Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/12/2024 | Actualizada ás 22:00
Durante moitos anos houbo familias enteiras no rural galego que viviron do que lles proporcionaba a terra, non só a nivel sustento, senón tamén económico. A xente tiña hortas que cultivaba e das que, tras servirse para a casa, vendía o excedente; gando que lle aportaba leite e que, chegado o momento, mandaba para a carne; e auga provinte dos pozos que lles abastecía a diario e que tamén lles servía para as tarefas de limpeza e o aseo. Ademais de todo isto, practicamente todas as familias contaban con algunhas fincas no monte nas que, plantando piñeiros, frondosas e, máis recentemente, coa chegada de Ence, eucaliptos, lograban asegurarse percibir unha boa cantidade de diñeiro cada decenio, cartos que empregaban para mercar un novo coche, facer reformas na casa ou pagarlle a universidade aos fillos. Sexa como fose, deses tempos xa pouco queda en Galicia, cun rural en horas baixas no que xa case non hai xente nova, pois toda marcha vivir ás cidades, e no que a que queda non se interesa por seguir vivindo dun sector primario que semella ser menos rentable a cada ano que pasa. Dende o Galicia Confidencial falamos con Xosé Covelo, enxeñeiro de montes e director técnico da Asociación Forestal de Galicia (AFG).
Calquera que percorra estes días as estradas que transitan polos montes galegos, vaise dar conta de que hai feixes e feixes de troncos de madeira apilados ás beiras. Trátase de madeira que foi cortada nestas datas do ano porque, na súa maioría, procede de fincas que pertencen a propietarios particulares que aproveitan estas datas para chamar á empresas de tala e así vender a meirande parte das árbores, pero quedarse cunha canta madeira para abastecer a cheminea durante os meses máis fríos do inverno (xa que a maioría deles viven en casas do rural que contan con cociña de leña). De feito, como explica Covelo, "os madeiristas adícanse á corta durante todo o ano, non paran nunca, pero si que adoitan empregar os meses de primavera e verán, nos que non chove ou chove menos, para facer os traballos nos montes de maior complicación, os máis grandes e tamén os que producen maiores rendementos, pero, á vez, céntranse nesta época para traballar nos menos mecanizables, debido ás características do terreo". Deste xeito, nos meses de outono e inverno "os montes que lles quedan para talar son os máis cómodos e accesibles". Agora ben, asegura que "cortas como tal fanse ao longo de todo o ano, e os permisos para facelas tamén se dan ao longo de todo o ano".
EN GALICIA HAI 1,3 MILLÓNS DE HECTÁREAS DE MONTE PARTICULAR, DAS QUE PROVÉN A MAIOR FACTURACIÓN ANUAL, FRONTE A 700.000 DE MONTE VECIÑAL
Galicia, ademais, conta cunha particularidade que non hai en moitas outras zonas: hai máis fincas pertencentes a propietarios particulares que montes veciñais. Segundo apunta Covelo, aproximadamente hai na nosa terra 1,3 millóns de hectáreas de monte particular, entre 600.000 e 700.000 hectáreas de monte veciñal (últimos datos, correspondentes ao ano 2021). Así, "a maioría de cortas fanse en montes particulares", afirma, que apunta que "a facturación da tala de madeira ligada aos montes, en xeral, anda entre os 160 e os 180 millóns de euros anualmente, e gran parte dela deriva das talas en montes particulares". Montes moi maduros, xa evolucionados, poden deixar ao seu propietario un ingreso de ata 4.000, 5.000 ou 6.000 euros por hectárea. No caso de que haxa un mercado con abundante demanda de eucalipto ou piñeiro, a rendibilidade que se pode sacar pode chegar ata os 9.000, 10.000 ou 11.000 euros por hectárea. "Hai que ter en conta que, para moita xente do rural, estes ingresos permitiron no seu día, e aínda agora, mercar un coche novo, facer obras na casa ou pagar os estudos dos fillos", reflexiona Covelo, que tamén chama a atención sobre o feito de que "as estatísticas demostran que preto do 82 % das solicitudes de tala de madeira son de persoas residentes en Galicia, o 67 % aproximadamente de xente que vive na mesma comarca na que se atopan as fincas, e o 48 % de xubilados". "Os ingresos derivados da tala de madeira son un complemento moi importante para a xente do rural que percibe unhas pensións de xubilación moito máis baixas que as da xente de zonas urbanas, derivadas do traballo no agro", plantexa.
Nun tempo no que se fala moito de abandono do rural e de perda de interese polo sector primario, Covelo apunta que "realmente no sector da madeira non se pode falar dunha única Galicia, senón que realmente hai moitas Galicias, polo que o que acontece nunha non acontece noutra, e viceversa". De tal maneira que non se pode xeralizar. O que si confesa é que "no norte de Galicia, por exemplo, na zona centro e norte das provincias da Coruña e Lugo, o dinamismo do propietario particular é moi elevado", o que provoca que "non haxa fincas abandonadas", pois "sempre están en produción". Desas zonas é de onde sae, precisamente, a maior parte da madeira que se produce ao longo do ano: entre 8 e 10 millóns de toneladas de madeira (5 ou 6 millóns de metros cúbicos de eucalipto, 3 ou 4 millóns de piñeiro e 300.000 ou 400.000 metros cúbicos de frondosas). Pola contra, tamén destaca que, "no sur, o que goza de maior dinamismo son as comunidades de montes, non así os propietarios particulares". Este é o caso da cornixa atlántica, onde "o problema radica na xeralización do minifundio e mesmo do microminifundio, parcelas moi pequeniñas en zonas nas que, por estar máis ligadas á cidade, a actividade económica da poboación non está ligada ao sector primario". Nestes lugares, Covelo confesa que "si que hai moitas parcelas de montes particulares que se atopan en estado de abandono ou con baixa actividade".
"O DESPRAZAMENTO DA POBOACIÓN CARA AS GRANDES CIDADES DERIVA EN MONTES SEN XESTIONAR OU XESTIONADOS POR XENTE DE IDADE MOI AVANZADA"
Nestes casos, o director da Asociación Forestal de Galicia asegura que se dan dúas posibilidades que se repiten continuamente: "por unha banda, temos o propietario que ten a súa parcela e nunca fai traballos nela, coma se estivese abandonada, un caso moi habitual; e, pola outra, temos o caso do propietario que ten a súa parcela e nunca corta, polo que semella tela abandonada, pero que, chegado un ano, ve que ten madeira suficiente e decide cortala, volvendo deixar despois novamente o monte parado e sen actuar sobre el, o que tamén volve producir unha sensación de abandono". Como insiste, "estas situacións danse sobre todo na vertente atlántica de Galicia", mentres que "no norte do territorio si que hai moito dinamismo". Así mesmo, tamén apunta que, "na zona da provincia de Pontevedra que non está pegada á cornixa atlántica e nunha parte da de Ourense, o que predomina é tamén o dinamismo, pero dinamismo que vén da man de comunidades de montes, e non de propietarios particulares". Algo cara o que asegura que debería encamiñarse o sector para garantir o seu futuro: "O poder unificar esas parcelas e microparcelas de propiedade particular en zonas de xestión forestal conxunta é unha fórmula que leva anos tratando de potenciarse e que permitiría transformar todas esas micropropiedades que caracterizan á nosa terra, en propiedades de maior tamaño, economicamente viables e, sobre todo, cunha xestión moito máis sinxela coa que evitar problemas como os incendios ou o abandono".
Así, dende o punto de vista de Covelo, "iso é fundamental", pero tampouco o é menos lograr "que haxa xente no rural", fronte "ao que estamos vendo, fronte ao desprazamento da poboación cara as grandes cidades", que "deriva en que os montes non se xestionan porque non hai xente". "Non se lle poden pedir peras ao olmo: se non hai xente, non hai ninguén que xestione a zona tampouco", evidencia. É por iso que advirte de que "o relevo xeracional é un dos grandes problemas do sector forestal, xunto ao abandono rural". "A falta de relevo xeracional fai que as fincas e as comunidades de montes queden xestionadas por persoas de moi avanzada idade que cada vez teñen menos capacidade ou menos apetencia para seguir facendo ese traballo coma antes, porque ao final a xestión dos montes é algo que dá traballo: hai que contactar cunha empresa, ir alí... Ten a súa dificultade", plantexa. Así, agora mesmo "os fillos e netos destas persoas marcharon para as cidades, abandonaron o rural e, con el, esas parcelas". Ante esta preocupante situación, dende a Asociación Forestal de Galicia convidan ás persoas que se atopen nestes casos a "ter unha maior corresponsabilidade co medio rural, pois, ao final, tamén se trata de coidar as propiedades das súas familias", propiedades que no seu tempo tiveron que gañarse co suor da fronte. Aínda que Covelo tamén concede que "dicilo sempre é máis fácil que implementalo na práctica".
"AS MOITAS FINCAS CON PROPIETARIOS DESCOÑECIDOS E AS HERDANZAS SEN PARTICIÓN, REMATAN FACENDO QUE SE PERDA A TRAZABILIDADE DA PROPIEDADE"
Pero, no caso de non poder facelo ou de non atopar o tempo preciso, volve insistir na opción de delegar esas parcelas en agrupacións de xestión conxunta de montes. Dende a propia Asociación Forestal de Galicia ofrecen esta posibilidade e dispoñen dun equipo técnico con iniciativa para dinamizar estes terreos agrupados. "En todo caso, para iso, hai que ceder responsabilidades: se eu teño unhas fincas que non coido e as cedo a unha entidade que vai formar a agrupación de xestión conxunta ou a un veciño moi dinámico que quere asumir esa xestión, estou facendo que eses terreos non queden abandonados, aínda que, despois, obviamente, se chegan a xerar algún beneficio, me leve a parte correspondente", plantexa Covelo, que incide en que "para chegar a iso hai que poñer a terra a disposición da xente que ten ganas de traballar ou a xestores forestais e equipos técnicos que están sobre o territorio dispostos a desprazarse ao rural a dinamizar e contratar traballos sobre os que realizar logo un seguimento". Ese é o reto actual: conseguir que os propietarios de terras que xa non están no rural, sobre o terreo, cedan a xestión das súas terras, sen por iso deixar de percibir beneficios por elas.
A esta problemática súmase en Galicia outra particularidade: a gran cantidade de fincas e superficie que aparecen con propietarios descoñecidos no rexistro, ou en herdanzas sen partición. "Ao final remátase perdendo esa trazabilidade da propiedade e xa queda moi difícil para os interesados en volver explotar esas terrar dar co seu propietario", lamenta Covelo, que asegura que, neses casos, "adoita recorrerse a fórmulas legais que permiten dinamizar ese terreo mentres non aparece o seu (ou os seus) propietarios", de maneira que "cando apareza o propietario en cuestión se regularice a situación como proceda en cada caso". O importante, como explica, "é que mentres estean en estado de abandono non se poñan atrancos a traballar sobre elas con algunha iniciativa concreta da zona". "Dende o sector forestal levamos xa tempo pedindo que se flexibilicen as formas de poder agrupar propiedades que se atopan en abandono, para poder xestionalas", reivindica. Isto é algo que, como vimos, acontece moito na vertente atlántica, mentres que na parte norte de Galicia, "os propietarios actuais das terras son máis coidadosos e amósanse máis preocupados por ter as súas propiedades ben certificadas, arregladas ante notario e deixadas en herdanza aos fillos".
"A MADEIRA É UN MATERIAL SUBSTITUTIVO DOUTROS QUE TEÑEN NA SÚA FABRICACIÓN UNHA PEGADA DE CARBONO DEZ, VINTE OU ATA CEN VECES MAIOR"
Así mesmo, nun mundo cada vez máis concienciado medioambientalmente, tamén xurdiron nos últimos tempos múltiples detractores da tala de madeira xustificando as súas protestas en que coa corta de árbores, faise un dano aos ecosistemas. Respecto disto, Covelo apunta que "calquera actividade forestal ten que ser medioambientalmente sostible, e, para iso, hai unha serie de indicadores e de criterios aos que nos debemos adherir para proceder á tala correcta e baixo a legalidade nunha propiedade, entre eles, a reposición do arbolado". Ademais, pon o acento sobre o feito de que "a maioría do monte galego, nos anos 40 e 50 do século pasado, estaba composto por zonas de matogueiras e monte raso, polo intenso esquilme que sobre as terras se levou a cabo por parte da xente do rural que usaba as terras para o uso gandeiro e agrario". Sen embargo, chegou un momento no que, "coa finalidade de dinamizar o monte e obter uns ingresos extra, ou simplemente de crear zonas de protección e defensa contra incendios, ou para aumentar a biodiversidade, comezaron a facerse intervencións de plantación de árbores e posterior corta". Piñeiros, frondosas e, tras a chegada de Ence, eucaliptos, "árbores que lle desen un ingreso aos seus propietarios".
Ademais, Covelo tamén reflexiona sobre o feito de que, verdadeiramente, a madeira é un elemento moi importante a ter en conta nestes tempos de transición ecolóxica e de loita contra o cambio climático, porque "pode ser substitutiva doutros materiais que teñen elevada pegada de carbono e que contaminan dez, vinte ou ata cen veces máis do que o fai a madeira". De feito, resalta que "todo o mundo sabe que o mobiliario en madeira é moito máis ecolóxico que o de plástico, ao igual que a construción en madeira, pero, para que ese tipo de estruturas sexan posibles, hai que proceder á obtención da mesma, algo que só é posible a través da tala". Así, o director da Asociación Forestal de Galicia destaca que "coa madeira logramos reducir drasticamente a pegada de carbono que supón a industria que fabrica noutros materiais, como o plástico e o aceiro, cuxa actividade ten un impacto ambiental moi elevado". "Os nosos bisavós facían un mellor aproveitamento das nosas masas arboradas e non xeraban a contaminación que xeramos nós coas actividades actuais noutros sectores", reivindica Covelo, que apunta a que "os aproveitamentos dos montes e das masas forestais van máis aló da tala de madeira, pois os montes galegos tamén son excelentes produtores de cogomelos e castañas, por exemplo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.