Por Manuel Vilas | Bruxelas/Santiago/Vigo | 22/01/2016 | Actualizada ás 14:32
Así, a maior asociación cultural do país, móstrase avergoñada tras as “rotundas recomendacións sobre o galego” publicada o xoves dende o Consello de Europa. Polo contrario, Galicia Bilingüe, o colectivo contrario a normalización do idioma, asegura que as recomendacións dos expertos non son contrarias a un ensino íntegro en castelán, ou en galego.
Que din realmente os expertos? Primeiro fan unha constatación dunha evidencia: “a redución gradual de educación nun entorno en galego en Galicia, incluíndo o nivel de asistencia, é causa para preocupación para os falantes. Ademais, a lexislación vixente limita o uso de galego en educación a un máximo de 50%”, sinala o informe.
Os técnicos son moi claros sobre os prexuízos asociados ao que a Xunta chama “Decreto do Plurilingüismo”. Así consideran que o texto “limita o ensino en galego a un máximo de 50% coa finalidade final de reducilo máis até un terzo”. Ante isto conclúen que a norma cae en “contradición coas garantías escollidas polas autoridades baixo o Capítulo, que requiren educación predominantemente en galego”.
Ademais, indcan que “as garantías nas etapas preescolares e en educación primaria e secundaria non son cumpridas”, en referencia as garantías que asumiu España para as linguas minoritarias ao asinar a citada carta.
Ante estas eivas, o Comité de expertos “insta fortemente as autoridades para que fagan dispoñíbel a educación nunha contorna en galego a niveis apropiados”.
A Mesa relaciona o ditame coas protestas na rúa contra o “Decretazo” pois “esta chamada de atención é resultado de 6 anos de mobilizacións a favor do galego”. O seu presidente Marcos Maceira reclama que “mentres non se elabore un novo decreto de consenso, se eliminen todas as restricións ao uso do galego”.
Non o ve así Galicia Bilingue. A asociación de Gloria Lago sinala que outros países tamén asinantes da carta deixan que os pais escollan escolairzar os cativos na lingua non estatal, pero que non están obrigados a elo. Ademais, lembran que o Tribunal Constitucional garantiu o dereito dos pais a seleccionar aulas “sólo en castellano”.
Tras coñecer o texto, a Xunta de Galicia prometeu que "tomará en consideración as recomendacións do Consello de Europa para o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias". O Executivo tenta pintar unha situación menos dramática ao lembrar que "o galego segue sendo a lingua maioritaria de Galicia, cun dos máis altos graos de coñecemento e de uso entre todas as linguas minoritarias de Europa".
En concreto a Secretaría Xeral de Política Lingüística manifesta a súa vontade de seguir as recomendacións do Consello de Europa e indicou que "nalgúns puntos, xa están en marcha medidas de mellora de recente aplicación".
Así, por exemplo, lembrou que para o ámbito da Xustiza, a partir do 1 de xaneiro implantouse o sistema de presentacións, notificacións e comunicacións electrónicas entre os xulgados e os profesionais que facilita o emprego da lingua galega en igualdade de condicións ca o castelán. Ademais, recordou que recentemente se presentou no Parlamento de Galicia un Plan de Dinamización da Lingua Galega no Tecido Socioeconómico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.