Consello extraordinario que deu luz verde ao proxecto de orzamentos da comunidade para 2025 e tamén á coñecida como lei de acompañamento (de medidas fiscais e administrativas).

AP-9

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu a "sinceridade" do ministro de Transportes, Óscar Puente, cando o mércores asegurou que o traspaso da AP-9 a Galicia é unha cuestión "tremenda difícil". "Eu creo que o que pasa é que a vontade política é tremendamente baixa", apostilou. Así se pronunciou o mandatario autonómico a preguntas dos medios na comparecencia de prensa celebrada este xoves tras a aprobación dos orzamentos da Xunta para 2025 nun Consello extraordinario. "Hei de agredecer a sinceridade, que contrasta co que se nos está contando aquí", sinalou Rueda en referencia ás palabras de Ponte o pasado mércores no Congreso, cando arrefriou a transferencia da titularidade da AP-9 a Galicia, unha demanda do Parlamento de Galicia que se atopa en tramitación na Cámara baixa.

O BNG APRECIA "MALAS NOTICIAS" NAS LIÑAS AVANZADAS

BNG aprecia "malas noticias" nas primeiras liñas avanzadas polo Goberno galego dos seus orzamentos para 2025, que considera que están "recortados" e incorren en "moita propaganda" con "cero credibilidade" no apartado de vivenda. A deputada do BNG no Parlamento galego Noa Presas emitiu unha primeira reacción da formación frontista sobre as contas para 2025 que iniciarán o sábado o seu percorrido parlamentario.

"Estes orzamentos son malas noticias para Galicia porque anticipan uns orzamentos que outra vez volven carecer dun proxecto de país e que seguen instalados nos parches e na rutina sen ofrecer nada novo para os desafíos que teña o noso país por diante", sinalou Presas. Para a responsable de Economía no grupo frontista, trátase dunhas contas "recortadas" porque aumentan en comparación co ano pasado un 2,6 % cando o IPC se incrementou un 3,2 %.

"Isto significa que en 2025 prestar os servizos públicos vai custar máis e o que nos oferce o PP é un orzamento que non aumenta de forma suficiente", remarcou Presas, que criticou os "anuncios vacuos" do PP en asuntos como a atención ás persoas maiores e a política de vivenda. Sobre o primeiro, aprecia "grandes anuncios sen concretar" e, no segundo, "pouca credibilidade" nun goberno que no programa de acceso á vivenda no ano 2023 "deixou sen investir o 50% do programa, 32 millóns de euros".

"Orzamento após orzamento, moita propaganda, pouca execución e cero credibilidade en materia de vivenda", engadiu a deputada, que tamén critica as medidas avanzadas que incluirá a lei de acompañamento aos orzamentos. Neste sentido, cre que será "unha coladera que vai traer malas noticias outra vez prorrogando unha política fiscal que beneficia as rendas máis altas mentres drena recursos que poderían ir aos servizos públicos". Ademais, considera que as medidas fiscais en materia de vivenda favorecerán aos "grandes investidores". En resumo, o Bloque cre que as contas son "unha mala noticia" para Galicia porque carecen de "un proxecto de futuro" que "non atende aos grandes desafíos" do país, polo que avanza que estarán "á altura das circunstancias" presentando emendas "en positivo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta