Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/12/2024 | Actualizada ás 14:35
A Galicia emigrante foi fundamental para manter a identidade de Galicia, a súa galeguidade, o seu sentimento nacional e, sobre todo, a loita que galeguistas históricos na defensa dos dereitos acadados durante a Segunda República. Principalmente, a consecución dun Estatuto de Autonomía que recoñecía a nacionalidade do noso país.
E, para lembrar esta situación, varios centros galegos de Arxentina e Uruguai, realizaron unha homenaxe este 6 de decembro en Bos Aires á constitución hai 80 anos do Consello de Galiza, o primeiro goberno galego. Foi un acto no que estivo moi presente a contribución dos centos de milleiros de emigrantes no desenvolvemento de Galicia e, sobre todo, no papel fundamental que a Galicia exterior tivo para conservar a nosa identidade e o noso espírito nacional durante os longos anos da dictadura.
Segundo informan colectivos emigrantes a Galicia Confidencial, a homenaxe consistiu nunha ofrenda floral no Camposanto da Chacarita, en lembranza de toda a emigración galega no que interviu Francisco López, ‘Chesqui’, o secretario xeral do Partido Galeguista, e logo outro acto no Centro Galego. Contou coas intervencións do presidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén; Ramón Suárez, presidente do Centro Galego; Carlos Brandeiro, director xeral do Colexio Arxentino-Galego Santiago Apóstol de Bos Aires; Carlos Ameijeiras, delegado por Arxentina para as Comunidades Galegas, ademais de ‘Chesqui’ e membros das colectividades catalá e vasca.
As entidades convocantes foron o Centro Galego de Bos Aires, o Centro Galicia, a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, o Patronato de Cultura Galega de Montevideo, o colexio Santiago Apóstol, a Fundación Xeito Novo, A.B.C. de Corcubión, Centro Betanzos, Centro Cltural da Estrada, Hogar Gallego para Ancianos de Bos Aires, a Fundación Castelao, a Fundación Alexandre Bóveda e a Fundación Galicia-América.
Non houbo apoio, nin presenza de ningún membro da Xunta, nin tampouco de ningún dos principais partidos galegos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.