Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/12/2024 | Actualizada ás 18:23
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou no nomeamento dos novos confrades da Confraría do Viño do Condado de Tea e Espumosos, onde recoñeceu a promoción e o traballo dos máis de 1.500 viticultores da subzona do Condado dentro da DO Rías Baixas, "a segunda con maior volume de uva recollida".
Así o destacou no marco da 'X Festa do Viño Espumoso da Denominación de Orixe Rías Baixas', celebrada na localidade pontevedresa Salvaterra de Miño. Alí, subliñou o "bo facer" dos viticultores e adegueiros da subzona do Condado dentro desta DO, "na que ten especial relevancia a produción de espumosos".
Neste contexto, Gómez destacou a produción de espumosos nesta DO, que pasou nos seus inicios, fai máis de dez anos, de seis adegas e 18.000 litros ata as 22 adegas actuais e superar os 110.000 litros producidos. Neste sentido, incidiu nos "bos resultados" obtidos pola DO Rías Baixas na vendima deste ano, con máis de 42 millóns de quilos "de uva de gran calidade".
Con todo, a Xunta lembrou nunha nota de prensa as axudas da convocatoria de 2025 para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, dotadas con 11,4 millóns de euros, "cun incremento do 75% con respecto á anterior".
Nesta liña, a conselleira referiuse a a promoción dos produtos agroalimentarios galegos e sinalou o 'Plan Saborea Calidade Diferenciada' co que se destinarán no próximo ano 8 millóns de euros para "financiar accións directas da Consellería de Medio Rural" e as axudas aos consellos reguladores para difusión dos seus produtos e para controis de calidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.