Por Manuel Vilas | Vigo | 20/01/2016 | Actualizada ás 08:00
O sindicalismo é historicamente, polo menos maioritariamente, un movemento de esquerdas, que defende a igualdade entre as clases sociais. Así e todo, vostedes defínense como un sindicato "sen ideoloxía". Por que?
A defensa dos dereitos, a igualdade e da saúde dos traballadores debería ser un dereito universal, con independencia do modelo económico establecido no poder. Do mesmo modo, tampouco desexábamos que a vinculación política dos cidadáns lles impida formar parte da nosa formación.
Cal é a súa implantación na actualidade en Galicia e cales os seus plans de crecemento?
Cabe recordar que o sindicato a nivel Estatal conta con apenas un ano de vida e en Galicia apenas dous meses de funcionamento e aínda así, xa acadamos bos resultados nas eleccións nas que nos presentamos. En Galicia pretendemos presentarnos a maior cantidade de eleccións sindicais que se celebren no 2016, e tamen chegar os traballadores das microempresas que son os grandes olvidados das principais centrais sindicais.
Cal é o perfil típico da súa militancia?
O perfil da militancia actual en Galicia e bastante heteroxéneo. Dende estudantes, amas de casa, xubilados, autónomos, traballadores por conta allea e das AA.PP. e desempregados. Cun rango de idade que comprende dende os 19 ata os 70 anos.
Os medios de comunicación acostuman a colgarlle a etiqueta de seren "o sindicato de Podemos". Están cómodos con esa etiqueta?
Nunca negamos a nosa orixe, nós xurdimos dun círculo de Podemos, se ben é certo que na nosa I Asamblea Xeral celebrada o 7 de marzo do ano pasado decidimos non vincularnos con Podemos. Compartimos con Podemos moitos puntos comúns como o modo de funcionamento, o modo asambleario de toma de decisións, etc. pero non formamos parte da súa estrutura e non temos máis vínculos que o interese mutuo pola defensa dos dereitos e a saúde dos traballadores.
Manteñen algunha relación con Podemos Galicia?
Unha vez iniciada a andaina en Galicia a nosa intención e iniciar contactos con todas aquelas formacións políticas e sociais que teñan entre os seus principios a defensa dos dereitos, a igualdade e a saúde dos traballadores, e Podemos é unha delas.
Vostedes recoñécense como fillos do 15M. Que leccións aprenderon daquel movemento e que aplicación poden ter ao mundo laboral?
O que está claro e que non se pode gobernar a marxe da sociedade , os sindicatos o igual que as forzas políticas deben gobernar para a cidadanía. Os traballadores, a través das organizacións sindicais, debemos formar parte das tomas de decisións, dende as bases e para as bases. As organización sindicais deben ser transparentes, democráticas, participativas, éticas e intentar, co seu funcionamento, cambiar o modelo social por un modelo máis xusto.
A nivel de funcionamento, en que se diferencia Somos Sindicalistas dos grandes sindicatos do país como UXT, CIG ou Comisións? Deben as centrais estar vinculadas a grandes partidos para participar nun modelo de transformación social máis amplo co laboral?
A diferencia é substancial. Nós somos un sindicato de base; son os propios traballadores nas súas asembleas nos centros de traballo os que deciden o seu futuro, escollen os seus representantes, dende as executivas unicamente proporcionamos os medios para que eses afiliados poidan exercitar esta función. De este modo, cando se leva a cabo unha negociación só se tratan os problemas dos traballadores e non outras cuestión que pouco teñen que ver co proceso negociador e si máis co “que hay de lo mío”. No momento en que un sindicato esta vinculado a un partido político este está, de algún modo, condicionado. Se, por outro lado, os movementos sindicais están desvinculados políticamente a súa resposta na rúa ante as políticas regresivas coas clases traballadores pode ser moito máis contestaria.
Vostedes defenden un modelo sen liberados e sen subvencións. Se non é con axuda pública, de onde pode sacar un sindicato os recursos económicos suficientes para manter unha estrutura que lle permita ofrecer servizos de calidade aos seus afiliados?
A nosa proposta é arriscada pero consideramos que é a única que permite os afiliados ter o control do sindicato e da toma de decisións, xa que o non depende da financiación de ningún ente que poida impoñer contrapartidas que impidan o seu normal funcionamento. Na medida que aumente o número de afiliados, exponencialmente, tamén aumentan os recursos sendo o incremento do número de afiliados o mellor indicador para saber que as cousas se están a facer ben.
No Estado un dos puntos quentes para a negociación do novo Goberno é a reforma labroal, que o PP considera intocábel pero que o PSOE quere derrubar. Cal é o seu punto de vista sobre esta reforma?
Os recortes dos dereitos da clase traballadora están a producirse dende hai moitos anos pero foi a última reforma laboral o máis salvaxe dos ataques. O tempo demostrou que o único fin desta reforma foi abaratar o despido e precarizar as condicións de traballo. As consecuencias da reforma e que a día de hoxe aumentaron o número de contratos temporais a tempo parcial, os salarios caeron en picado, parouse en seco a negociación colectiva, multiplicáronse os descolgues de convenio, despedíronse traballadores con contratos de calidade para contratar outros traballadores con contratos subvencionados e salarios de miseria, etc. Nós estamos en contra da reforma laboral de 2012 [aprobada polo PP], pero tamén en contra da anterior de 2010 [aprobada polo PSOE].
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.